Esteiro do Miño: 4 figuras de protección…
No treito internacional da desembocadura do Miño conflúen dúas figuras de protección españolas (ZEC Baixo Miño ES1140007 e ZEPA Estuario del Miño ES0000375) e outras dúas portuguesas (ZEPA PTZPE0001 Estuário dos rios Minho e Coura e LIC PTCON0019 Rio Minho).
… que non protexen das desfeitas
Dende o 22 de outubro ata alomenos o 6 de novembro estivéronse a realizar obras na liña de costa de Camposancos (A Guarda – Pontevedra). As obras consisten nunha escolleira de 60 m de lonxitude sobre a duna da praia da Lamiña (Camposancos, A Guarda). O proxecto foi cualificado polo Servicio Provincial de Costas de Pontevedra de carácter local, urxente e temporal. En ningún dos casos dito proxecto entra dentro dos supostos exceptuables de pasar o trámite da Avaliación de Impacto Ambiental recollidos no artigo 8 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O proxecto, que non determina de forma exhaustiva os hábitats naturais e as especies que están en perigo de ser erosionados nin sobre os que se pretende facer a escolleira, tampouco se lle realizou a correspondente Avaliación de Impacto Ambiental.
Efectos directos sobre os hábitats
As obras se están a realizar con maquinaria pesada para o que se abriron accesos en forma de pistas para chegar a liña de costa, e se destruíu a zona intermareal e duna primaria, na que se está a colocar unha escolleira de bloques de pedra. A obra elimina a conformación natural do intermareal destruíndo os ecosistemas estuarinos e eliminando áreas de alimentación de aves acuáticas. Ademais, a obra altera e destrúe os seguintes hábitats presentes na zona:
- 2110. Dunas móbiles embrionarias.
- 2120. Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas).
- 2130. Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises).
Efectos indirectos sobre os hábitats
A escolleira altera o réxime de augas e a hidrodinámica do Esteiro do Miño podendo afectar ós seguintes ecosistemas provocando cambios dos fenómenos erosivos a outras zonas do Esteiro do Miño e cambios nos fondos mariños:
- 1110. Bancos de area cubertos permanentemente por auga mariña, pouco profunda.
- 1130. Esteiros.
- 1310. Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areentas.
Polo tanto, é previsible que ocorran afeccións á fauna e flora do espazo, incluídos os recursos pesqueiros, que poden verse afectados polos cambios en fondos. Asimesmo, é posible que se modifiquen os bancos de area e as canles do sistema estuarino e se poida alterar a navegación polos cambios en fondos.
Posición de SGHN sobre as obras
SGHN considera que non existe xustificación de urxencia para realizar esta actuación en inverno polas acondiciones hidrográficas e cos datos actuais sobre Cambio climático e aumento do nivel do mar, recollidos no traballo “Escenarios de subida del nivel medio del mar en los mareógrafos de las costas peninsulares de España en el año 2100” (Fraile Jurado e Fernández Díaz, 2016) que estiman a subida anual do nivel de mar en 1,81 mm, polo que é de supor un proceso de erosión por toda a costa, máis patente nos areais. A obra carece de senso ó actuar nunha zona concreta, sen atender ás causas globais, polo que é unha actuación localizada e inútil.
Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) e á Dirección General para la Sostenibilidad de la Costa y el Mar (Ministerio para la Transición Ecológica):
- Que sexan admitida a información e probas gráficas que se acompañan, se ordene a comprobación dos feitos denunciados e a identidade e responsabilidades persoais e se incoen as dilixencias que se orixinen, depurando as responsabilidades que poidan existir.
- Que se determinen por técnicos da Administración os danos sobre a fauna e flora local, e as medidas necesarias para a restauración dos ecosistemas danados.
- Que se informe a SGHN por escrito da autorización para a execución das obras e Informe Técnico que xustifica a realización da obra.
- Que se informe a SGHN das actuacións derivadas desta denuncia tomadas por esta Administración.