Roteiro das poldras, pontes e pontellas nas Gándaras de Budiño. 17 Novembro 2019

Co gaio do DÍA INTERNACIONAL DEL PATRIMONIO MUNDIAL a SGHN organiza un roteiro polo espazo natural das Gándaras de Budiño adicado á identificación do patrimonio cultural no espazo natural. A actividade consiste nunha andaina guiada para visitar diversos puntos nos que se poden observar poldras, pontes e pontellas, que son elementos etnográficos de gran importancia cultural, social e histórica. Este patrimonio cultural está fortemente ligado ós ecosistemas e ós antigos usos dos recursos naturais e forma de vida no val do Louro. Durante o percorrido se visitaran diversas paraxes naturais e se rexistrarán tódalas especies observadas para contribuír ó Catálogo de Biodiversidade da Zona de Especial Conservacion (ZEC) Gándaras de Budiño.

Entre os valores naturais que alberga a ZEC das Gándaras de Budiño están hábitats prioritarios como as turbeiras, os bosques de ribeira  e hábitats de interese comunitaria como as breixeiras húmidas. Neste espazo natural se teñen inventariado 34 poldras, pontes e pontellas como resultado dos traballos de investigación etnográfica. É imprescindible levar calzado impermeable e o necesario para pasar unha mañá de outono á beira do río Louro. Prazas limitadas. Inscrición gratuíta obrigatoria no correo electrónico: gandaras@sghn.org

*Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a tódalas persoas interesadas. Cada participante é responsable único das súas accións e accidentes que puideran producirse. Os convocantes da actividade non se responsabilizan a nivel persoal nin colectivo dos accidentes que podan ocorrer.