Rede Natura en Galicia: polo mal camiño

A palla no ollo alleo…

Fai unhas semanas, a Xunta de Galicia protestaba pola decisión do Comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Unión Europea pola decisión de establecer zonas de exclusión para a pesca de arrastre en áreas con ecosistemas mariños sensibles, proposta amparada na Estratexia de Biodiversidade da UE 2030 e en distintas disposicións europeas. As críticas a esta decisión vertidas pola Xunta de Galicia e amplificadas en varios medios de comunicación fan referencia á calidade dos datos científicos que sustentan a decisión, a delimitación xeográfica das propias zonas, a non realización dunha valoración adecuada dos impactos que poidan xerar estas medidas e a falta de consideración da opinión dos sectores implicados. Os argumentos esgrimidos pola Consellería de Pesca encádranse na propia norma europea que regula a formulación destas actuacións.

… e a viga no propio

Neste mesmo período o Comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Unión Europea, nunha resposta escrita ao eurodeputado do PS de G-PSOE, Nicolás González Casares, lembrou que o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (en adiante, Plan Director) non esta adaptado ás esixencias formais marcadas pola Comisión Europea. Así se recolle nos emprazamentos da Comisión ao reino de España en 2015 e 2020 nos que se expón a necesidade de obxectivos específicos, cuantificados ou medibles (en canto a quen fai que, onde, cando e como) para os tipos de hábitats e especies de interese comunitario nos distintos espazos da Rede Natura 2000 (en adiante RN-2000) para garantir a súa aplicación efectiva.

A este grave e continuo incumprimento de Galicia habería que unir a falta de designación de novas superficies ou de novos espazos da RN-2000 para dar resposta á deficiencia na representación de determinados tipos de hábitats e especies da rexión mediterránea e atlántica. Deficiencia que xustificou en 2011 a proposta de ampliación da RN-2000 de Galicia en 500.000 ha que, tras efectuar todos os seus trámites foi anulada pola Xunta de Galicia, sen achegar un criterio obxectivo e menos aínda unha nova proposta de ampliación. En Galicia a superficie de RN-2000 representa só un 11,7% do territorio, unha porcentaxe das máis baixas da UE e moi afastada dos criterios fixados pola UE na Estratexia de Biodiversidade (30% de superficie mariña, 30% de superficie terrestre).

A contra corrente coa Rede Natura

Resulta paradoxal que mentres que a Comisión Europea esixe a Galicia incrementar a superficie de áreas naturais e adecuar o Plan Director establecendo obxectivos concretos e medibles, que garantan a conservación ou no seu caso a restauración dos hábitats e das especies de interese comunitario nun estado favorable, o Consello de Goberno de Galicia pretenda facer unha modificación do Plan Director que nada ten que ver coas esixencias fixadas pola Comisión Europea e que fomentaría actividades que poderían redundar nunha afección significativa aos hábitats e ás especies de interese comunitario. Unha proposta elaborada sen unhas mínimas garantías que sitúa a Galicia nun novo marco de incumprimento das normativas europeas.

O procedemento do Consello de Goberno de Galicia para modificar o Plan Director é moi criticable pola ausencia tanto de datos científicos que sustenten a decisión como dunha valoración adecuada dos impactos que poidan xerar estas medidas e dunha consulta aos sectores implicados. Ademais, compre salientar que pola súa condición de Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, a modificación ou revisión do Plan Director esixe, entre outros aspectos:

  • Un procedemento de participación pública en cumprimento do artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).
  • Trasladar a proposta de modificación aos órganos consultivos en materia de Medio Ambiente (Consello Gallego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible;  Observatorio Galego da Biodiversidade) que aínda non foron informados.

