Valdeorras ben vale unha excursión

Isto é o que pensamos os organizadores da saída conxunta de Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Asociación de Estudos Santa Mariña de Augas Santas e o Ateneo de Ourense con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente. Achegámonos a unha zona bastante descoñecida, caracterizada por fortes contrastes resultado da súa posición bioxeográfica e da súa xeoloxía (litoloxía, xeomorfoloxía, altitude,…) que condiciona unha paisaxe e uns trazos biolóxicos tan fermosos como peculiares. Hai tanto que ver e gozar en Valdeorras que non houbo máis remedio que escoller aqueles espazos que nos permitisen apreciar a comarca e ademais abordar temáticas importantes para SGHN.

Así, comezamos a xornada en Viloira onde quedamos abraiados cos impresionantes plátanos de sombra do xardín da Casa Grande, exemplares soberbios que medran libremente (uns 30 m de alto) e sobre os que non se realizaron as tristemente coñecidas “podas de formación” habituais nesta especie. A pésima xestión e tratamento de xardinería sobre o arboredo é un problema xeralizado na maior parte dos nosos espazos públicos e, por extensión, en moitos espazos privados como ilustra a nosa etiqueta na web “Os homes que non amaban … as árbores”

A seguinte parada foi en Sobradelo onde, antes de ir ver a súa ponte, a todos nos sorprendeu unha vide coidada con esmero que, partindo dunha soa cepa, se extendía en altura nun edificio de catro pisos para dar sombra e froito nos respectivos balcóns de cada vivenda; neste caso comprobase que cando as persoas estiman algo danlle bo trato e se preocupan da súa conservación. En canto á ponte, non faltaron as ensinanzas do noso xeólogo referidas tanto ao material constructivo (brecha e grandes coios do río) como á dinámica fluvial do río Sil que, de xeito característico, forma marmitas e se encaixa ao longo dunha liña de fractura das rochas.

Seguinte parada, Casaio, para ver unha estampa que non soe sair nos anuncios turísticos de Galicia: a terrible ferida ambiental, paisaxística e humana que está a causar a minería da lousa. Malia o escuro do día, conforme ascendiamos cara Casaio descubrimos a nova paisaxe que están a crear as louseiras: inmensas oquedades e enormes moreas de entulleiras que arrasan todo o que atopan ladeira abaixo. Xa na explanada de San Xil, imbuidos nunha néboa persistente acompañada dun feble orballar, escoitamos atentamente as explicacións do Presidente de SGHN sobre a megaminería en Galicia, repasando algúns puntos especialmente importantes referidos ás louseiras como que:

  • Só se aproveita entre un 2,5 e un 12,5% do material extraído.
  • As enormes entulleiras que conforman os sobrantes son depositadas sen control e chegan a ocupar o dominio público hidráulico (canles de ríos e regatos) sen consecuencias para os responsables.
  • Na “restauración” (cando existe) os empresarios da lousa só aportan o 10% do total orzamentario; o resto pagao a cidadanía a través de cartos que poñen as Administracións Autonómica e Estatal e a UE.
  • As linguas dalgunhas entulleiras invaden xa parte do LIC e ZEPA de Pena Trevinca

Da negra paisaxe da pizarra saltamos á negra paisaxe dos incendios forestais, neste caso o gran lume que o ano pasado arrasou a zona, durante catro días, dende Viloira ata O Castelo. Aquí falamos doutro tema que preocupa e ocupa especialmente a SGHN, os danos producidos pola alta recurrencia dos incendios en Ourense; xa en 1983 a nosa asociación publicaba un excelente voceiro monotemático sobre o tema ao que merece a pena botarlle un ollo (PDF). O empobrecemento causado polos lumes é enorme, ben pola perda de solo con todo o que conleva (diminución da fertilidade, menor capacidade de retención de auga, agravamento da erosión,…), ben pola perda de biodiversidade dos nosos montes nos que, a pesares de investirse cantidades millonarias en extinción, cada ano sofren perdas non menos valiosas incluíndo vidas humanas (Carta aberta ao Presidente da Xunta).

Recuperadas as forzas despois do xantar campestre, lanzámosnos ansiosos á procura dos fósiles de graptolites, uns pequenos e moi pouco aparentes bechos que habitaron os mares alá polo Paleozoico inferior (entre uns 570 e 400 millóns de anos). A frecuente pregunta “isto é?” foi moitas veces respostada de xeito afirmativo por José Ramón (o xeólogo experto), descubrindo algúns exemplares realmente bonitos e fáciles de distinguir e outros un pouco máis complicados.

Tras xogar un rato aos paleontólogos, marchamos directos á magnífica Serra de Enciña da Lastra. Aquí SGHN pode “sacar peito” pois, como se explicou, este lugar é Parque Natural dende 2002, en boa parte gracias ao traballo da nosa asociación que non se resignou a que se convertira nunha xigantesca canteira de caliza, algo que se evitou grazas sen dúbida aos múltiples apoios de investigadores, profesores universitarios, asociacións e veciños da zona.

Nunha breve incursión polas inmediacións das aldeas de Covas e Vilardesilva, os excursionistas poideron apreciar os múltiples valores da zona realmente merecedores de protección. Destacamos a presenza de especies de flora propias de clima mediterráneo, as rechamantes orquídeas e, malia que o día non era o idóneo, aínda se observaron algúns insectos interesantes.

Estando na zona é inevitable achegarse á fantástica enciña de Covas, arbore incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia e cunha idade estimada de entre 250 e 500 anos. O seu excepcional perímetro basal de 8,80 m (posiblemente resultado de que na base existe unha gran pedra) di a lenda que agocha debaixo un tesouro. A enciña ábrese en tres brazos que forman unha copa moi aberta de 24 m de diámetro e acada a altura de 17 m.

E case sen darnos conta a xornada foi chegando ao seu fin. Tras observar a Penarubia dende un mirador pretiño de Vilardesilva, baixamos á aldea para descansar e parolar un rato na agradable casa de turismo rural Chao do Prao. Non podemos esquecer a hospitalidade e amabilidade das súas xentes, especialmente os curiosos e interesantes relatos e achados que nos mostrou un veciño do lugar.

En resumo, unha nova xornada moi especial e interesante grazas á colaboración e interese de todos os asistentes,…e un apunte final, xa que non houbo tempo de concluir o programa previsto e mesmos xurdiron novas expectativas, CONCLUÍMOS QUE VALDEORRAS BEN VALE MÁIS EXCURSIÓNS

.