logo

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

Buscador en www.sghn.org
SGHN Xeral As Mariñas Ferrol Ourense Pontevedra Museo Astronomía
En www.sghn.org
 
line decor
  INICIO
line decor

 

 

 

 

 



 
 

 

 

Tribunal de Contas Europeo: "É necesario adicar máis esforzo á plena implantación da Rede Natura 2000"

Santiago, 24-03-2017

O Tribunal de Contas Europeo, o "Gardián financieiro da UE" como se define na súa web, fixo público hai un mes o seu Informe especial nº 1/2017 cun título que resume con claridade a súa principal conclusión: "É necesario adicar máis esforzo á plena implantación da Rede Natura 2000".

"A rede Natura 2000 é a pedra angular da estratexia da UE para deter a perda de biodiversidade. A rede conta con miles de lugares en toda Europa nos que se protexen diversos hábitats e especies naturais. Aínda que a fiscalización recoñece o importante papel desempeñado por Natura 2000 na protección da biodiversidade, a súa conclusión é que aínda hai que realizar progresos significativos para cumprir os ambiciosos obxectivos da UE respecto diso. A xestión da rede polos Estados membros non foi suficientemente boa, os fondos da UE non se mobilizaron adecuadamente, e faltaba información exhaustiva sobre a súa eficacia. Xa que logo, o Tribunal formula unha serie de recomendacións para a plena implantación da rede, a aclaración do marco financeiro e a medición dos resultados."
Acceso ao PDF co informe completo.

 

Saída ornitolóxica de SGHN-As Mariñas

Sada, 24-03-2017

Dende a Delegación de As Mariñas lembramos que a segundo saída ornitolóxica que organizamos será o vindeiro 2 de abril de 2017, domingo, quedando no aparcadoiro do café-bar A Presa ás 10:30 horas. Coma na anterior ocasión estaremos guiados guiados por tres socios con experiencia. 

A actividade está aberta tanto a socios como non socios e a tódalas idades e niveis de coñecemento. Non é necesario ter acudido á saída do 12 de marzo anterior. De todos xeitos, débese anotar os que queiran participar enviando un correo electrónico co nome e apelidos. A SGHN non subscribirá seguro de accidentes nesta ocasión.

O marcador do lugar de encontro: Marcador cerca de Nebrixe, 18, 15659 Nebrixe, A Coruña

Para o día da actividade un teléfono de contacto: Ignacio 653817879. 

 

Ferrol, 24-03-2017

O vindeiro venres día 31 ás 19:00h no salón de actos da Sociedade Galega de Historia Natural Delegación de Ferrol, terá lugar unha conferencia que leva por nome "A PÍLLARA DÁS DUNAS en Ferrolterra", na que participará como poñente a Dra. Dna. María Vidal Malde, bióloga da USC

Anteproxecto de Lei do patrimonio natural de Galicia

Santiago de Compostela, 22-03-2017

No trámite de audiencia no procedemento para a elaboración da Lei do Patrimonio natural de Galicia, SGHN presentou as súas alegacións e suxerencias (PDF), con propostas de modificación para 88 dos seus 135 artigos, así como 24 comentarios xerais entre os que compre salientar os seguintes

  • A nova Lei non mellora o marco de protección ambiental establecido pola lexislación da Unión Europea (Directiva 2009/147/CE, DC 92/43/CEE) e Estatal (Lei 42/2007), e mesmo pretende diminuila, cun posible incumprimento da normativa estatal e europea.
  • Minimízase a importancia da Rede Natura 2000 na protección e conservación dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural galego.
  • Limítase a posibilidade de declarar novos espazos naturais en solos clasificados como urbanos, sen avaliar as repercusións desta decisión para garantir un estado de conservación favorable dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural, pois dentro dos espazos naturais protexidos de Galicia se atopan na actualidade solos urbanos delimitados sobre sistemas dunares, brañas, bosques naturais, etc.
  • Elimínase a posibilidade de tanteo e retracto nos espazos da Rede Natura 2000, tanto naqueles que de acordo coa vixente normativa (Lei 9/2001) xa a posúen, como nos futuros espazos que se poidan designar.
  • Devalúase a importancia dos humidais en Galicia e óbviase calquera referencia á necesidade da súa conservación, catalogación e monitoreo e omítese calquera referencia á prohibición que sobre o uso e tenza de munición de chumbo nos humidais se establece na lexislación estatal.
  • Óbviase a importancia do medio mariño en Galicia, eliminando a posibilidade de declarar espazos baixo a figura de Área Mariña Protexida, establecida na lexislación estatal, e non incluída no borrador da norma galega.
  • Óbviase a importancia da xeodiversidade e dos seus distintos compoñentes.
  • Limítase a posibilidade de declarar novos parques a unha superficia mínima (10.000 ha) que carece de ningún tipo de xustificación científica ou técnica (duplica a establecida na lexislación estatal para os Parques Nacionais!!!) e que de aplicarse con efectos retroactivos obrigaría a descatalogar 5 dos 6 Parques Naturais de Galicia.
  • A xestión dos espazos naturais e dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural segue supeditada a cargos políticos sen contar cós criterios dos cadros técnicos, á gardaría e os vixiantes ambientais restando capacidade e independencia aos técnicos, vixiantes e gardas.
  • Plantéxase a nova figura de Microrreserva con "data de caducidade" e integrada dentro das Reservas Naturais o cal, xunto coas condicións outorgadas a estas, farían imposible o desenvolvemento efectivo desta figura.
  • Altéranse e esváense os obxectivos, procedementos e salvagardas de conservación que afectan aos espazos naturais da Rede Natura 2000, minimizando e ninguneando a normativa europea (DC 92/43/CEE) e estatal (Lei 42/2007).
  • Amosa unha formulación moi reduccionista en relación coa necesidade de inventariar, monitorizar e avaliar os diversos compoñentes do Patrimonio Natural, contemplando soamente estas accións para algúns dos compoñentes.
  • O artigo 2 da Lei formula a mellora do coñecemento científico como base da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, en coordinación coas universidades galegas e demais institucións de investigación públicas ou privadas, pero este loable propósito esquécese no resto do articulado.
  • Non contempla a realización e posta en marcha do imprescindible Catálogo de Especies Exóticas Invasoras.
  • Non fai referencia algunha ao Observatorio Galego da Biodiversidade e/ou o COGAMADS.
  • Bótase en falla que a Lei estableza de forma nítida que a Xunta de Galicia non poderá subvencionar ningún tipo de medida que poida afectar á integridade dos espazos naturais ou ao estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade.
  • Bótase en falla unha estratexia clara de apoio ás entidades de custodia do territorio.