Aspectos negativos da proposta

Tendo en conta o cadro normativo europeo, estatal e autonómico, a proposta de modificación do Plan Director divulgada polo Consello de Goberno de Galicia incorre ao noso entender nun conxunto de aspectos negativos que obrigan a rexeitala:

  • Acorde co Tratado de Funcionamento da UE, a proposta debería ser avalada polos mellores datos científicos, de forma que se garanta en todo momento que as medidas expostas non teñan un efecto negativo sobre o estado de conservación dos hábitats e das especies de interese comunitario. Non existe ou non se presentou ningún documento científico e/ou técnico que avale estas medidas.
  • A consideración de medidas necesaria para a xestión dos hábitats e as especies de interese comunitario debería ser coherente cos obxectivos específicos establecidos para estes. Precisamente, como salientan os emprazamentos da Comisión (2015, 2020), este aspecto constitúe unha deficiencia do Plan Director que non foi aínda resolta pola Xunta de Galicia. O requirimento da Comisión de obxectivos específicos, cuantificados ou medibles (en canto a quen fai que, onde, cando e como), é igualmente esixible á formulación da proposta presentada no Consello do Goberno de Galicia.
  • Algunhas das medidas cualificadas como “positivas” (creación de pasteiros, establecemento de pistas, uso do lume sobre hábitats de interese comunitario, etc), son consideradas na literatura científica e nos propios informes publicados pola Comisión Europa como “negativas” para lograr os obxectivos da RN2000. Resulta estraño e anacrónico que se recuperen medidas propias do ICONA ou do Patrimonio Forestal Español, que tiveron efectos moi daniños na conservación da biodiversidade de Galicia, mentres se exclúen outras que demostraron a súa efectividade, en numerosos territorios da rexión Atlántica.
  • No documento fíxanse porcentaxes para rozas de vexetación sen ningún tipo de análise ou estudo que os sustente. Xa que logo, esta medida en ningún caso se axustaría aos requirimentos expostos no artigo 4 da Directiva 92/43/CEE e podería afectar moi negativamente ao estado de conservación dun gran número de hábitats e especies de interese comunitario, levándoos a unha situación de non retorno.
  • Na proposta non se contempla ningunha medida que redunde nunha mellora cuantificable no estado de conservación dos hábitats ou das especies de interese comunitario.
  • A Xunta de Galicia segue sen abordar a regulación de aspectos clave que están a incidir de forma moi negativa sobre os espazos da RN2000 e que poderían determinar a necesidade dunha revisión do Plan Director. Entre eles cabería citar:
    • Urbanización e construción de vivendas residenciais sobre áreas ocupadas por hábitats de interese comunitario. A situación resulta moi preocupante especialmente nos espazos RN2000 no litoral da Coruña e Pontevedra. Como se pode seguir autorizando ou permitindo a construción de vivendas sobre hábitats de interese comunitario?
    • Intensificación de usos agrícolas, gandeiros e forestais que superan amplamente os limiares da sustentabilidade e contradín os criterios fixados no artigo 6 da DC 92/43/CEE e no propio Plan Director.
    • Falta de vixilancia e excesiva permisividade nas actividades de uso público como tolerar o uso de megafonía en área próximas aos espazos RN2000, ou o tránsito de vehículos (mesmo o estacionamento, incluindo autocaravanas), cabalerías e persoas sobre hábitats prioritarios ou de interese comunitario (dunas brancas, dunas grises, cantís, etc).
    • Descontrol en relación coa presenza e expansión de especies exóticas invasoras, que afectan a todos os espazos da RN2000 e especialmente aos situados nas áreas de maior termicidade do territorio.
    • Uso ilegal de munición con chumbo en actividades desenvolvidas en humidais da RN2000, malia os reiterados requirimentos do Defensor del Pueblo.
    • Proliferación de especies alóctonas de crecemento rápido (Eucalyptus, Pinus, Acacia).
    • Perda da conectividade ecolóxica dentro dos espazos da RN2000 e entre eles.
    • Degradación sistemática extrema dalgunhas áreas como as ZECs Serra do Careón, Costa Ártabra e Brañas de Xestoso.

En conclusión

Galicia atópase situada en materia de medio ambiente e biodiversidade, no furgón de cola das rexións da Unión Europea. A proposta de modificación do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e presentada diante do Consello de Goberno carece do mínimo rigor e formúlase á marxe dos criterios da normativa ambiental e dos requirimentos fixados pola Comisión Europea.

Estamos pois, ante unha estratexia desnortada e absurda que introduce a Galicia nun escuro labirinto de incumprimentos. Un mal camiño no que non é posible esperar nada positivo, e que pode levar á completa destrución do exiguo e mal coidado Patrimonio Natural de Galicia.