UCI de Lobos Mariños e Tartarugas

“Un país, unha civilización pódese xulgar pola forma na que trata ós seus animais”. Mahatma Gandhi

“O home fixo da Terra un inferno para os animais”. Arthur Schopenhauer

Temos que poñerlle un ano ó inicio deste proxecto e botando a mirada atrás, pensamos que no ano 2000 para a Sección de Mamíferos Mariños xa existía unha implicación real na recuperación destes animais, unha dispoñibilidade máis aló do ofrecemento e un desexo de abordar unha atención de lobos mariños e tartarugas que con xeito regular chegaban ás costas galegas, realidade que vivíamos directamente coa frustración de non poder darlle solución. Por outra banda o noso arrinque veu a encher un oco non só en Galicia, senón no total da Península, ata ese intre con importantes ausencias neste tipo de asistencia.

A relación cos mamíferos mariños forma parte da esencia da SGHN, cun longo percorrido na defensa e estudo destes animais nos seus inicios. Dende 1999 a colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños permitiu ese contacto regular con cetáceos, focas e tartarugas. A CEMMA iniciou nese ano o traballo ininterrompido ata a actualidade, dentro dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que a converteu na única institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, a xestión do banco de mostras, estudio poboacional das especies e redacción dos plans de xestión de aquelas máis ameazadas. O Convenio incluía tamén a recuperación de animais feridos, con tódalas dificultades que, traballar a pe de praia e con medios máis que escasos, poden supoñerse.

A necesidade circulaba ante nós, coa presenza ao longo do ano de focas e tartarugas con dificultades, animais que precisaban de algo máis que as primeiras atencións sobre a area. No caso das focas, individuos na súa gran maioría con poucos meses de vida, afastados dos seus lugares de nacemento por ventos, correntes e a dispersión normal dunha especie que habita os grandes espazos mariños e atopa coas costas do norte ibérico como accidente xeográfico e coas moitas dificultades que o home crea ao seu redor: aparellos de pesca, lixo e redes á deriva, escollos as veces insalvables para animais pequenos en proceso de aprendizaxe que non sempre poden superar por si mesmos. A especie que con maior frecuencia chega ata Galicia é o Lobo mariño cincento Halichoerus grypus na gran maioría dos casos, seguido da Foca de capelo Cystophora cristata e da Foca común Phoca vitulina.

Nas tartarugas mariñas, a Caretta caretta é a que maioritariamente ocupou as instalacións da UCI; animais solitarios, despois de emerxer do niño e achegarse a auga, comezan unha fase peláxica, deixándose levar polas correntes mariñas e alimentándose de algas, como os argazos bravos. Cando a súa cuncha alcanza uns 60 cm., cambian o hábitat por outro de augas profundas, próximas ós fondos ou demersais. Nas nosas costas aparecen exemplares de orixe centro americano nesa primeira fase peláxica, animais pequenos que sofren o contacto coas augas frías de Galicia, varando nas praias ou topando con redes á deriva, lixo ou anzois, inimigos todos eles desta especie que se atopa moi ameazada. Temos algúns casos excepcionais de Tartaruga verde, Chelonia mydas. Non temos rexistrado ningún caso de Tartaruga de coiro Dermochelys coriacea viva, xa que tódolos casos de varamentos rexistrados desta especie son de animais mortos ou capturados accidentalmente en aparellos de pesca e liberados polo propio pescador seguindo as nosas indicacións.

Vinte Lobos mariños cincentos, seis Focas de capelo, dúas Tartarugas verdes e oito Tartarugas mariñas comúns, que foron pasando pola nosa UCI, con espazos de tempos variables, dende uns poucos días ata case un ano de permanencia. Primeiro no habitáculo situado no vello local do antigo hospicio onde a SGHN tiña a súa sede en Ferrol e onde o incipiente Museo empezaba a súa andadura, adecuadamente preparado para utilizarse como sala húmida, serviu para acoller a aqueles animais e darlles eses coidados que a súa saúde demandaba. Nos primeiros casos nos que traballamos constituíu un descanso para os enfermos na viaxe ata o sur de Galicia, onde a CEMMA xa iniciara os primeiros traballos con animais feridos, pero pouco a pouco a nosa sala húmida foise definindo como o lugar axeitado para que recibiran as atencións veterinarias nunha primeira fase de recuperación.

