PRUX do PN da Serra de Enciña da Lastra

SGHN considera que o borrador de PRUX do PN de Enciña da Lastra é deficiente, insuficiente e mesmo alegal/ilegal (PDF) .

  • A extensión dos capítulos non garda coherencia co agardable nun PRUX. Así, ao plan de emerxencias adícanselle 42 páxinas, case tanto como á diagnose do Parque Natural (50 páxinas), e moito máis do empregado para a normativa zonal (22 páxinas), ou as medidas e normativa por compoñentes e actividades (25 páxinas).
  • A cartografía aportada ten unha calidade lamentable, impropia dun PRUX. Non permite visualizar con claridade o contorno do espazo, as diferentes zonas ou os elementos territoriais incluidos no mesmo.
  • Algúns apartados non inclúen información actual, e continúan repetindo referencias clásicas que na actualidade están moi superadas.
  • En varios apartados cita normativas de xeito incorrecto e outras que na actualidade xa están derrogadas.
Penarrubia no PN da Serra de Enciña da Lastra
Penarrubia no PN da Serra de Enciña da Lastra

Actuacións lesivas pero “autorizables”

Resulta inadmisible que no PRUX do PN de Enciña da Lastra non se atopen prohibidas, e si “suxeitas a autorización do organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural”, diversas actuacións que supoñen unha merma significativa do estado de conservación dos hábitats e as especies de interese:

  • Os cambios de usos que supoñan a desaparición ou diminución significativa do estado de conservación (diminución da superficie, modificación da estrutura, cambios nas funcións ecolóxicas) dos tipos de hábitats de interese comunitario ou dos hábitats das especies de interese para a conservación.
  • A eliminación de sebes e bosquetes nas áreas de aproveitamento agrícola ou gandeiro.
  • A fumigación con equipos aéreos.
  • A liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente.
  • O depósito de lodos de depuradoras industriais ou urbanas, así como o seu emprego como fertilizantes ou emendas dos solos agrícolas.
  • A “limpeza dos leitos” contemplada entre as medidas correctoras dos bosques aluviais. Esta actuación, ademais, sería contraria á Directiva Hábitat, á Ley 42/2007 e ao Decreto 37/2014.

Vulneración da normativa vixente

  • O borrador do PRUX sometido ao trámite de exposición pública supón unha flagrante e continua vulneración da normativa da Unión Europea (Directiva AvesDirectiva Hábitat), da normativa española (Ley 42/2007) e da normativa galega (Lei 9/2001), asumindo criterios e contemplando directrices contrarias aos obxectivos e obrigacións dun Parque Natural e das outras figuras de áreas protexidas que coinciden neste mesmo territorio.
  • A descoordinación das normas de xestión entre PRUX e PORN, orixina incoherencias e inseguridade xurídica, incumprindo a Ley 42/2007.
  • A tramitación do PRUX do PN da Serra de Enciña da Lastra incumpre a Ley 21/2013, pois non se someteu a avaliación ambiental estratéxica.

Un orzamento cativo

A estimación económica do PRUX prevé un gasto anual de 118.000 € para os vindeiros 6 anos. Esto supón unha previsión de gasto anual por unidade de superficie do espazo de 37 €/ha. É dicir, apenas a metade do promedio nos espazos protexidos españois e unha cuarta parte do desexable segundo a bibliografía.

Peticións de SGHN

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (PDF)  que:

  • Se desbote o borrador de PRUX do PN de Enciña da Lastra.
  • Se inicien os traballos para dotar ao Parque Natural dun PRUX:
    • Redactado en base ao coñecemento científico-técnico dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade presentes no Parque Natural, así como das necesidades de conservación destes compoñentes, garantindo esta a curto ou longo prazo.
    • Que ordene de forma obxectiva os usos e a xestión do espazo, evitando ou minimizando toda afección sobre os compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade que determinaron a declaración do Parque Natural.
    • Tendo en conta as alegacións de SGHN.
  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram