Uns traballos forestais ameazan a Serra de Enciña da Lastra

Un espazo con tres figuras de proteción…

A serra da Enciña da Lastra é unha paraxe cunha relevancia ambiental e paisaxística de primeira orde, boa conta diso son as diferentes figuras de protección que atesoura o territorio no súa divisoria entre as provincias de León e Ourense.

Na vertente galega atopámonos co Parque Natural “Serra da Enciña da Lastra”, e no lado leonés a situación é similar, pois se trata dunha Zona de Especial Conservación (ZEC) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ambas figuras de protección incluídas na Rede Natura 2000.

…ameazado por traballos forestais

Pese a iso, dende hai días estanse a realizar uns traballos forestais encamiñados á apertura do que aparenta ser devasas no límite actual das provincias de Ourense e León, e que continuarán coa entrada dun buldócer pola área rozada ata Pena Falcoeira (máis…). Entendemos que de ser unha devasa non ten sentido algún desde unha perspectiva técnica e a súa construción pode ter un gran prexuízo ambiental e social, facilitando o acceso a un área sensible a actividades indeseadas, como o furtivismo, e sen dúbida supoñen vías de acceso para posibles incendiarios.

Desbroce para devasa en Enciña da Lastra

Descoñecemos quen autorizou a realización destas actuacións, e cal é o obxecto das mesmas, pero denunciamos públicamente a falta de rigor ambiental e técnico no súa planificación e execución e o risco que supón para os valores ambientais que outorgaron a este territorio a protección actual que ostenta.

Non hai que esquecer que os desbroces xa ocasionaron un dano directo nunha formación vexetal típicamente mediterránea asentada sobre rochas calizas que ten unha elevada singularidade na contorna, incluíndo a presenza dalgúns endemismos botánicos que a día de hoxe descoñecemos si se viron afectados. Ademais, causouse unha alteración grave a unha paraxe que ten unha elevada importancia como corredor ecolóxico e representa a zona límite de distribución para a poboación occidental de oso pardo (Ursus arctos).

Doutra banda, a data de realización destes traballos é a peor posible, tendo en conta que estamos en pleno periodo reproductor para algunhas especies, e calquera alteración do hábitat nestas datas é altamente perxudicial para as aves. Nin que dicir ten que a entrada de maquinaria por esta paraxe pon en risco o éxito reproductor dunha das tres únicas parellas aniñantes de alimoche (Neophron percnopterus) en toda esta zona da península Ibérica, especie declarada a nivel europeo pola UICN como “En perigo”.

Entidades asinantes

Por todo iso, as entidades abaixo asinantes solicitamos á Xunta de Galicia e á Junta de Castilla y León información sobre a legalidade e a necesidade destes traballos así como a súa xustificación:

  • Asociación A Morteira
  • Asociación URZ
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA)
  • Ecologistas en Acción – León
  • Plataforma Filón Verde
  • Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC)
  • Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
  • Tyto alba El Bierzo
  • Divulga ti tamén!