Por todas estas razóns, SGHN considera que o anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural será incapaz de frear a perda de biodiversidade que sofre Galicia e demanda unha revisión do mesmo en profundidade.

 

DIA desfavorable para Paratermo Energía, SL

Santiago de Compostela, 21-03-2017

No DOG de hoxe ven de publicarse o "Anuncio do 22 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto dunha planta de produción de combustible mediante gasificación de carbón empregando como enerxía térmica a producido por radiación solar, no concello de Viana do Bolo (Ourense) promovido por Paratermo Energía, S.L. (clave 2015/0090)" (máis...), proxecto ao que SGHN presentou no seu momento unhas alegacións demoledoras (máis...). O texto completo da DIA pódese descargar premendo AQUÍ.

 

Atlas SGHN de Flora Exótica Invasora
Fichas de identificación de Acacia melanoxylon e Roldana petasittis

Pontevedra, 18-03-2017

A acacia negra Acacia melanoxylon R.Br. é unha árbore leguminosa que procede do SE de Australia e Tasmania e que foi citada en Galicia por vez primeira no ano 1976. Introduciuse amplamente como cortaventos, para fixación de taludes e como cortalumes. Precisamente os lumes forestais favorecen o seu rebrotamento e a xermola das súas sementes, o que axudado da súa gran fortaleza favorece moito a expansión no medio. Impacta negativamente sobre o crecemento da flora microbiana do solo, e nas zonas invadidas modifica os servizos ecosistémicos, reducindo a disponiblilidade hídrica e impedindo a xermolación e crecemento das especies vexetais autóctonas por mor da emisión de sustancias alelopáticas durante a descomposición das súas follas.

 

Roldana petasitis (Sims.) H. Robinson & R. D. Brettell é unha planta arbustiva de orixe mexicana da familia das compostas que pode chegar ata os 2 metros de altura. Foi introducida pola súa beleza e persistencia, xa que ten unha floración en inflorescencia con flores liguladas moi vistosas e grandes follas verdes perennes. As súas follas están cubertas por un indumento espeso co envés agrisado que a fan inconfundible. Gústanlle os lugares sombríos e nitrificados, aparecendo habitualmente nas beiras dos camiños forestais onde compite polo sustrato coas especies ruderais. Foi citada por vez primeira en Galicia no ano 1996, atópándose actualmente en expansión por Galicia, principalmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Premendo nas imaxes de abaixo pódense descargar as fichas de identificación en PDF.
Colabora no Atlas escribindo a botanica@sghn.org
http://www.sghn.org/Seccion_Botanica/Seccion_Botanica.html

 

Seguimento de Bolboretas do BMS no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Pontevedra, 28-02-2017

O pasado martes 21 de febreiro, tivo lugar na sede do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a II Reunión do Grupo de traballo de Seguimento de Bolboretas do BMS no parque, unha xuntanza que tiña como obxectivo principal, facer balance da pasada campaña do BMS nos tres arquipélagos que contan con transepto no Parque Nacional (Ons, Cíes e Cortegada) ademais de planificar a campaña 2017 que está a piques de comezar.

