SGHN-Ferrol apoia ás confrarías na defensa da Ría de Ferrol

A S.G.H.N. quere mostrar o seu apoio e solidariedade á loita que están a levar a cabo os mariscadores das Confrarías de Barallobre e Ferrol. A ría de Ferrol debido á neglixencia das administracións autonómica e central e a pasividade das administracións locais, atópase en situación case terminal. Non é admisíbel que en 2011 aínda non exista ningunha EDAR en funcionamento, unha parte importante desta ría está morta e o resto vai polo mesmo camiño. A calidade das augas é pésima afectando á saúde humana; as especies mariñas e todo o ecosistema arredor da ría están seriamente ameazados e consecuentemente o está o marisqueo. Se aínda queda algo é grazas ao traballo de rexeneración levado a cabo polos mariscadores e mariscadoras. É por iso que teñen o noso apoio, porque queremos unha ría limpa e rexenerada, viva e que permita vivir dos seus recursos.