Logo de compilar a información científico-técnica dispoñible, SGHN constatou que o declive da gaivota patiamarela (Larus michahellis), antigamente abundante en Galicia, é catastrófico en termos biolóxicos segundo os datos recollidos nos últimos años e a probabilidade de a especie non se recupere é alta (Mouriño e Sierra, 1995; CEIDA, 2021; Munilla, 2022).
As especies de aves mariñas caracterízanse por ser aves lonxevas, con taxas de reprodución baixas debido a unha idade de primeira reprodución tardía, e ser sensibles a diferentes ameazas: perda de colonias de cría, depredación nos lugares de nidificación, sobre-explotación pesqueira, captura accidental, efectos de plásticos e outro lixo, intoxicacións, cambio climático e enfermidades naturais. Actualmente, estase realizando un esforzo de investigación polo Parque Nacional das Illas Atlánticas e equipos científicos das universidades galegas para estudiar o síndrome parético ou paralizante, unha enfermidade que contribúe de forma decisiva no acusado declive da especie. Esta enfermidade e a gripe aviar están afectando, en diferentes zoas costeiras de toda Europa, ás gaivotas do xénero Larus.
A nivel español Larus michaellis foi considerada recentemente como “casi ameazada” no Libro Rojo de las Aves de España. A diminución das poboacións, combinada coas actuacións de control poboacional, conduciron a un alarmante declive que levou a esta especie a catalogarse a nivel europeo coma “Vulnerable” (BirdLife International, 2015, 2021).
Como mínimo, a gaivota patiamarela está na categoría “Vulnerable”
Á vista da información científico-técnica dispoñible, a gaivota patiamarela cumpre os criterios de declive da poboación establecidos no Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, polo que se considera xustificado e urxente a súa catalogación polo menos na categoría Vulnerable “V” ao cumprir os Criterios A1 (Estímase que a súa poboación se reduciu, polo menos, nun 20% nos últimos 50 anos), C1 (Tamaño da poboación: A poboación actual é inferior ao 50% da que se estima que tería nunha situación favorable para a súa conservación) e C2 (Tamaño da poboación: O número de exemplares maduros é inferior á metade dos cales poderían existir de acordo coa capacidade de carga do seu hábitat)de declive da poboación:
- Criterio A1: Os datos científicos indican que a poboación reprodutora galega sufriu un descenso do 80% nos últimos 30 anos. As principais colonias da especie se distribúen no parque nacional das Illas Atlánticas, no que segundo os datos existentes dos censos realizados de forma sistemática se obteñen os seguintes resultados (máis…):
- Illas Cíes, 22.220 parellas en 1.991, 2.276 en 2.022 (descenso do 90% en 31 anos).
- Illa de Ons, 4.551 parellas en 1.996, 809 en 2.022 (descenso do 82% en 26 anos).
- Illa de Sálvora, 9.580 parellas en 2.006, 3.213 en 2.022 (descenso do 66% en 16 anos).
- Illas Sisargas, 12.995 parellas en 1.992, 2.306 en 2.021 (descenso do 82%).
- Atendendo ós datos totais da poboación reprodutora de tódalas colonias (S.Martiño, O Faro, Monteagudo, Onza, Ons, Sálvora, Vionta, Sagres e otros illotes) estimáronse 30.260 parellas reprodutoras en 2.001, que se reduciron a 16.837 en 2.011 e a un total de unicamente 6.360 parellas en 2.022.
- Criterios C1 e C2: A poboación adulta reprodutora de Larus michahellis en Galicia experimentou unha redución poboacional media do 80% nas colonias de cría nas últimas 3 xeracións. Se estima que cada xeración é de 10 anos nas gaivotas grandes do xénero Larus. Existe unha parte da poboación ligada a medios urbanos, cunha tendencia equiparable ás colonias en medios naturais. Hai unha percepción en parte da cidadanía de que a especie é numerosa, pero nas últimas décadas hai unha diminución moi importante dos niños e polos que son retirados polas empresas de eliminación de pragas contratadas polos concellos. A percepción social sobre a importancia desta especie debe mudar en vista dos datos actuais que indican unha forte diminución e require un cambio de paradigma e catalogala como vulnerable.
En perigo de extinción?
Atendendo a información actual sobre a grave situación poboacional da especie en Galicia, cabe salientar que Larus michahellis actualmente mesmo cumpriría dous dos criterios (A1 e C2) de declive da poboación establecidos no Decreto 88/2007 para ser incluída na categoría “En perigo de extinción (E):
- Criterio A1. Estímase que a súa poboación se reduciu, polo menos, nun 40% nos últimos 50 anos.
- Criterio C2. Tamaño da poboación: O número de exemplares maduros é inferior á cuarta parte da que podería existir de acordo coa capacidade de carga do seu hábitat.
Solicitude de SGHN
Que, atendendo á elaboración do Decreto polo que se regulan os contidos da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial de Galicia e do Catálogo galego de especies ameazadas, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural inicie o expediente de catalogación da gaivota patiamarela (Larus michahellis) na categoría “especie vulnerable (V)” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Bibliografía citada
- BirdLife International (2015). European Red List of Birds. Luxembourg: Office for Official Publications of the European Communities.
- BirdLife International (2021). European Red List of Birds. Luxembourg: Publications Office of the European Union.
- CEIDA (2021). Población reproductora, movimientos y migraciones de aves marinas en las ZEPA de la provincia de A Coruña.
- López-Jiménez, N. Ed. (2021). SEO-BIRDLIFE. Libro Rojo de las aves de España.
- Mouriño, J.; Sierra, F. (1995). Censo de gaivotas (Larus cachinnans, L. fuscus e Rissa tridactyla) nidificantes nas illas Sisargas e cabo Vilán. En, I. Munilla & J. Mouriño (Eds.): Actas do II Congreso Galego de Ornitoloxía, pp. 153-160. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela.
- Munilla, I. (2022). Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: resultados de 2022. Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Novembro 2022.
- Parque Nacional das Illas Atlánticas (2023). Portal das aves mariñas das rías Baixas https://mardeaves.org/