A SGHN participou como invitada na reunión por medio da súa Sección de Entomoloxía, onde o noso compañeiro José Rodrigo Dapena impartiu unha interesante conferencia centrada na identificación visual das distintas especies de bolboretas diúrnas (49) existentes nestes tres arquipélagos, algunha delas auténtica primicia para o parque, como o caso do pequeno licénido Favonius quercus, presente no arquipélago de Cortegada e da que a SGHN conta con rexistros dentro do seu programa ESENGA, como do exemplar recollido no ano 1995 que amosamos na presentación, ademais de deixar algún apuntamento a maiores dalgunha outra especie que non sería estraño que se deixase ver nas illas no futuro.

O rematar a xornada, e para complementar dun xeito práctico toda esta formación teórica, a SGHN ofreceuse a realizar unha saída monitorizada ao longo da presente tempada, enfocada principalmente a identificación de bolboretas diúrnas en calquera dos arquipélagos que integran o PN, unha proposta que tivo unha fantástica acollida tanto por parte do propio persoal do Parque Nacional, como por parte dos propios asistentes á reunión de traballo.

 

Espazo profundo: M51

Efemérides astronómicas de marzo

Ferrol, 26-02-2017

Na Constelación de Canes Venatici (Os cans de caza) atópase a galaxia M51, tamén coñecida como Messier 51 o Remolino ou o Bulebule. Foi observada por primeira vez por Charles Messier o 13 de outubro de 1773, cando observaba cometas, agregando o obxecto ao seu catálogo como Messier 51. Foi a primeira galaxia recoñecida como unha espiral, por William Parsons, terceiro conde de Rosse na primavera de 1845, que a observou co seu telescopio reflector de 72 polgadas, por iso ás veces tamén se lle chama "Galaxia de Rosse".

Aínda que se atopa na constelación de Canis Venatici, para localizala usaremos a estrela máis próxima, que é Alkaid na punta da cola da Osa Maior. E a 3,5º en dirección á estrela Cor Caroli en Canis Venatici atoparemos M51.

En realidade M51 son dúas galaxias M51a e M51b, que interaccionan entre si. Son coñecidas tamén como NGC 5194 e NGC 5195. Esta última foi descuberta en 1781 por Pierre Méchain, discípulo de Charles Messier. A magnitude aparente do conxunto é de 8,4, e atópase a unha distancia de 23 millóns de anos luz. O seu diámetro é de 75.000 anos luz e estímase que a súa masa é a duns 160 mil millóns de masas solares.

As dúas galaxias están sometidas a unha gran atracción gravitacional que activa a formación estelar, sobre todo na galaxia principal que, como moitas outras galaxias, ten un buraco negro supermasivo no seu núcleo, rodeado de aneis de po. Este núcleo é bastante activo, convertendo a M51, nunha "galaxia Seyfert", que son as chamadas así en honor do astrónomo norteamericano Carl Seyfert, quen en 1943 chamou a atención sobre algunhas galaxias espirales cuxo núcleo moi brillante presenta liñas de emisión moi intensas.

M51a e M51b están unidas gravitacionalmente, e tamén visualmente por unha ponte de gas e pó. Achéganse entre si para acabar fusionandose, pero non antes de varios centos de millóns de anos. Podemos velas nesta fantástica foto de Fotografía Ferrolterra, que colabora coa Sección de Astronomía da SGHN.

Ver ampliación.

  • Día 1: A Lúa, Venus e Marte moi próximos.
  • Día 4: Aniversario do descubrimento do planeta Urano polo astrónomo inglés William Herschel (1781).
  • Día 5: Ás 12:34 h a Lúa en Cuarto Crecente.
  • Día 12: Ás 15:55 h Lúa Chéa.
  • Día 13: O astrónomo inglés William Herschel descubre os satélites de Urano Titania e Oberón (1787).
  • Día 14: A Lúa e Xúpiter moi Próximas.
  • Día 18: Mercurio e Venus moi próximos.
  • Día 19: Ás 17:27 h a Lúa en Cuarto crecente.
  • Día 20: Ás 11:12 h a Terra no equinocio. Comenza a primavera no norte, outono no sur. A Lúa e Saturno moi próximos. Ás 17:01 h a Lúa en Cuarto Minguante.
  • Día 24: Máximo da choiva de estrelas Gamma-Nórmidas (2 por hora), comenzan o 23 e estarán con nos ata o día 28. Radiante en Norma.
  • Día 25: Aniversario do descubrimento por Christiaan Huygens do satélite de Saturno, Titán (1655).
  • Día 27: Lúa e Venus moi próximos.
  • Día 28: Ás 04:59 h Lúa Nova.
  • Día 29: A Lúa e Mercurio moi próximos.
  • Día 30: A lúa e Marte moi próximos.

Planetas

  • Mercurio en Piscis, pola súa proximidade ao Sol non visible, magnitude -1,35.
  • Venus en Piscis, visible una hora despois do solpor, magnitude -3,7. 
  • Marte en Aries, visible duas horas despois do solpor, magnitude 1,58.
  • Xúpiter en Virgo, será visible casi toda a noite, magnitude -1,96.
  • Saturno en Saxitario, poderá observarse catro horas antes do amencer, magnitude 0,68.
  • Urano en Piscis, visible unha hora depois do solpor, magnitude 6,3.

