A “desfeita turística” de Estaca de Bares denunciada á Fiscalía

Á vista do cúmulo de despropósitos que se están a suceder na ZEC Estaca de Bares, dos que distintas administracións públicas son responsables por activa ou por pasiva (desbroces de hábitats protexidos, infraestruturas turísticas), SGHN ven de presentar unha denuncia diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia.

A gota que rebordou o vaso da paciencia de SGHN foi a información que, non sin esforzos e con retraso, conseguiu da Consellería de Medio Ambiente sobre o proxecto de diversas intervencións para promover ou facilitar as visitas turísticas.

Un mal proxecto, mal tramitado

O proxecto, con abondosas deficiencias e promotor “confuso” (nuns sitios o Concello de Mañón, noutros a Axencia de Turismo de Galicia), non se someteu á avaliación de impacto ambiental, como é obrigatorio (Directiva 92/43/CEE; Directiva 2011/92/UE; Lei 42/2007; Ley 21/2013; Decreto 37/2014) por afectar á zona de máxima protección (Zona 1 – Conservación) da ZEC Estaca de Bares con:

  • Sete hábitats de interese comunitario:
    • 1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas.
    • 3260 Ríos, de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e Callitricho-Batrachion.
    • 4030 Breixeiras secas europeas.
    • 6410 Prados con molinias sobre substratos calcáreos, turbosos ou arcillo-limosos (Molinion caeruleae).
    • 6420 Prados húmidos mediterráneos de herbas altas do Molinion-Holoschoenion.
    • 6430 Megaforbios eutrofos hidrófilos das orlas de chaira e os pisos montano a alpino.
    • 8230 Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii.
  • Dous hábitats de conservación prioritaria na UE:
    • 6220* Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea.
    • 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior.
  • Unha especie catalogada “En Perigo de Extinción” en Galicia polo Decreto 88/2007 (Linaria aguillonensis).
  • Tres especies endémicas do territorio galaico-portugués: Angelica pachycarpa; Ulex europaeus ssp. latebracteatus; Carex paniculata ssp. lusitanica.

Unha autorización contraria á lexislación vixente

De xeito lamentable e completamente contrario ao Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente autorizou algunhas actuacións que ocasionaron graves danos aos valores ambientais antes mencionados, ademais do emprego de materiais alleos ao espazo natural (“granito Barbanza”, aceiro corten, formigón).

… empeorada polos incumprimentos dos promotores

Por si isto fora pouco, na execución das obras o(s) promotor(es) incumpriron as condicións da autorización que lle outorgara a Consellería de Medio Ambiente ao:

  • Deixar sobre o terreo (malamente agochados baixo unha fina “alfombra” de terra) todos os refugallos procedentes da demolición da antiga instalación de sinais acústicas de Estaca de Bares.
  • Construir un vial de terra que non figuraba no proxecto entre o Faro de Estaca de Bares e a antiga instalación semafórica.
  • Construir un segundo aparcadoiro-mirador que non figuraba no proxecto.
  • Realizar traballos alleos ao proxecto na antigua Base Militar – LORAN e sobre o humidal adxacente, que resultou gravemente deteriorado.

Finalmente, a carencia dun plan de control de especies exóticas invasoras, non contemplado no proxecto nin esixido pola Consellería de Medio Ambiente, está a facilitar a expansión de especies invasoras como Arctotheca calendula, Cynodon dactylon, Sporobolus indicus, Stenotaphrum secundatum.