Unha consulta rutinaria
Hai agora xusto un ano, SGHN respostou a dúas solicitudes de informe por parte da Consellería de Medio Ambiente sobre dous proxectos de Adegas O Castro SL para arrotear e plantar viñedos en 349 predios (71,6 ha) na Ribeira Sacra (Pantón, Lugo). Desa superficie, 57 ha eran terreos forestais con “abundantes árbores frondosas (carballos, castineiros, amieiros, bidalos, ) de idade reducida (10-15 anos aproximadamente) nados por rexeneracion nunha parte das parcelas… Hai alguns exemplares de árbores frondosas (carballos, castineiros, amieiros, bidalos, ) de idade mais elevada (25-30 anos aproximadamente) pero illados ou en recintos e parcelas pequenas, sen continuidade.”
No seu informe, SGHN opúxose ao arroteamento dos terreos cubertos por frondosas autóctonas e dos incluidos en Rede Natura (9,39 ha dentro da ZEC Canón do Sil) pois un proxecto de viticultura intensiva é incompatible cos obxectivos de conservación da RN 2000.
“Eu vou facendo“
No pasado mes de maio SGHN enterouse de que o arroteamento xa estaba moi avanzado, con deforestación dos terreos cubertos por frondosas autóctonas e decapado dos solos tanto fóra como dentro da ZEC Canón do Sil ES1120014.
Como aínda non se publicara a declaración de impacto ambiental, SGHN pediulle á DX de Calidade Ambiental e Cambio Climático copia da mesma e de todolos informes do expediente, e que abrise un expediente sancionador contra o promotor (máis…).

Nada que declarar…
Tras agardar máis de catro meses sen obter resposta (o prazo legal para respostar é dun mes), en setembro SGHN reiterou a súa solicitude de información, lembrándolle á DX de Calidade Ambiental e Cambio Climático:
- Que a petición estaba amparada por toda a lexislación nacional e internacional sobre a materia (Convenio de Aarhus, Directiva 2003/35/CE, Lei 27/2006).
- Que a omisión deste dereito en expedientes que poden ser obxecto dunha falta administrativa ou dun ilícito penal poderían ser cualificados como un delito de encubrimento segundo o artigo 451 do Código Penal, castigado coa pena de prisión de seis meses a tres anos.
Vencido un novo prazo dun mes, cortesía de SGHN, á DX de Calidade Ambiental e Cambio Climático continuaba sen respostar. Aproveitando que o pasado 30 de outubro houbo unha xuntanza ordinaria do COGAMADS, coa presenza da Conselleira e a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, o vogal de SGHN reiterou a solicitude de información. A Conselleira comprometeuse a respostar.
… teñen algo que esconder?
Transcorrido outro mes máis, nova cortesía de SGHN, nin a Directora Xeral nin a Conselleira facilitaron a información solicitada que teñen a obriga legal de entregar.
- Qué está a pasar realmente con estes proxectos?
- Quén é o promotor para que non se actúe contra él?
- Por qué non se facilita a información?
- Teñen a Consellería e/ou outras instancias da Xunta de Galicia algo que esconder?