Cometas

  • Tan só 41P/Tuttle-Giacobini-Kresak (2017)entre as constelaciones de Leo,Leo Minor e Osa Maior, con magnitude 5. 2P/Encke (2017) em Acuario com magnitude 6. Poden ser observados cun telescópio pequeno. Os outros teñen magnitudes que os fan difícilmente observables.

Ver ampliación.

 

Día Internacional dos Humedais 2017
Celebración do VI Aniversario da Sección Antela

Complexo húmido Limia-Antela, 04-02-2017

O pasado sábado 4 de febreiro a Sección Antela celebramos, por sexto ano consecutivo, o Día Internacional dos Humidais. Non fixo falta invocar aos deuses da choiva pois, aínda que o ano entrou ben seco, por fin a dinámica atmosférica confabulouse para ofrecernos un tren de borrascas que dende hai un par se semanas están a encher os cursos de auga tanto na Limia coma no resto de Galicia. Así, baixo a choiva e enfrentando refachos de vento pero moi animados, fomos descubrindo todas as novidades das actuacións recentes e os proxectos futuros.

A mañá adicámola a visitar o Humidal Antonio Villarino en Vilaseca e a parcela que temos custodiada xunto cun gandeiro local en Vilar de Gomareite. Ambos casos son exemplos de algo moi fermoso: o feito de imaxinar algo diferente para unha zona degradada, de crer profundamente que un cambio é posible e de actuar en consecuencia. Conseguimos unha importante transformación coa axuda de moitas persoas que nos ofreceron as súas mans, enerxía e confiaron en nós. En ambos humidais aínda se nota a pegada das máquinas (tractores, palas,...) que fixeron as obras de maior envergadura pero tamén se respira un aire diferente... por moito que as granxas industriais de porcino queiran tapar o olor dos bos augurios.

En Gomareite quedamos abraiados, a veiga está irrecoñecible. As primeiras veces que entramos alí todo eran acumulacións de entullos e lixo (forxados, vidro, pneumáticos, plásticos, madeiras, roupa e enseres domésticos...) que incansablemente nos afanamos en ir eliminando de xeito manual en varias xornadas con voluntarios (máis...).

 

Actividades 2014-16 de SGHN na ZEC "Gándaras de Budiño"

Pontevedra, 08-02-2017

A SGHN ven coordinando dende xa tres anos un programa de actividades para a recuperación e posta en valor da biodiversidade e ecosistemas do espazo natural ZEC Gándaras de Budiño. Neste periodo participaron un número cada vez maior de persoas e diferentes colectivos locales:

  • 2014: 7 actividades, 97 participantes.
  • 2015: 12 actividades, 174 participantes
  • 2016: 21 actividades, 363 participantes
  • Total: 40 actividades convocadas con éxito, a maioría de participación pública e gratuíta.

Actualmente, un grupo estable de voluntarios participan nos traballos medioambientais e as actividades mensuais teñen cada vez máis resposta participativa, con colectivos e persoas locais que valoran o espazo natural. A participación está aberta a tódolos interesados de calquera idade.
Hai que agradecer o apoio do Concello do Porriño, a Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño e o Servizo de Conservación da Natureza, que participan nas actividades ambientais e especialmente no Proxecto de Restauración da parcela onde se ubicaba o malogrado "Centro de interpretación da Natureza de As Gándaras de Budiño".
Actualmente, o grupo de voluntarios desenvolve un proxecto dentro do Programa Voz Natura, adicado á restauración e posta en valor dos valores naturais do espazo natural.
No 2017 a intención é continuar co plan de traballo actual, de poñer en valor o espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro a través da participación en actividades de coñecemento do medio e de restauración ecolóxica da parcela na que temos acordo co Concello, con xornadas de voluntariado no terreo, reforestacións e adecuación de hábitats para fauna.
Máis información para participar: na web, facebook e gandaras@sghn.org

 

Celebración Día Mundial dos Humidais 2017 e VI Aniversario da Sección Antela de SGHN

Complexo húmido A Limia-Antela, 27-01-2017

O vindeiro sábado día 4 de febreiro a Sección Antela de SGHN celebrará o seu sexto aniversario e o Día Mundial dos Humedais cunha xornada de campo para divulgar os traballos que ven desenvolvendo na chaira limiá para a restauración de humidais permanentes ou estacionais, tanto naturais como artificiais. O programa da xornada é o seguinte:

  • Punto de encontro: estación de servicio na saída de Abavides da autovía A-52 (km 188).
  • Hora de comezo: 10:00 h.
  • Pola mañán visitaranse a Veiga de Vilaseca (Trasmiras) e a Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio).
  • Xantarase nun restaurante da zona aínda por confirmar.
  • Pola tarde visitarase a zona das areeiras (Sandiás).
  • Hora prevista de finalización: 18:30 h.
  • A xornada está aberta a todos os interesados, pero por motivos organizativos agradécese que se comunique a asistencia ao correo electrónico antela@sghn.org (comunicación imprescindible para os asistentes á comida de confraternización).

