40º aniversario da SGHN-Ferrol

Hoxe fai 40 anos da reunión pública convocada en Ferrol, na Sociedad Deportiva Galiano de Canido, para presentar a Sociedade Galega de Historia Natural ao público ferrolá, como se recolle no documento de FerrolDiario que acompaña esta nova. Aquel día de 1979 presentase con ilusión un colectivo que, nacido como Grupo Ornitolóxico Galego na Compostela de 1973, estábase a espallar por Galicia adiante coa proposta de coñecer, divulgar e protexer o seu patrimonio natural.

Pouco despois a SGHN modificou os seus estatutos para organizarse en delegacións e en seccións temáticas. A de Ferrol foi a primeira delegación, constituída aquel mesmo ano.

Presentación da SGHN en Ferrol o 13 de xaneiro de 1979

Catro décadas de actividade en Ferrolterra

Manter unha traxectoria de catro décadas non foi doada nin para a Delegación de Ferrol nin para o medio ambiente galego, o seu obxecto de existir. Por desgraza algúns temas –como o lume e a perda de biodiversidade- seguen aí e outras ameazas ambientais, como o cambio climático, a contaminación dos plásticos e as especies invasoras demostraron a súa importancia. Porén, o entusiasmo e dedicación de centenares de persoas, conseguiron co seu esforzo crear un ambiente favorable á protección e á divulgación medioambientais. Tamén ás infraestruturas para o estudo e a divulgación das ciencias biolóxicas, contidas no Museo de Historia Natural e na Biblioteca da Natureza, acollidas nas instalacións da Praza de Canido, uns recursos singulares, visitados por miles de persoas cada ano.

A sociedade ferrolá valorou ao longo do tempo o labor da SGHN, cedéndolle o uso dos locais primeiro do antigo Hospicio de Sta. Teresa e logo a Casa do Coronel do cuartel Sánchez Aguilera, e recoñecéndoa por dúas veces nas súas distincións cidadás por San Xiao.

A SGHN desexa seguir o camiño aberto, consolidando as instalacións e actividades en Ferrolterra, con gran potencialidade de futuro. Coa mesma ilusión de 1979 comezamos este ano, esperando chegar máis e mellor aos nosos obxectivos fundacionais.