Esta herbácea da familia das compostas é orixinaria de América do Norte. Ten flores amarelas en tubos, agrupadas en capítulos florais rodeados de brácteas verdes foliáceas. As súas follas son pinnatisectas, con 1 ou 2 pares de foliolos laterais peciolados e 1 terminal maior, agudos e serrados. Invade sitios húmidos, como os solos fangosos de regatos e embalses. Despraza ás especies autóctonas e provoca efectos alelopáticos sobre a xermolación doutras especies. Tamén provoca perda de biodiversidade pola hibridación coas especies de Bidens autóctonas.