Sobre o lobo de Westerwald e os lobos de Galicia

Santiago, 26-01-2017

En 1886 matárase o último lobo de Westerwald, unha pequena cadea montañosa do occidente de Alemaña, a medio camiño entre Fráncfort e Colonia. Cento trinta anos despois chegou á zona un lobo que sobreviviu a un atropelo, curando de xeito natural unha pata rota, pero non ao disparo dun cazador dous anos despois, o 20/04/2012.

Paga moito a pena ler o resume en castelán que Caroline Waggershauser realizou do extenso artigo Wölfe im Westerwald. Verfolgt bis in die Gegenwart - Ein Plädoyer für Akzeptanz sobre estes feitos escrito polo Dr. Frank G. Wörner en 2013, e comparalo co que está a acontecer en Galicia cos lobos, como se recolle na entrevista a Felipe Bárcena, un dos socios máis antigos de SGHN, publicada en El Correo Gallego e que se pode ler premendo AQUÍ ou na imaxe da dereita.

A versión oficial da situación do lobo en Galicia pódese descargar premendo AQUÍ.

Calendario da natureza 2016 -2017

Pontevedra, 25-01-2017

Xa esta disponible o calendario da natureza 2016-2017 (pdf), realizado cos debuxos dos ganadores do concurso de debuxo convocado pola delegación de Pontevedra.

Noraboa ós ganadores e gracias a todos os participantes.

  • 1º premio Inverno: Manuel Omil Barreiro 5º CPR Inmaculada - Marín
  • 1º premio Primavera: José Andrés Albán Montoya 5º CEIP Campañó - Pontevedra
  • 1º premio Verán: David Maquieira Rivas 6º CPR Inmaculada – Marín
  • 1º premio Outono: Carolina Ferreira Kiss 6º CEIP Rubiáns - Vilagarcía de Arousa

 

Reportaxe na TVG sobre os fósiles de cetáceos no Museo de Historia Natural de SGHN

Ferrol, 23-01-2017

O programa "Vivir o mar" da TVG emitiu onte unha reportaxe sobre a colección de fósiles de cetáceos do Museo de Historia Natural de SGHN. Pódese acceder á reportaxe, que comeza a partires do minuto 20:45, premendo na seguinte ligazón:

 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/vivir-o-mar-69

 

 

SGHN-As Mariñas e outras 9 entidades presentaron un escrito en contra deste proxecto

A senda fluvial aos Caneiros ( Betanzos):un proxecto que se debe modificar

Sada, 19-01-2017

O 28 de decembro o concello de Betanzos anunciou a apertura do proceso de licitación do proxecto do novo paseo fluvial Ponte Vella – Os Caneiros pola beira do río Mandeo. É o mesmo proxecto que quixo executar no ano 2014, e tamén similar ó que presentou o Plan Mandeo no ano 2010. Oito asociacións culturais e grupos conservacionistas expresaron naquelas dúas ocasións a súa oposición ós aspectos máis lesivos para o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico do proxecto, e apoiaron unha alternativa máis ecolóxica e máis económica que se expresou nun documento (máis...).

O concello de Betanzos, despois das protestas e alegacións presentadas en xaneiro de 2015 a un proxecto redactado no 2014, simplemente non o executou, pero agora dous anos despois saca a licitación a obra sen realizar ningunha modificación respecto ao anterior proxecto ( ver documentos técnicos).

Este proxecto do 2014 incorpora o trazado de 245 m de tubos de sumidoiro na zona de servidume do dominio público do río Mandeo e dentro do ZEC Betanzos-Mandeo, ademais de insistir nun recheo para senda de 700 m no carrizal de San Xiao, segue mantendo unha pasarela de pilotada de madeira por 120 m de carrizal e dunha escolleira de 40 m lineais nunha zona do río sen construcións ata o de agora.

O proxecto segue carecendo dunha avaliación do impacto ambiental, tal como establece o artigo 45.4 da Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad e os artigos 7 e 45 da Ley 21/2013 de Evaluación Ambiental. Igualmente carece do informe previo e favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza respecto a como afecta á escribenta das canaveiras, segundo establece o Decreto 75/2013 polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras en Galicia.

A necesidade da avaliación ambiental e do informe favorable en base a esa lexislación nolo confirma con data 27-05-2015 o Defensor del Pueblo, que non atopa evidencias de que se teña realizado a avaliación ambiental correctamente nin que se teña avaliado o impacto negativo da construción e uso do paseo na escribenta das canaveiras.

Entre as cousas sorprendentes deste proxecto figura unha resolución do ano 2011 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que indicaba que no proxecto non se vía afectada ningunha zona húmida identificada (ríos e marismas son por definición zonas húmidas para calquera científico). O Defensor del Pueblo informounos con data 13-04-2016 que o Concello de Betanzos fixo caso omiso ás súas suxestións para que solicitara informes complementarios sobre o impacto da construción e uso do paseo fluvial, amosando así nulo interese en respectar a lexislación ambiental e en garantir a conservación do noso patrimonio natural.

