Bioloxía mariña

Que teñen en común Alejandro de Humboldt, Patricio Paz y Membiela, Mariano Graells Aguera, Víctor López Seoane, Alberto Grimaldi, Odón De Buen y Del Cos, Ángeles Alvariño González, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Estación de Bioloxía Mariña da Graña? A adiviña longa, resposta breve: dúas cousas, Ferrol e a bioloxía mariña. A xeografía da ría ferrolá motivou aos Borbóns do s.XVIII á creación dunha nova cidade, neste recanto de Iberia, para renovar a obsoleta flota de entón, motivou a concentración de científicos e técnicos da construción civil e naval.

Este referente favoreceu o paso pola cidade de personaxes relacionados coas nacentes ciencias do mar. Tal foi o caso de Humboldt. Nos dez días pasados na Coruña, á espera da saída da expedición por América -nun buque da Armada- sacou tempo para visitar Ferrol e facer medicións e experimentos. Un rioxano, Graells estudou dende a cidade a potencialidade do cultivo da ostra, reparando na espléndida ría de Ortigueira. O aragonés Odón de Buen -futuro primeiro director do Instituto Español de Oceanografía- quen sairía de Ferrol noutra expedición científica da Armada, non sen antes iniciarse aquí no estudo dos crustáceos. Alberto Grimaldi, príncipe de Mónaco, veu estudar a pesqueira da sardiña, nun pioneiro modelo de traballo. Tamén ferroláns coma o malacólogo Paz y Membiela, o naturalista López Seoane, cun recoñecido labor zoolóxico, e a serantesa Ángeles Alvariño, quen rompeu moldes no seu tempo, non so por varios «ser a primeira muller en…» senón polo seu valorado prestixio científico. Persoas e instalacións, a da USC na Graña e o Museo da SGHN, glosadas no libro de Carlos Brezmes, que esta tarde se presenta en Canido.

Xan R. Silvar é o Delegado de SGHN en Ferrol