Terceira andaina do Outono Naturalista da Delegación en Ferrol, dentro do programa da Deputación da Coruña, polo Rego do Roxedoiro na Parroquia de Esmelle, para coñecer a vida dun río dende o seu nacemento ata a súa desembocadura. O obxectivo era saber da importancia da dispoñibilidade de auga para os humanos, as plantas e os animais domésticos nas aldeas galegas.
Que mellor que ver cos ollos o ciclo de vida dun pequeno regato, dende a captación de auga ata a desembocadura no mar. Polo medio, o enxeño das xentes para ter auga de boca, rega nas terras e enerxía para moer o gran. Boa mostra son os 22 muíños de Esmelle, 7 deles restaurados polo voluntariado do Proxecto Muíños, que abranguen dende instalacións familiares a muíños de maquía (de cantidade de fariña percibida polo muiñeiro en troco do seu traballo).
O tempo respectounos cun día fermoso, no que puidemos comprobar a escaseza de auga. Queda moito por chover! O noso bus devolveunos pensando no valor da auga e na sabedoría dos devanceiros, que tan ben a sabían aproveitar e a importancia do que nos toca ás xeracións de hoxe:
- conservar o patrimonio material: muíños, lavadoiros, pontes, balados, muros, etc.
- recoller e valorar o patrimonio inmaterial: xestión tradicional dos ciclos da materia e da enerxía, remedios naturais, oficios tradicionais, historias e música de tradición oral.
para entender como e canto fixo tanta xente para posibilitar que hoxe esteamos aquí.