Representantes da Plataforma de Defensa dos Camiños, AETNA, Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo, Verdegaia, ADEGA e SGHN, realizaron unha visita ao Monte de San Lourenzo (concello de Cabanas) nunha parcela de solo rústico de uso forestal, propiedade da empresa MANMER na que se atopan, dende o ano 2009, uns amoreamentos de áridos asfálticos procedentes de Holanda. Este materiais foron descargados no Porto Exterior de Ferrol, onde aínda quedan depositadas unhas 300.000 toneladas.
A finalidade da visita era constatar que, a día de hoxe, aínda non se emprendeu obra ningunha, nin se libraron os cinco metros da zona de policía do rego ao que están obrigados, malia a teren transcorrido oito meses despois de ser licitados os acopios por parte da Consellería de Medio Ambiente, e atoparse esa licenza condicionada á instauración, nun prazo de dous meses, dunhas medidas de prevención de impactos ambientais sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas e sobre o solo.
Atendendo ás resolucións da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, de Augas de Galicia e da Fiscalía Provincial de A Coruña, -a cal se expresa nestes termos: “Se o seu almacenamento, unha vez advertido, non se realizase coas prevencións establecidas, tal e como advirte o informe, daquela si podería entenderse que poidese traspasar o límite do dereito penal”-, as devanditas asociacións deciden solicitar, por unha banda, que se tomen medidas sancionadoras contra a empresa MANMER por incumprimento das condicións impostas por ditos organismos, e por outro lado que se retome esta cuestión por parte da Administración e a Fiscalía, tendo en conta os seguintes puntos:
- A ilegalidade da ubicación dos residuos en solo rústico, conculcando gravemente a Lei do Solo.
- O recoñecemento destes materiais como residuos, xa que non foron debidamente inertizados.
- A contaminación directa das fontes do río Baa.
- O cuestionamento das concentracións de sustancias tóxicas, nocivas ou perigosas para o medio ambiente e a saúde humana que poden definir un material como perigoso, tendo en conta que os áridos asfálticos da parcela de Cabanas ocupan solo rústico e non industrial, que o potencial de carga dos ecosistemas circundantes é moi reducido e que os puntos anteriores hai que poñelos en relación co inmenso volume (60.000 toneladas) dos materiais amoreados.
- A posible consideración de tráfico ilegal, dende a orixe da operación de traslado, segundo sinala a normativa europea para o traslado de residuos entre países comunitarios.
- Os intereses ambientais, por existir hábitats prioritarios na contorna, os intereses económicos, pola posible afección aos bancos marisqueiros de Mugardos e Barallobre, e o interese prioritario da toma de auga potable para consumo humano, dado que en Mugardos existe un punto de captación de auga para ese uso.
Por todo isto, solicitarán a actuación da Fiscalía de Delictos Ambientais, e á Consellería de Medio Ambiente que se ordene o traslado dos residuos a unha instalación que reúna as condicións de seguridade necesarias para o almacenamento destes materiais, en tanto non se resolva sobre o seu destino final.