A urbanización da zona de servidume do río nun tramo de 420 m, coa conseguinte destrución da metade do hábitat terrestre da beira esquerda do espazo natural ZEC Betanzos-Mandeo e o impacto do seu uso continuado na vida silvestre do espazo natural, vulnera diversa normativa ambiental. Esta destrución do hábitat non xustificada, carente dun interese público ineludible pois existe a alternativa de afastar o seu trazado do río, vulnera as directivas Hábitats (Directiva 92/43/CEE) e Aves (Directiva 2009/147/CE).

Estas razóns obrigaron, outra vez, a dez entidades conservacionistas e asociacións culturais da comarca a presentar unha serie de alegacións (máis...) ante a Consellería de Medioambiente, Demarcación de Costas, Deputación Provincial da Coruña e repetir as queixas ante El Defensor del Pueblo. O escrito presentouse o 16-01-2017 e ese mesmo día se reuniron as entidades que forman parte da Mesa de Medioambiente e Mozos do GDR As Mariñas-Betanzos para protestar ante este proxecto, esixir a súa modificación e pedirlle a esta asociación que xestiona directamente a Reserva da Biosfera “ As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” que inflúa non concello de Betanzos para que paralice esta licitación e redacte un novo proxecto máis acorde coa preservación dos valores naturais. Chama moito a atención que o concello de Betanzos licite unha obra en terreos do concello de Coirós sen a súa participación ou autorización.

Tamén queremos comentar que este proxecto non se ten sometido a exposición pública, vulnerando os dereitos dos cidadáns recollidos no Convenio de Aarhus, asinado polo Estado español.

As vindeiras actividades que organizamos entre todas as entidades para expoñer as nosas propostar aos cidadáns son unha charla o sábado 21 de xaneiro en Betanzos e unha ruta pola zona para expoñer sobre o terreo por onde discorrería senda e o seu impacto.

 

Prezo especial para os socios de SGHN

"Aves na Limia" magnífico libro de fotografías de Esteban Solleiro

Ourense, 15-01-2017

"AVES na Limia"; libro de 208 páginas, gran formato (A3 apaisado) e tapas duras, no que se amosan 183 especies de aves, algunhas delas ameazadas, e 230 fotografias, tomadas en 10 concellos da comarca ourensá de A Limia, entre 2008 e 2016.

Conta cun interesante prólogo escrito polo Presidente de SGHN Serafín Gonzalez.

O prezo en librerias é de 38,50 €, pero o autor ofreceo cun interesante desconto aos socios de SGHN (30 €).

Para adquirilo con ese desconto contactar con ourense@sghn.org

 

SGHN integra as súas bases de datos de investigación no Gbif

Pontevedra, 29-12-2016

Que é o GBIF?
Global Biodiversity Information Facilitity é unha organización intergubernamental que nace en 2001 e que ten hoxendía 53 países e 43 organizacións internacionais. GBIF está estruturada como unha rede de nodos nacionais cunha secretaría internacional en Copenhague. O obxetivo de GBIF é dar acceso -vía internet, libre e gratuitamente- ós datos de biodiversidade de todo el mundo para apoiar a investigación científica, fomentar a conservación biolóxica e favorecer o desenvolvemento sostible.
Máis información en
http://www.gbif.org/publisher/41d47a20-829b-4f8c-b413-ef95ae06d567
http://www.gbif.org/country/ES/summary
http://www.gbif.org/dataset/f56b1d14-e092-4704-9c77-091f317dc94d   

Por que GBIF?

Nestes intres é a plataforma máis internacional e con maiores garantías de soporte e recursos, o que garante mellor ca outras a súa perduración no tempo. O seu uso é aberto e colaborativo.

Para que sirve esta integración?
Entre moitas aportacións, desta integración podemos destacar:

  • Unificación dos criterios de toma e xestión de datos.
  • Minimizar o risco de perda de información cara ó futuro.
  • Fortalecer un sistema de xestión que aporta a información necesaria para a toma de decisións sobre en que investir os orzamentos de protección e investigación do medio ambiente.

 

 

 

 

 

 

Neste intre están integrados os datos do " Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae (Insecta, Coleoptera) de Galicia. Segundo se vaian publicando o resto de atlas, integraranse estes datos. Nun futuro próximo tamén se integrarán os datos doutros atlas da SGHN

Os datos que ceden os colaboradores son empregados exclusivamente para a realización dos atlas e como información para xestionar a protección ambiental en caso de ser necesario. Non hai un uso lucrativo do mesmo e se hai datos que precisan dunha xestión discreta (investigación non publicada, estudos en curso, etc) ó indicar tal circunstancia queda restrinxido o seu uso dacordo co autor/recopilador.

O protocolo ESENGA, que regula a recopilación de datos de entomoloxía, está actualizado na páxina web (http://www.sghn.org/Seccion_Entomoloxia/Programa_ESENGA.html), así como o arquivo para o rexistro de datos.

