Resume da 4ª Quedada no Museo (QnM)

Nesta 4ª xornada das QnM contamos coa participación do noso socio o biólogo mariño Joám Luís “Cesio” Ferreiro. Na súa exposición, Cesio falou da problemática dos plásticos e doutros elementos contaminantes no mar. Houbo momento tamén para coñecer as diferentes artes de pesca e as consecuencias da súa mala xestión neste eido.

Como bo coñecedor, Cesio explicounos un pouco da evolución, bioloxía e ecoloxía de certos organismos mariños vertebrados e tamén invertebrados, como son os poliquetos, os sipuncúlidos, os nemertinos, etc.

De seguido, e ao respecto da obra “Reseña de la Historia Natural de Galicia” do naturalista ferrolán Víctor López Seoane, Pablo Torrella comentou algunhas cousas sobre a súa relación con outros naturalistas que foi descubrindo ao revisar a correspondencia destes.

A este mesmo respecto dos antigos naturalistas, seguidamente enlazamos coa interesante presentación no MHNF do libro do investigador e divulgador Rafael López Loureiro que leva o título “Martín Sarmiento, o primeiro naturalista”, editado por Edicións Embora (cuxa presentación tivo lugar o pasado xoves 7 de marzo no salón de actos do MHNF), e lembramos, aproveitando o nome do autor Rafael López Loureiro como impulsor da iniciativa, a tamén inminente conmemoración do 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego.

Soubemos de máis eventos, como a charla que terá lugar no Campus de Esteiro a cargo do socio Pablo Torrella, quen expoñerá un pequeno proxecto de estudo para coñecer os escaravellos saproxilófagos que habitan as árbores vellas do xardín do Campus de Esteiro da UDC, coa participación do voluntariado do Green Campus. A súa charla será na sala de audiovisuais da EUDI no Campus de Esteiro (Ferrol) o mércores 13 de marzo ás 12:30, e aínda que esta é libre e gratuíta, dende a UDC veñen a recomendar a inscrición previa.

Sen deixar de lado este apartado de eventos de divulgación ambiental, na pasada QnM informamos da presentación dunha mostra fotográfica do autor Bieito Arias titulada “Aves no esteiro do Eume”. Esta será o venres 15 de marzo ás 20:00 h, na Casa da Cultura de Pontedeume e contará coa participación do escritor Xosé Manuel Penas Patiño e Xan Rodríguez Silvar como delegado da SGHN en Ferrol.

Finalmente, adiantamos información tamén sobre a conferencia a impartir o venres 22 de marzo no salón de actos do MHNF sobre o lago de Sobrado e titulada “El lago de Sobrado, una gran historia por conocer“. Esta conferencia correrá a cargo do socio Rafael Carballeira, Doutor en Bioloxía pola UDC e investigador postdoctoral do Departamento de Ecoloxía da Universidad de Valencia e será a que abra o programa 2024 organizado dende a delegación de Ferrol da SGHN “Xuntanzas Naturalistas”, patrocinado pola Deputación da Coruña na súa liña de  subvención do programa DP0031-2024.

Lembrade que tedes acceso ás ligazóns e máis información como é o avance da vindeira, no PDF descargable co resume.