Unha proposición indecente no Parlamento Galego

No Boletín Oficial do Parlamento de Galicia (nº 154, do 28-07-2017) publicouse a proposición de “lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia“, presentada polo Grupo Parlamentario Popular polo trámite de urxencia. Se unha cousa hai que recoñecer nesta proposta de lei é que as intencións dos seus promotores quedan meridianamente claras na “xustificación” da súa suposta urxencia:

“As empresas de todos os sectores reclaman maiores facilidades tanto na adquisición de solo como na tramitación das autorizacións ou no apoio público”

polo que

“Galicia necesita encarar o ano 2018… tendo en vigor un potente paquete de incentivos á instalación de empresas, de xeito que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia”

Queda tamén meridianamente claro a qué tipo de crecemento se refiren, pois nos principios polos que se pretende rexer dita lei (artigo 3) están clamorosamente ausentes os principios de:

  • desenvolvemento sostible en base a criterios sociais, económicos e ecolóxicos,
  • a protección do patrimonio natural e cultural, e
  • a protección dos dereitos dos cidadáns afectados polas iniciativas empresariais.

Por se a alguén lle quedase algunha dúbida, no “Capítulo II. Competencias administrativas” (artigos 4 a 7) contémplanse as consellerías con competencias en materia de economía, vivenda, solo, avaliación e reforma administrativa, os concellos, … e entre todas estas administracións brilla poderosamente, pero pola súa ausencia, a consellería con competencias en materia ambiental.

O “potente paquete de incentivos á instalación de empresas” preséntase envolto con 82 páxinas de regalo:

  • 10 páxinas adicadas á exposición de motivos
  • 21 páxinas co articulado da lei,
  • 4 páxinas con disposicións adicionais, transitorias e derrogatorias,
  • 45 páxinas de disposicións derradeiras

Certamente chama a atención que máis da metade da presunta lei sexa de disposicións derradeiras, pero son as que os seus promotores precisaron para modificar nada menos que unha ducia de leis!!!, a metade delas posteriores ao ano 2010: a de cooperativas, a da minería, a do sector eólico, a de auga, a de montes, a do solo, a de procedemento administrativo, a de taxas, precios e exaccións, a de turismo, a de estradas, a do patrimonio cultural e, por suposto, a de conservación da natureza.

Para os cidadáns, as organizacións sociais e o medio natural tamén hai un regalo, pero no seu caso envelenado:

  • Maiores facilidades para a expropiación forzosa, ao declarar de interese público actividades empresariales estrictamente privadas.
  • Redución á metade dos prazos de información pública para os proxectos sectoriais declarados urxentes.
  • Silencio administrativo positivo para os aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo 1 da Lei de montes de Galicia na zona de servidume de protección do dominio marítimo-terrestre. Por defecto o silencio é negativo por razóns de protección do medio ambiente, pero con esta decisión facilitaríanse, por exemplo, as explotacións de eucaliptos na primeira liña de costa.
  • Para moitos aproveitamentos madeireiros eliminaríase o trámite de autorización administrativa, que se substituiría pola “declaración responsable” de quen a realiza, confiando así cegamente en que a “declaración responsable” non se convertirá nunha “actuación irresponsable” ambientalmente.
  • Preténdese eliminar a autorización previa da consellería de medio ambiente para os aproveitamentos madeireiros nos espazos da Rede Natura 2000, incumprindo así a Directiva Hábitats, a Ley estatal 42/2007 e o propio Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia.
  • Preténdese deixar a xuizo do órgano mineiro si “conta con elementos de xuízo suficientes para determinar a compatibilidade do dereito mineiro con outros usos de interese público” se non recibe no prazo dun mes a resposta das outras administracións públicas consultadas.

E así ata 82 páxinas. Definitivamente unha proposición indecente.