 

Por incumprimento reiterado dos caudais mínimos e o Plan Hidrolóxico

SGHN denuncia á Confederación Hidrográfica diante da Unión Europea

Ourense-Santiago, 28-12-2016

A Directiva 2000/60/CE ten por obxecto establecer un marco que preveña todo deterioro adicional e protexa e mellore o estado dos ecosistemas acuáticos e, con respecto ás súas necesidades de auga, dos ecosistemas terrestres e humidais directamente dependentes dos ecosistemas acuáticos, así como promover un uso sustentable do auga baseado na protección a longo prazo dos recursos hídricos dispoñibles. Supostamente, eses son os mesmos obxectivos do Plan Hidrolóxico DHMS desenvolvido obrigatoriamente por mandato da Unión Europea para aplicar na Demarcación Miño-Sil a devandita directiva.

Sen embargo, de acordo cos datos oficiais de caudais circulantes pola estación de aforos do río Limia en Ponteliñares, facilitados á SGHN pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (en adiante CHMS), durante os tres primeiros anos de vixencia do Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil (entre o 21-04-2013 e o 20-04-2016):

  • Nun total de 265 días (111 en 2013, 105 en 2014 e 53 en 2015) incumpliuse o caudal mínimo, é dicir, incumpliuse o Plan Hidrolóxico DHMS nun de cada catro días.
  • Nun total de 190 días (79 en 2013, 93 en 2014 e 18 en 2015) os caudais circulantes eran polo menos un 25% inferiores ao caudal mínimo.
  • Nun total de 102 días (43 en 2013 e 59 en 2014) os caudais circulantes eran menos da metade do caudal mínimo.
  • En 2013 e 2014 houbo senllos períodos de tres meses consecutivos (exactamente 90 e 89 días, respectivamente) nos que os caudais circulantes eran inferiores ao caudal mínimo.

SGHN ten reclamado insistentemente, pero sen éxito, que a CHMS e a Dirección Xeral do Auga (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) actúen en exercicio das súas competencias e obrigacións legais para garantir o cumprimento dos caudais mínimos e a Directiva 2000/60/CE na cabeceira da bacía do río Limia, como demostran os escritos enviados con datas 13-09-2010, 16-08-2011, 12-03-2012, 03-08-2012, 12-08-2013, 06-09-2013 e 04-08-2014 (Máis...). Á vista desta desidia da CHMS e do Ministerio, SGHN veuse obrigada a denunciar a ambos organismos oficiais diante do Comisario Europeo de Medio Ambiente (PDF).

Estación de aforos do río Limia en Ponteliñares, cun caudal un 75% inferior ao mínimo establecido no Plan Hidrolóxico.

 

Ampliación ilegal de granxa de visóns en A Baña

Santiago, 19-12-2016

As consecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-201) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 (máis) continúan a sentirse na proliferación de novas granxas ou ampliación das existentes en Galicia. O último caso, polo de agora, é unha segunda ampliación da granxa existente en Troitosende (A Baña, A Coruña).

A granxa, con permiso para só 2 naves dende 1991, pero que xa contaba con 4 naves alomenos dende 2002-03, mercouna a empresa Matomba Mink Farm, SL para a que consta como administrador único Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e como apoderada Marta Maria Blanco Vispo (ver recadro abaixo). Cunha enorme desfachatez "galaico-holandesa" a empresa Matomba Mink Farm, SL construiu sen permiso 7 naves adicionais en 2014 e agora ven de presentar un “Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns”.

O proxecto está suxeito a avaliación de impacto ambiental simplificada pois está incluido nos supostos contemplados no artigo 7.2.b. da Lei 21/2013 de avaliación ambiental ao poder afectar de xeito apreciable, directa ou indirectamente, a espazos protexidos da Rede Natura 2000, pois a granxa atópase a 1,3 km do río Tambre, augas arriba da Zona de Especial Conservación ES1110016 Río Tambre. Xa que logo, tal como actuaron os promotores cometeron unha falta grave segundo a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, polo que SGHN ven de solicitar á Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental (máis...) que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco Vispo e, tratándose dunha instalación tan perigosa para a biodiversidade, se lles impoña a máxima sanción posible por falta grave 240.400 euros e, ademais, que se proceda á clausura e precintado inmediatos de todas as naves que carecen dos preceptivos permisos legais.

Por outra banda, no caso de que os promotores intenten continuar coa tramitación do proxecto, SGHN solicitou que se someta a avaliación de impacto ambiental e que o estudio correspondente avalíe con seriedade e rigor os efectos sobre todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e nos LICs máis próximos, e que poderían sufrir a depredación ou a competencia, por visóns fuxidos ou “ceibados”.

Finalmente, no caso de aprobarse o proxecto, se esixa á empresa promotora que:

  • Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun collar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.
  • Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.
  • Contrate un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou “liberados” da granxa.

