O trazado da Vía Ártabra denunciado diante da Fiscalía de Medio Ambiente

Denunciado diante da Fiscalía de Medio Ambiente o Trazado da Vía Ártabra entre o Polígono de Cambre e a Autovía A6 polo seu elevado impacto ambiental, non avaliado conforme á lexislación vixente, e as irregularidades na súa tramitación.

O día 1 de agosto, SGHN denunciou diante da Fiscalía de Medio Ambiente (ver PDF) o estudo das alternativas de trazado da Vía Ártabra, posto que a alternativa aprobada provisionalmente o 21 de Febreiro do 2008 e de xeito definitivo pola Xunta de Galicia o 27 de marzo de 2009 (ver PDF) foi tramitada irregularmente e presenta un elevado impacto ambiental.

Irregularidades na tramitación

  1. Incumpre o “Plan Sectorial da Rede Viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros Sada e Bergondo” ao contradicir o trazado escollido polo Concello de Cambre, encargado para esta tarefa por resolución do Consello da Xunta de Galicia.
  2. Ignorando o establecido pola Lei 21/2013 de avaliación de impacto ambiental, a DX de Calidade e Avaliación Ambiental estimou como ambientalmente viable o proxecto sen sometelo a unha Avalización de Impacto Ambiental ordinaria como lle corresponde ao tratarse dun proxecto de autovía: “El tipo de vía que se proyectará en este tramo de la Vía Artabra es autovia, con dos calzadas separadas por medianera de ancho variable y dos carriles por calzada de 3,50 m de ancho cada uno…”.

Elevado impacto ambiental

  1. Presenta moita maior afección ambiental, un maior custe económico e pior articulación territorial ao modificar o trazado proposto polo Concello de Cambre, incrementando nun 22% a lonxitude total do treito e engadindo ao trazado parte da alternativa previamente rexeitada polo concello por afectar elementos estratéxicos do territorio.
  2. Afectaría de xeito crítico ao humidal de A Gándara, malia estar expresamente protexido polas Normas Subsidiarias do Concello de Cambre que establecen que “non se permite ningunha clase de edificación, nin movemento de terras, nin instalacións de ningún tipo, nin apertura de camiños…”
  3. Degradaría irreversiblemente o sistema fluvial ao canalizar o Rego de Folgueiras e o Río da Gándara (440 e 250 m respectivamente).
  4. Destruiría 5 ha do bosque higrófilo desenvolto sobre as chairas aluviais, un hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea, con afeccións a especies de anfibios protexidos pola lexislación, e á área de distribución potencial da escribenta das canaveiras iberoccidental (Emberiza schoeniclus lusitanica) (ver PDF).
  5. Incrementaría o risco e a gravidade dos episodios de asolagamento na desembocadura do Río da Gándara (zona asolagable incluída nunha área de risco potencial significativo de inundación), debido tanto á canalización dos ríos (que recollerán ademais as augas pluviais xeradas na infraestrutura), como á eliminación de importantes superficies de bosques higrófilos na chaira aluvial.
  6. Afectaría á conectividade ecolóxica da “Zona Especial de Conservación (ZEC) ES 1110004 Encoro de Abegondo-Cecebre” e da zona tampón da Reserva da Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, con posibles repercusións sobre o humidal inventariado 1110042 “Ría do Burgo”.

Responsables denunciados

Por estes motivos e ao considerar que segundo os artigos 325 e 404 do Código Penal podería haber responsabilidades penais do Director do Proxecto e altos cargos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (Director da Axencia Galega de Infraestruturas, Director Xeral de Mobilidade, e Secretario Xeral Técnico) e da Consellería de Medio Ambiente (Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Directora Xeral de Patrimonio Natural), SGHN solicitou á Fiscalía de Medio Ambiente que investigue a posible existencia de responsabilidade penal polos feitos denunciados, así como a paralización das obras do proxecto.

Apoian a denuncia e subscriben esta nota de prensa as organizacións:

• Asociación Cultural o Rabo do Galo
• Asociación de Custodia do Territorio Brexa
• Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA)
• Grupo Naturalista Hábitat
• Plataforma pola Defensa da Ría de Sada