Espazo profundo: cúmulo da Árbore de Nadal

Na constelación de Monoceros atópase o cúmulo aberto coñecido popularmente como o Cúmulo da Árbore de Nadal. Pertence á asociación Monoceros OB1, formada por un grupo de estrelas moi novas e tres nebulosas principais, situadas no Brazo de Orión da Vía Láctea. O conxunto é coñecido como NGC 2264.

Ten un tamaño de 30 anos luz e atópase a 2.600 anos luz de distancia, a súa magnitude aparente é de 9. A estrela máis brillante é 15 Monocerotis, unha estrela variable eruptiva irregular brillante cunha magnitude de 4.6. En realidade é un sistema de estrelas que secundan a unha central azul 8.500 veces máis brillante que o Sol. A Nebulosa do Cono é un alicerce escuro de po e gas, cun tamaño de 7 anos luz. A Nebulosa da Pel do Raposo é unha nebulosa de emisión de hidróxeno con enormes cantidades de po e gas interestelar, que están iluminados polas masivas estrelas novas que se forman dentro das grosas nubes da nebulosa. O Cúmulo do Copo de Neve é a parte máis grande do Cúmulo da Árbore de Nadal , e consiste nun grupo compacto de estrelas moi novas e moi brillantes que aparecen dispostas xeométricamente nun patrón similar ao dun copo de neve; crese que teñen só 100,000 anos.

NGC 2264 foi descuberto polo astrónomo William Herschel o 18 de xaneiro de 1784, e catalogouno como H VIII.5, mais non descubriu a nebulosidade circundante ata decembro de 1785. Pódese ver con prismáticos e cun telescopio pequeno. De momento podedes gozala coa foto do extraordinario astrofotógrafo e amigo Raúl Villaverde.

Cúmulo da Árbore de Nadal