SGHN solicita as analíticas das augas de abastecemento na Limia

Segundo a información facilitada hai un ano á SGHN pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil os resultados dos 19 pozos na chaira da
Limia
que analiza dito organismo amosaban que:

  • A calidade das augas é moi boa (<1 mg/l) só en seis puntos (1/3 do total) e en todos eles os nitratos están a aumentar lixeiramente.
  • A concentración media de nitratos aumentou globalmente un 39% entre 2014 e 2017 ata situarse nos 16,3 miligramos/litro.
  • No punto MS015SUB a concentración de nitratos multiplicouse por catro entre 2014 e 2015. Dende entón manténse moi elevada, con dúas mostraxes na categoría de auga non potable e outras tres achegándose ao límite.
  • No punto MS037SUB (un pozo de captación), unha de cada cinco análises indican auga non potable pola concentración de nitratos.
  • No punto MS039SUB nunha de cada tres datas a concentración de nitratos se achegaba ao límite legal para augas potables ou o superaba.
  • No punto MS062SUB acadáronse ata 174 miligramos/litro de nitratos disoltos: tres veces e media máis do admisible para augas potables.

Tan só no último mes o abastecemento de auga a Vilariño das Poldras (Sandiás) tivo que cortarse xa en dúas ocasións porque non era potable.

Á vista desta situación, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Saúde Pública que lle facilite en soporte informático as analíticas da auga dos sistemas municipais de abastecemento dos concellos da chaira da Limia (Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía) dos últimos 5 anos que obren no seu poder.

  • Divulga ti tamén!