Humidais e desenvolvemento sostible en Antela-A Limia
- Que? Xornada de campo aberta a todos os públicos para celebrar o Día Mundial dos Humidais 2019.
- Cando? O vindeiro sábado 9 de febreiro.
- Para que? Divulgar os traballos de restauración de humidais, naturais e artificiais, que desenvolve SGHN.
- Onde? no outrora magnífico complexo húmido Limia-Antela (Ourense, NW España), constituído pola Lagoa de Antela e as chairas de asolagamento dos ríos.
Tralas intensas transformacións hidrolóxicas e agrícolas que sufriu durante a segunda metade do século XX, o complexo húmido Limia-Antela foi case totalmente destruído. Malia todo, a zona aínda conserva grandes valores ambientais que SGHN intenta protexer e potenciar. Para iso, o 02-02-2011 (40º aniversario da Convención de Ramsar) creouse SGHN-Sección Antela cos obxectivos de:
- Divulgar e salvagardar os valores naturais e tradicionais da Limia.
- Demostrar que é posible e necesario compatibilizar a recuperación de humedais e zonas marxinais coa explotación agro-gandeira sustentable.
Os participantes na xornada de campo coñecerán de primeira man os froitos deses 8 anos de traballo de SGHN-Antela entre os que destacan:
- A restauración de 16 ha da antiga lagoa de Antela na “Veiga de Gomareite”, recuperando a súa condición histórica de humidal estacional pastoreado en extensivo, grazas a un acordo de custodia do territorio cun gandeiro local e ao magnífico traballo dos voluntarios.
- A restauración como humidal estacional de 1,6 ha na “Veiga de Vilaseca” (Humidal Antonio Villarino, con 1,3 ha propiedade de SGHN).
- Dous acordos de custodia compartida do territorio para a restauración ambiental de 5 ha de humidais artificiais.
Programa da xornada
- Data: Sábado 09/02/2019.
- Hora e lugar de encontro: 09:30 h na E.S. Antela, saída 193 da autovía A-52 en Xinzo de Limia.
- Actividade da mañán: Visita á Poza dos Arieiros, Humidal Antonio Villarino e Lodoselo para coñecer a evolución das mesmas tras as últimas actuacións desenvolvidas.
- Xantar: 13:45 h no Restaurante Avenida de Xinzo (uns 12 EUR cada comensal). Imprescindible confirmar asistencia ao xantar antes do xoves día 7 ao correo electrónico antela@sghn.org
- Actividade da tarde: aprox. 15:45 h, visita á Veiga de Gomareite (un anaco da antiga Lagoa de Antela) valorando os últimos traballos de retirada de montoneiras e entullos. De seguido, ruta polos novos predios alugados ao BANTEGAL-AGADER para avaliar o seu estado, ver posibles actuacións e iniciar unha nova campaña de apadriñamento.