V Premio Pedra Alta á Sección Antela

Despois da favorábel acollida das catro entregas anteriores do Premio Pedra Alta, o Padroado do Museo da Limia presenta a a V edición deste galardón, consistente nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta, creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres anteriores, membros tamén do consello asesor do Museo da Limia, aportan as súas colaboración dun xeito totalmente altruísta. Tamén vén colaborando o artesán da Pereira, Dino Coello, artífice da placa que identifica a edición.

A laudatio do premiado correrá a cargo do Doutor Pablo Ramil Rego, Director do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da Universidade de Santiago de Compostela. O acompañamento musical, como nas edicións anteriores, brindaránnolo o pianista Luis Humberto Cao e o tenor Baldemoro Pavón. A celebración concluirá, previo pago, cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante O Churrero de Vilar de Santos, que colabora como patrocinador.

Once anos de traballos na Limia da Sección Antela

A Sección Antela creouse como una necesidade, coñecendo a problemática ambiental da Limia, o 2 de febreiro de 2011, coincidindo coa celebración do día internacional dos humedais e a conmemoración do 40 aniversario da Convención de Ramsar. Xurde co propósito de traballar dentro dun ámbito territorial específico: a comarca de A Limia, onde se atopaba, ata a súa desecación, a Lagoa de Antela. Os seus fins están recollidos nos seus estatutos que ten como obxectivos básicos:

  • Coñecer, divulgar e salvagardar os valores naturais e tradicionais da comarca de A Limia, así como buscar a oportunidade de potencialos.
  • Compatibilizar a recuperación de humidais e zonas marxinais de A Limia coa explotación agro-gandeira sostible, sen afeccións negativas aos sectores económicos produtivos.

Marcando directrices están un grupo pequeno de persoas cunha formación científica moi recoñecida, que orientan a un grupo importante de voluntarios para traballar e conseguir obxectivos. Sempre na súa idea base está deseñar modelos que fagan compatible os sectores agrarios, gandeiros e empresariais da comarca, cunha Limia viva. Hai diálogo, información, achega de acordos coas persoas que pertencen a estes sectores e as recuperacións que se están a facer. Hai exemplos:

  • Recuperouse (cantas tm de lixo foron extraídas de aquí!),  unha zona húmida dunhas 20 hectáreas, na zona marxinal da antiga Lagoa de Antela, A Veiga de Gomareite, con un uso necesario da gandería extensiva e colaboración con gandeiros. Hoxe é realidade, e despois duns poucos anos convértese en zona de paso ou permanencia de máis de 30 especies diferentes de aves, hábitat de varias especies de anfibios, algúns nas listas vulnerables de supervivencia, acolle, con outras zonas da Limia, o hábitat dunha planta singular como é o pequeno cardo Eryngium viviparum (só na Limia máis do 90% da poboación mundial), un crustáceo,  Lepidurus apus, un fósil vivinte. Este é un modelo de compatibilidade harmónico.
  • Formouse un espazo húmido estacional, O Humidal Antonio Villarino, en Vilaseca, no que hoxe é albergue de máis de 10 especies de interese. Nas marxes colaboración con agricultores para obter tamén eles un beneficio, derivando os asolagamentos primaverais nas súas parcelas cara ao humedal.
  • Recupéranse zonas húmidas para ser hoxe un medio axeitado de numerosas especies na zona de explotación mineira como son as areeiras da Limia. Colaborando co sector empresarial e dobre beneficio, o sector económico e o medio.
  • Realízanse de estudos científicos sobre fauna e flora da comarca, realización de censos anuais e periódicos de diferentes aves para coñecer a saúde ambiental da Limia.
  • Impártense charlas, fanse percorridos informativos, conferencias e unha intensa labor en centros de ensino, todo para mostrar in situ os beneficios das explotacións sostibles co medio natural.]

Programa de actos da entrega do Premio Pedra Alta 2022

O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos o vindeiro sábado 26 de novembro.

  • 11:15 horas, visita ao Museo da Limia.
  • 12:00 horas, acto de entrega do premio no salón multiusos da casa do Concello.
    • Saúdo do Alcalde de Vilar de Santos
    • Intervención do Presidente do Padroado
    • Actuación musical do pianista Luis Humberto Cao e o tenor Baldemoro Pavón
    • Lectura do poema A Limia de Antón Tovar, por alumnos/as do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga
    • Lectura da acta da concesión do Pedra Alta 2022
    • Laudatio a cargo de Pablo Ramil Rego, Director do IBADER (Universidade de Santiago de Compostela)
    • Entrega do premio
    • Intervención de Serafín González Prieto (Presidente da SGHN)
    • Actuación musical
  • 14:30 horas, xantar-cocido «Pedra Alta» no restaurante O Churrero (Vilar de Santos)

[De querer acudir ao xantar, para cubrir o importe hai que efectuar, antes do 23 de novembro, un ingreso de 30 € na conta nº ES37 2080 5303 0430 4001 3789, aberta a nome do Museo da Limia en Abanca, facendo constar o nome e apelidos no concepto do pagamento.]