O centenario “Teixo dos Tenreiro”, outra vítima de “Os homes que non amaban … ás árbores”

A “Casa dos Tenreiro”

Na vila de Pontedeume, polo ano 1870, D. Agustín Tenreiro constrúe un palacete, próximo á nobre vila dos Andrade, situado estratexicamente nunha pequena aba que remata sobre o esteiro do río Coves. Aproveitando a pequena pendente establece seis grandes bancais, nos que empraza xardíns e arboredos, así como emparrados, froiteiras e pequenos terreos de labor. No xardín, utilizáronse especies propias do territorio, destacando os teixos, abeleiras, acivros, carballos e castiñeiros, e tamén distintas especies de plantas ornamentais, provenientes de América e de Oceanía (Araucaria, cedro do Líbano, magnolio americano e xaponés, ciprés, castiñeiro de Indias, camelia, bambú e eucalipto), xunto con limoeiros, laranxeiras e outras froiteiras.

O “Teixo dos Tenreiro”

Un dos teixos xa existente antes do inicio do axardinamento de 1870, foi hábilidosamente podado e transformado nunha singular paxareira; debido á singularidade da mesma, a súa sombra, celebrárose numerosos faladoiros nos que participaron, invitados pola familia Tenreiro, destacadas figuras da vida cultural e política como Azorín, Valle Inclán, a Condesa de Pardo Bazán, o presidente da República D. Manuel Azaña, parente dos Tenreiro, ou o presidente do goberno republicano, e galego, D. Santiago Casares Quiroga, quen chegou a presidir un consello de ministros baixo esta singular árbore. Botánicos e xardineiros de distintas partes de Europa quedaron igualmente prendados polo Teixo dos Tenreiro, e a súa fotografía apareceu en numerosos libros e revistas sobre xardinaría e árbores monumentais. Algúns destes autores, atribuíronlle á árbore unha idade entre 500-300 anos.

Durante a Guerra Civil, Ramón María Tenreiro é nomeado polo Goberno da República secretario da embaixada española en Suiza, onde morre debido a unha vella doenza. O seu irmán Antonio, afamado arquitecto, permanece en Galicia, mais é represaliado polo Goberno Franquista, que lle prohibe o exercicio da súa profesión, e perde parte das súas propiedades. Na segunda metade do século XX a familia Tenreiro deixa de vivir habitualmente na casa de Pontedeume, co conseguinte deterioro da mesma.

Impacto da autoestrada A-9

Paralelamente, ten lugar unha progresiva degradación na contorna que comeza na década dos sesenta co recheo de parte de A Gándara para facer varias instalacións deportivas. No ano 1995 iníciase a construcción do paseo marítimo que, actuación tras actuación, foi desnaturalizando e degradando completamente o bordo da ría. Case na mesma época, nun despacho de Madrid, deséñase a autoestrada A Coruña – Ferrol, ubicando un dos viadutos sobre o bordo das propiedades dos Tenreiro. Por fortuna, salváronse o edificio e a maior parte dos xardíns, pero dito viaduto constituíu unha fonte de ruído intenso, incompatible cos requirimentos dun espazo de uso público e dunha área moi habitada.

A desfeita do paseo marítimo

Nunha das fases de prolongación do paseo marítimo pola Demarcación de Costas de Galicia, tras a expropiación e división da propiedade dos Tenreiro, o Teixo centenario pasa a formar parte do dominio público sufrindo importantes danos. Tentando remediar a desfeita, a Xunta de Galicia inviste no 2003 un total de 36.000 € en derramar o Teixo, rodeando o madeiro cunha estrutura de pedra e cerca metálica, a xeito de gaiola, coa finalidade de restrinxir o acceso á copa; o proxecto tamén contemplaba a restauración da escaleira que dá acceso ao miradoiro situado no centro da copa, dotado de dous pisos e construído en madeira. A nova paxareira resulta máis burda e a súa desatención favorece que se transforme nun grande colector de lixo.

Para colmo de males, o solo que rodeaba a árbore pavimentouse con enormes lousas de granito sen que os técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, encargados teóricamente de velar pola protección do patrimonio natural, tiveran en conta o prexuízo do peso das lousas sobre as raíces, a interceptación que estas realizan sobre as achegas de augas de chuvia e as modificacións que provocan a nivel da humidade e temperatura do solo (e entre este e a copa).

Inclusión no Catálogo de árbores senlleiras

No ano 2007, apróbase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e nel inclúense tres monumentos arbóreos de Pontedeume: dous vinculados co xardín dos Tenreiro, unha espléndida Araucaria excelsa e o centenario Taxus baccata, e un terceiro exemplar que se corresponde cun Metrosideros excelsa do Xardín da Torre de Andrade.

Nese mesmo ano, coa chegada dos primeiros calores estivais, o Teixo perde unha grande cantidade de follas e os extremos das ramas móstranse secas (foto da dereita). É o comezo dun triste período de decadencia na historia desta árbore monumental, no que queda de manifesto a incompetencia e indiferencia dos políticos e técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Os informes sobre o enfermo son contraditorios e alarmantes: dubídase da causa da doenza, podería ser un virus, unha bacteria, un fungo, un insecto chupador,…por poder, podería ser calquera cousa. Sen unha diagnose clara decídese actuar: poda vai e poda vén, insecticidas e funxicidas a esgalla. Pasa o tempo e a árbore non mellora, pero os gastos en informes e tratamentos e o lixo dentro da gaiola multiplícanse.

Unha árbore senlleira que esmorece

Xa en 2010, pese a que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza transmitía á prensa “a árbore está en fase de recuperación, pero a súa evolución é favorable”, as follas seguían caendo, a doenza non remitía e tal recuperación non se vía; a Xunta seguía dilapidando cartos en produtos químicos e informes inútiles. Mentres, en Pontedeume empezaba a vincularse o mal coas barbaridades realizadas na construción do paseo e coa colocación das grandes lousas de granito, de modo que foron retiradas no verán de 2011, cando a árbore xa se atopaba en estado agónico. As polas superiores desapareceran, as da parte media languidecían (cando non estaban totalmente mortas) e soamente na parte baixa do madeiro se apreciaban varios chupóns.

Árbore senlleira ou fantasmagórica?

O vetusto teixo que acollera á súa sombra personaxes ilustres e que fora admirado en toda Europa pola súa antigüidade e peculiar forma, converteuse, baixo a tutela da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza, nun espectro fantasmagórico inserto nun paseo rodeado de lixo e sometido ao ruído continuo da autopista. Esta árbore, cansa das torpezas daqueles que deberían velar pola súa boa saúde e porque a súa sombra perdurara no tempo, probablemente prefira morrer a seguir esmorecéndo baixo as torturas dos burócratas que non aman as árbores, nin respectan os valores naturais, culturais e históricos do seu país.