Dende ese intre a instalación non estivo valeira nin unha soa temporada. Pasaron trece anos cheos de máis dificultades, en cifras numéricas, que satisfaccións, pero estas últimas, afortunadamente, foron tan grandes que taparon completamente os aspectos difíciles e amargos do sucedido en todo este tempo. Deste análise dedúcese que con ilusión e ganas de traballar, se consegue case todo o que o ánimo propón, xa que os resultados son unha evidencia desta afirmación. Moitos son os logros conseguidos dende aquel día no que nos atopamos, agochado entre as rochas da praia de San Xurxo, nunha costa tan próxima a nós, a un lobiño cincento moi debilitado e o levamos ata a sala húmida coa esperanza de darlle toda a axuda que estivera nas nosas mans para que puidera seguir o seu camiño, proporcionándolle en definitiva unha segunda oportunidade na vida.

Co primeiro lobiño ingresado e recuperado nas nosas instalacións e cos seguintes fomos gañando experiencia e coñecemento sobre o seu comportamento, bioloxía e problemática. A maioría dos resultados obtidos nestes anos foron éxitos, cun alto porcentaxe de supervivencia que axudou a paliar aqueles casos nos que os animais non puideron recuperarse e que deixaron ferida no noso ánimo.

O cambio definitivo á “Casa do Coronel”, en 2011, o edificio ao que nos trasladamos co noso haber expositivo, pero con escasos medios económicos e de infraestructura, deixou aparcado o proxecto de recuperación de fauna, marcando outra meta que superar: facer unha nova UCI coas nosas mans que, a ser posible, mellorara a que tiñamos. E ese foi o milagre das baldosas e o cemento, xa que se multiplicaban de tal xeito, grazas a achega de materiais de tantos amigos e compañeiros que o que parecía imposible colleu forma.

Pero sen dúbida foi a man de obra voluntaria e gratuíta de aqueles que creron no proxecto e da necesidade de continuidade, a que fixo realidade e levou a termo a nova UCI, xunto co apoio económico do propio Museo, que compartiu o seu sempre escaso presuposto, e do da Sección de Astronomía da SGHN, presta sempre a colaborar en tódolos proxectos que xiran dentro do complexo desta obra común. Aínda non estaba rematada completamente a instalación, cando apareceu a primeira foca da tempada e inauguramos aquela obra froito de remendos e prestados.

Este traballo de recuperación de fauna ameazada, que se atopa incluído na Rede de Varamentos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, xestionada pola CEMMA, cubría ata Decembro de 2012 a atención en primeira fase dos animais que arriban ás costas galegas cunhas condicións precarias de saúde, polo que precisan atención veterinaria e coidados especiais, na maioría dos casos fora do medio líquido, o que permite o subministro do tratamento dun xeito máis apropiado.

Non cubría, nembargante, a rehabilitación final do exemplar que lle permitira recuperar as súas capacidades para ser ceibado con garantías de supervivencia. Esta etapa constitúe tamén unha adaptación ao medio natural e borrar na medida do posible a impregnación humana e a súa asociación co alimento. Esta segunda fase precisa dunhas instalacións diferentes ás que se utilizan para a UCI, na que a auga está presente en pequenas bañeiras nas que en determinados momentos permítese ós animais a introducción, en función das lesións ou complicacións que presenta.

