Onte, véspera do Día Mundial do Medio Ambiente, publicouse no DOGA a autorización das matanzas desta ave dentro dun espazo natural protexido, malia estar sufrindo un franco declive. Segue aberto o expediente sancionador da Comisión Europea por non conservala debidamente. Oito entidades ecoloxistas e preto de 50.000 cidadáns teñen demandado que se prohiba definitivamente a súa caza en Galicia.
No Diario Oficial de Galicia de onte publicouse a orden de vedas para a próxima tempada de caza mediante resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Nela vólvese a autorizar a caza da rula na media veda no espazo natural protexido de A Limia, desatendendo así as numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a caza desta ave ameazada e se declare como especie protexida.
Tras coñecer as intencións da Xunta na reunión do Comité Galego de Caza do 15 de abril, oito entidades se teñen dirixido por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural con estas demandas, solicitando tamén que se elimine definitivamente a media veda en A Limia. As entidades que remitiron eses escritos son: a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Ecoloxistas en Acción, o Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS), o Grupo Naturalista Hábitat, Quercus Sonora, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e Verdegaia.
O indignante caso da ZEPA da Limia
O goberno galego permitirá cazar a rula en 9 concellos da Limia entre o 15 de agosto e o 6 de setembro, período chamado media veda, malia terse observado nesta zona un declive continuo das poboacións. Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves.
A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 matáronse nela 3.870 rulas, deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, vulnerando a citada directiva e a Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y la Biodiversidad.
Ademais de permitir a caza da rula, tamén autoriza a do paspallás neste espazo natural protexido, cando se ten constatado que no período da media veda aínda está criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos matáronse 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.
Cambios que non supoñen un avance significativo
Para dar aparencia de que tomou medidas de protección para a rula, a Xunta prohibe a súa caza en toda Galicia (excepto na media veda da Limia). Pero o certo é que para cando se abra en outubro a tempada de caza menor, as nosas rulas xa terán migrado a África. Xa que logo, esta prohibición non ten ningún efecto máis que o de simular que limitan severamente a súa caza.
No caso da media veda da Limia, a Xunta reduce o número de xornadas en que esta especie será cazable. Pero esta medida tampouco significa unha diminución do número de rulas que van ser cazadas, pois a Xunta non ten medios para impedir que os cazadores se limiten a matar unicamente as outras dúas especies autorizadas (pombo e paspallás) no resto das xornadas da media veda. De feito, existen evidencias de que actualmente nin sequera está logrando impedir que tiroteen especies protexidas. De ter eliminado a media veda, ós axentes poderían detectar no futuro calquera acción de caza, a diferenza do que vai acontecer agora, onde os disparos legais darán cobertura ós disparos ilegais.
Definitivamente, a Xunta desmarcouse con esta orde de vedas da tendencia establecida por outras comunidades autónomas de impedir totalmente a captura da rula. Na actualidade xa a prohiben Asturias, Cantabria, Canarias, País Vasco e Comunidade Valenciana.
Hai algo que agochar na media veda da rula?
Dende agosto do 2019, a Sociedade Galega de Ornitoloxía ten solicitado en dúas ocasións copia dos informes nos que se teña baseado o goberno galego para autorizar a caza da rula na ZEPA da Limia nas últimas seis tempadas. Malia a insistencia, a Dirección Xeral do Patrimonio Natural négase a proporcionalos, vulnerando o dereito de acceso á información ambiental amparado pola Ley 27/2006 e a Ley 19/2013 de transparencia administrativa. Este comportamento da Dirección Xeral do Patrimonio Natural fai sospeitar que quere ocultar que ou ben non se fixeron os estudos específicos preceptivos antes de autorizar a caza neste espazo natural protexido, ou ben que estes informes precisamente desaconsellaban a súa caza.
O expediente de infracción da Comisión Europea segue aberto
SGHN acaba de dirixirse hoxe mesmo ó Comisario Europeo de Medio Ambiente, D. Virginijus Sinkevičius, para informarlle desta actuación do goberno galego, de maneira que poida recoller a falta de protección da rula en Galicia no expediente sancionador que están tramitando.
O proceso por infracción iniciado pola Comisión Europea o 25 de xullo do 2019 contra o Estado español, a causa de non tomar medidas de conservación que freen o declive das rulas, segue en marcha. España alberga máis da metade da poboación reprodutora europea polo que é o país clave na conservación desta ave, que está a sufrir en toda Europa un forte declive. Debido a que as competencias en conservación da natureza están transferidas, no caso dun resultado condenatorio os galegos teremos que pagar as sancións económicas que impoña a Unión Europea, por non tomarse inmediatamente medidas efectivas de conservación, empezando pola prohibición da súa caza.
Preto de 50.000 cidadáns opóñense á caza das rulas galegas
Na plataforma Change.org está aberta unha campaña espontánea de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.390 persoas. A sociedade expresa así o seu rexeitamento á matanza dun ave tan simbólica e querida como é a rula. Estas cifras demostran que o goberno galego non está atendendo ós intereses xerais por beneficiar a uns poucos cazadores que practican unha cruel actividade en declive, malia que isto supoña un grave deterioro do noso patrimonio natural. Enlace á campaña en Change.org: https://www.change.org/p/xunta-de-galicia-queremos-que-vuelvan-las-rulas