“ParaTERCO” Energía
En 2016, Paratermo Energía solicitou os permisos para construir unha planta industrial de produción de metanol e hidróxeno a carón do río Camba en Viana do Bolo (Ourense). O proxecto, duramente criticado por SGHN (ver alegacións), afectaba á contorna do PN do Invernadeiro, dous hábitats prioritarios e unha ducia de especies ameazadas. Tan perxudicial era que recibiu unha das escasísimas DIAs desfavorables da D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DOG nº 56, do 21-03-2017).
![Ampliacion RN2000 río Camba](https://sghn.org/wp-content/uploads/2019/02/Ampliacion_RNatura_RioCamba_web.jpg)
Con terquedade, Paratermo Energía SL solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) un aproveitamento de 4,95 l/s de auga para a planta de metanol e hidróxeno. Ningún departamento da Consellería de Medio Ambiente se personou no trámite. SGHN si, solicitando que se desbotase total e definitivamente a concesión solicitada (ver alegacións).
A CHMS tivo en conta as alegacións de SGHN, a única entidade que nesta ocasión saiu en defensa do río Camba, e rexeitou a concesión de augas. E sen auga para o proxecto frústanse as intencións de Paratermo Energía de obter un cambio na DIA.