Unha serie de casualidades confluíu para que nos atopásemos de súpeto coa porta aberta para afrontar ese reto: rematar o tempo de rehabilitación nas propias instalacións do Museo. Por unha banda os compañeiros do Centro de Reabilitaçao de Animais Marinhos de Quiaios (Portugal) http://socpvs.org/cramq.php facilitaron á CEMMA dun xeito totalmente desinteresado unha piscina de lona desmontable con capacidade para 13.000 litros de auga, exactamente igual que aquelas nas que o centro de rehabilitación da Sociedade Portuguesa de Vida Selvagem atenden con admirable dedicación e merecido éxito a tantos animais. O filtro de area, motor, material de fontanería, etc., necesario para manter a auga limpa nun circuíto pechado, onde os animais puideran nadar nas condicións hixiénicas precisas para a súa saúde, foi asumido pola CEMMA, que fixo un importante esforzo económico para adquirir todo ese material preciso para poñer en marcha un proxecto ilusionante para todos.

E así foi como empezamos con forza e ganas a montar un “lobeiro” o zona pechada ós ollos curiosos, onde os animais puideran fortalecer os seus músculos, no exterior, o máis lonxe posible do contacto humano, pero na seguridade do noso control. O espazo baleiro entre las ás do edificio do Museo, que voa cara a praza de Canido era como un agasallo. Entre tres paredes e una cuarta de rexa, chan de cemento firmemente asentado, presentaba tódalas condicións para facer de el unha nova sala de rehabilitación complementaria da UCI e separada dela escasos metros.

Foi preciso un traballo intenso: limpeza a fondo do lugar, instalación de redes de ocultamento en todos aqueles lugares susceptibles de interromper o que tería que ser un espazo tranquilo e afastado do barullo diario. Os compañeiros da CEMMA achegaron o equipo de bomba e filtro e fixeron o cálculo do sistema de depuración básico e o tempo de recirculación da auga na piscina, así como o do correcto mantenemento do valor do pH e do necesario axuste dos niveis químicos da auga, de xeito especial os de cloro, tratándose dun vaso que acollería a un animal de xeito continuo.

E neste punto temos que facer un paréntese para mencionar, unha vez máis, o meritorio comportamento de tantos amigos e colaboradores, que deixaron o seu esforzo. Porque nos fixeron falla desde fontaneiros ata varredoiros; fortes lombos para cargar materiais e mans delicadas para amarrar cada cabo no seu lugar e con todas contamos. Traballamos apurando as horas e limando dificultades, como encaixar o filtro e o motor coa piscina asegurándonos de que non perdera auga en ningures. E chegou o momento de encher aquel, para nosoutros, enorme vaso con auga, labor imposible de abordar por nós mesmos. Foi o Corpo de Bombeiros de Ferrol o que acudiu na nosa axuda, transportando ata o foqueiro os milleiros de litros de auga que se precisaban. Gracias a súa colaboración e en pouco tempo tivemos todo preparado para acoller a o seu primeiro inquilino: o lobo mariño Castro.

A finalidade coa que asumimos toda esta empresa veuse cumprida e o animal culminou o tempo de rehabilitación, pero fatalmente non chegou a acoller a ningunha outra foca xa que a lona da piscina rachou de xeito inesperado e inexplicable. Houbemos de procurarnos outra saída para o segundo lobiño, acollido finalmente na IGAFA de Vilagarcia.Este é un relato sen final, xa que aínda temos que limar moitas dificultades e campear fracasos difíciles moitas veces de superar. O noso obxectivo e conseguir as mellores condicións para os animais que atendemos e o faremos condicionados cos custes que alcancen cada unha das inciativas. Neste tempo de descanso, fora da temporada de aparición de animais, chega o momento da reflexión sobre os cambios que temos que adoptar e as melloras que precisaríamos, nun terreo inestable entre o que quixéramos e o que podemos obter. Pero esa foi sempre a nosa historia, cara adiante tendo presente, o que dicía Sócrates: “Para desembarcar na illa da sabiduría hai que navegar nun océano de afliccións”.