Informe de Situación
Durante o 2003 mantívose moi presente a incidencia dos efectos do “Prestige” tanto no medio natural como na dedicación de recursos humanos da SGHN, o que restou dedicación a outros temas, téñase en conta que das 270 saídas de correspondencia xeradas, 87 corresponden a temas relacionados coa catástrofe do “Prestige”. Os ríos e a costa seguen a ser elementos especialmente vulnerables a minicentrais hidroeléctricas, paseos fluviais e marítimos, cando non receptores directos de residuos e entullo.
Próximos a finalizar os fondos europeos para o desenvolvemento, aprécianse movementos de situación diante de probables fondos comunitarios destinados ó medio ambiente, co que é previsible unha nova oleada de obras adornadas como medioambientais pero cun grado de agresividades ambiental suliñable (paseos marítimos, fluvias, “acondicionamentos” de áreas naturais…).
As futuras grandes infraestructuras, como a Línea de Alta Velocidade, Pontevedra-Porriño e a de Ourense-Pontevedra (en período de información) ou a autoestrada Pontevedra-Ourense, tamén en período de información, son elementos que dependen da sensibilidade ambiental dos promotores para que sexan unhas obrbas compatibles coa conservación natural ou un novo problema.
Tamén se produciron accións positivas, como a presentación do proxecto de recuperacion dalgunhas áreas de Gándaras de Budiño, realizado pola Confederación Hidrográfica do Norte.
Resumo de actividades
Ríos e canles
Pedras Miudas. Diversos escritos ante o Concello de Catoira e Consellería de Medio Ambiente, solicitando a protección da lagoa de Pedras Miudas, ante un proxecto de recheo. Varias visitas á zona para elaborar unha relación da fauna presente na zona.
Río Valga. Continuouse coa campaña para evitar a canalización deste río. Presentouse un escrito á UE sobre a vulneración ó dereito de información ambiental e posible uso de fondos Europeos no proxecto. Escrito ó concello de Valga solicitando certificación das áreas calificadas como solo urbán. Escritos ó Valedor do Pobo con nova información sobre a situación do río Valga e pedindo amparo por non recibir contestación da administración a diversos escritos.
Río Ribadil (Concello de Crecente). Alegacións ó proxecto de construcción dun área recreativa, modificando as beiras do río co amurallamento das ribeiras.
Río Umia. Diante do proxecto de senda peonal no río Umia e dragado de varias zonas, solicitouse á Consellería de Medio Ambiente, Concello de Ribadumia e Concello de Vilanova de Arousa que non se realicen dragados sen xustificación técnica e que as posibles sendas para a xente respetasen a vexetación riparia, non sendo necesario urbaniza-las marxes con construccións e iluminación.
Gándaras de Budiño. Alegacións e indicacións ó proxecto de rehabilitación das Gándaras de Budiño (O Porriño).
Río do Con. Escrito ó concello de Vilagacía solicitando identifiquen fontes potenciais de contaminación para previr as continuas descargas de contaminantes sobre o río.
Catástrode do “PRESTIGE”
Abordáronse diversas actuacións, dende desenvolvemento de textos con outras entidades ambientalistas, escritos sobre temas concretos, recollida de información etc., tanto como Delegación como en representación da SGHN.
– Elaboración do “Posicionamento do Mov. Ambientalista diante da Catástrofe do Prestige”, elaborado e sinado conxuntamente con ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, Erva, FEG, GreenPeace, WWF/ADENA, SEO e SGEA. Este documento recolle, logo de dous meses da catástrofe, a análise da situación provocada pola marea negra, elementos prioritarios de actuación e o posicionamento das entidades ambientalistas. Este documento renovouse ó cabo dun ano, actualizando as novas situacións.
– Reunión cunha delegación de Europarlamentarios para lles presentar a visión de diversas entidades involucradas no tema do Prestige, tanto ambientalistas, de voluntarios, políticas, etc.
– Contestación a innumerables consultas sobre o Prestige; voluntariado, actividades, propostas de actuacións, transmisión de información sobre investigación, experiencias…
– Diversos escritos á Administración sobre proxectos oportunistas ou actuacións neglixentes.
* Construcción dun paseo marítimo no Esteiro de Vilanova de Arousa.
* Situación dos niños das píllaras papudas (Charadrius alexandrinus) en Carnota, escritos ó Ministerio de Medio Ambiente e á Consellería de Medio Ambiente.
* Destrucción da liña de costa en 500 metros por obras en Oia. Escritos ó Concello de Oia e Ministerio de Medio Ambiente, solicitando que expliquen que permisos se concederon e en base a que criterios se fixeron as obras. Escrito con fotografías ó Ministerio de Medio Ambiente de como quedou a zona.
Xerias naturalistas
Continuaronse as xeiras naturalistas por varias zonas da Provincia, co doble obxectivo de mostra-las principais riquezas medioambientais e recoller datos sobre o estado e flora e fauna asociada. Comunicouse vía e-mail a realización de quince xeiras.
Esta actividade é unha liña a seguir neste ano.
Arqueoloxía
Mamoas. Ante a posible construcción dun polígono industrial nunha zona de mámoas entre Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, informouse da situación á Consellería de Cultura.
Outros
– Envío dun escrito común a tódolos concellos da provincia, solicitando unha serie de medidas protectoras respecto ó acibo (Ilex aquifolium) e xilbardeira (Ruscus aquleatus), así como propondo outras medidas para recuperación de arborado do nadal.
– Censos de aves invernantes en base ó proxecto desenvolvido por Wetlands International..
– Participación nos censos de COASTWATCH.
– Realización, en colaboración coa Sección de Ornitoloxía, de varias actividades e charlas (Vigo e Pontevedra).
– Breves alegacións á líña eléctrica no Morrazo.
– Escrito ó Concello de Vilagarcía pola poda brutal dun magnolio senlleiro en Vilaxoan.
– Alegacións ó proxecto de ampliar o complexo industrial de ENCE-ELNOSA.