A "conexión galega" para as granxas de visón americano: Marta Maria Blanco Vispo mantén múltiples e estreitas vinculacións con empresas peleteiras en Galicia:

  • Agapel Pelting SL (apoderada)
  • Blomvis Spain SL (foi apoderada)
  • European Minkfarm Rooijakkers SL (apoderada)
  • Galimink, SL (apoderada)
  • Katmink, SL (apoderada)
  • Matomba Mink Farm, SL (apoderada)
  • Productos y Mixturas para Alimentación Animal SL (Secretaria e Conselleira)
  • Rijo Mink Europe, SL (apoderada)

 

Imaxe da esquerda: Foto aérea coa granxa pillada "in fraganti" en 2014 coas obras de ampliación non autorizadas. Imaxe PNOA cedida por © Instituto Geográfico Nacional - Xunta de Galicia

 

Beneziphius cetariensis nova especie de cifio fósil para a ciencia

Ferrol, 18-12-2016

Un equipo de investigación internacional dirixido por Ismael Miján da SGHN e integrado por Olivier Lambert do Museo Real de Ciencias Naturais de Bélgica e Stephan Louwye da Universidade de Gante, fai público o achado dunha nova especie de cetáceo cuxa datación estímase nuns 4 millóns de anos na revista científica Acta Paleontologica Polonica.

Dous dos autores do traballo, Ismael Miján e Olivier Lambert, publicaron no 2013 o descubrimento de catro novas especies descoñecidas achadas na Península Ibérica o que supuxo un gran descubrimento, ao que se han ir sumando outros traballos sobre histoloxía e mineraloxía publicados nos últimos anos.

Esta nova especie bautizouse co nome de Beneziphius cetariensis (de Cetaria, nome orixinal da vila de Cedeira) en alusión á localidade galega de Cedeira, un dos pobos pesqueros de Galicia de onde proceden moitos dos exemplares que se investigaron nos últimos dez anos. O único exemplar achado ata o momento e que se utilizou para a descrición desta nova especie foi doado por Gerardo González e Carmen Rodríguez logo de gardalo durante anos tras recuperalo dos fondos mariños a uns 500 metros de profundidade ao norte de Cabo Ortegal.

Vista dorsal (arriba) e lateral (abaixo) da nova especie de fósil.

 

Aves da Limia: unha obra imprescindible e 100% solidaria!!!

Antela-A Limia, 01-12-2016

Os autores desta publicación, todos socios veteranos de SGHN, precisaron máis de 700 páxinas a todo cor, con 475 mapas e 265 fotografías, para amosar a inxente cantidade de información sobre as aves da Limia que levan recompilada en case medio século de traballos de campo e de gabinete e que no seu momento foi decisiva para conseguir que A Limia fose declarada Zona de Especial Proteción para as Aves (ZEPA). Os dous volumes recollen, para as 260 especies de aves que documentaron, tanto a distribución histórica en tempos da lagoa de Antela como a actual, tanto en periodo de cría, como nos pasos migratorios e a invernada, todo cun asombroso nivel de detalle (cuadrículas UTM de 1x1 km!). Inclúen, ademais, a máis exhaustiva recompilación de nomes vernáculos de aves feita nunha bisbarra galega, o estatus, o hábitat, os efectivos poboacionais, a reprodución e a fenoloxía de todas as especies.

Por se non abondase con todo o anterior, a obra é 100% solidaria con Antela e A Limia. Publicada polo Centro de Estudos da Limia (CEL) cos dereitos do magnífico e solidario libro "Antela a memoria asolagada", tanto os autores como o CEL comprométense a que TODOS os beneficios da súa venda adicaranse aos proxectos de restauración ambiental na chaira limiá que xa está a desenvolver SGHN-Sección Antela e aos que virán no futuro. Por ise motivo a única canle de venda será directamente por internet.

A partires da súa publicación en marzo o precio será de 60 € máis os gastos de envío, pero agora premendo AQUÍ podes aproveitar para facer(te) un bo regalo acolléndote á oferta de venda anticipada por 55€ co envío gratis ao teu domicilio en canto estean impresos.


 

 

Calendario da Natureza 2016-2017

Fitos 40 anos Hitos 40 años

Hoxe, como hai 40 anos, a túa axuda é imprescindible
para defender a nosa natureza

Faite da 'Sociedade'

 

 

 

OUTRAS NOVIDADES

Directiva 2016/2284 Redución contaminantes atmosféricos

RD 389/2016, Plan Director Red de Parques Nacionales

Decreto 119/2016 Catálogo das paisaxes de Galicia

Especies invasoras preocupantes na UE

Exclusión de REGANOSA do trámite de AIA

Plan de Acción Reserva da Biosfera transfronteiriza do Xurés

Sentencia Tribunal Supremo sobre especies invasoras

Lei 2/2016 do Solo de Galicia

RD 1/2016 Aprobación Plan Hidrolóxico Miño-Sil

Ley 33/2015, modifica Ley 42/2007 Patrimonio Natural y Biodiversidad

Fractura hidráulica ("fracking")