SGHN solicita a erradicación inmediata de Ludwigia grandiflora no río Barbaña (Ourense)

Alertados por un socio da presencia da planta acuática invasora Ludwigia grandiflora no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense, un equipo de SGHN ven de percorrer o treito urbán de dito río e de confirmar a existencia de múltiples matas de dita especie ao longo do río Barbaña entre a confluencia do seu afluente Barbañica e case a súa desembocadura no río Miño.

As circunstancias actuais son moi favorables para a erradicación da especie, pois non forma masas continuas, o nivel de auga é moi baixo e o acceso é moi doado, facilitando o traballo de retirada da canle e de transporte da biomasa de Ludwigia para unha xestión segura da mesma.

Diante do risco de que a especie aumente a súa cobertura no río Barbaña e de que chegue ao río Miño, o cal faría moi difícil e custosa (senón imposible) a súa erradicación, SGHN ven de solicitarlles á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Miño Sil (PDF) que organicen e leven a cabo coa máxima urxencia (días ou, como moito, semanas) unha campaña para a erradicación de dita especie.