SGHN solicita a recuperación ambiental da “península da Bunge” no río Mero

A península que forma o río Mero no seu tramo final, antes de formar a ría do Burgo, foi ocupada desde 1967 ata 2009 por unha planta de produción de aceites, da que hoxe só quedan os cimentos.

Aínda que hai noticias de prensa que fan referencia a que se trata dunha propiedade privada; aparentemente trátase dunha zona de recheo, como comentan mariscadores que tradicionalmente traballaron na zona hai moitos anos. Tamén se pode contrastar a imaxe do voo americano de 1956, no que a textura da imaxe é moi similar a outras zonas de vexetación de ribeira que permanecen hoxe. Pode verse tamén que toda a península estaba bordeada de árbores de ribeira, e que na maior parte da superficie non había campos de cultivo, cando ao oeste, á outra beira da vía, está inzado deles. Parece deducirse que non eran terras aptas para cultivar por tratarse de terreo brañento e asolagable nas enchentes do río.

Segundo investigadores do Instituto de Investigacións Marinas (IIM – CSIC) o incremento do espesor dos lodos no fondo da ría do Burgo é dun centímetro anual. Os expertos coinciden en que unha das medidas para filtrar eses lodos, son as vexetacións de ribeira, ameneiros, xunqueiras etc… e as brañas asolagables que rodeaban os ríos antes de que se lles sometera a antropización e construcións.

Nestes momentos está en fase moi avanzada o PXOM de Culleredo, que na súa redacción inicial establecía que a zona da Bunge tiña unha calificación de terreo urbán e que recollía uns usos de aparcamento disuasorio, apeadeiro de tren, e solar de uso terciario (posible área comercial). Esta cualificación desbota devolver ao río o que lle pertence, perdéndose a oportunidade de crear unha “infraestrutura verde” que faga de filtro dos fangos que baixan polo río Mero e que rematan no fondo da ría e que tan caro nos vai saír aos contribuíntes retirar. No termo “infraestrutura verde” inclúense:

  • O compoñente físico, isto é, a rede de espazos verdes nos cales e a través dos cales os procesos e funcións naturais se manteñen. Os ríos son un exemplo deste soporte físico.
  • Os proxectos, é dicir, as intervencións deseñadas para conservar, mellorar ou restaurar a natureza, e eses procesos e funcións naturais que aseguren múltiples servizos ecosistémicos á sociedade: recuperación das chairas de asolagamento, construción de escalas para peces, medidas para o control da erosión, restauración de humedais e drenaxe urbano sostible, entre outras.

Polos devanditos argumentos, SGHN ven de solicitar ao Concello de Culleredo (PDF) que os terreos da península da Bunge, e incluso os que se puideran delimitar nese entorno cos estudos axeitados, deberían:

  • Ser excluídos de recalificación urbanística que permita os usos dunha zona urbana.
  • Incluírse nos estudos dos organismos citados para a inclusión na rede de infraestruturas verdes.
  • Ser obxecto dun proxecto de recuperación que inclua a retirada dos recheo e permita que volva ser unha zona anegable de vexetación de ribeira que facilitara o filtrado dos lodos que baixan polo río.
  • Recuperarse como un área de natureza para o coñecemento e desfrute de fauna e flora.