Canto nos custa o seu chumbo?

Excepción incomprensible

Debido á súa alta toxicidade e impactos sanitarios e ambientais, a meirande parte das liberacións de chumbo ao medio están estritamente reguladas en Europa, con controis sobre os niveis de chumbo no aire, as augas (superficiais, subterráneas e de abastecemento), os solos, a deposición de baterías, os vertedoiros e os combustibles (AMEC, 2012). A excepción é o seu emprego en municións (balas e perdigóns) e pesos ou chumbadas de pesca, que cada ano introduce miles de toneladas de chumbo no medio ambiente en Europa, contaminando solos e augas e poñendo en perigo ás persoas e os animais que inxiren involuntariamente municións ou fragmentos dela coa comida.

Municións de caza e pesos de pesca

A importancia destas fontes de emisión de chumbo é moi elevada, por exemplo, en Noruega as municións representan o 66% das emisións totais e os pesos de pesca o 24%, mentres que as emisións industriais só constitúen o 3% (Heier et al., 2009). Na Unión Europea, libéranse anualmente no medio entre 31.000 e 41.000 toneladas de chumbo (ECHA, 2018), de xeito disperso ao longo do territorio e máis concentrado nos campos de tiro e postos fixos de caza. Unha vez depositadas, as municións e chumbadas xeralmente degrádanse lentamente, liberando o chumbo e contaminando as augas (superficiais e subterráneas) e os solos, onde, no caso de elevadas cantidades de munición, se teñen rexistrado concentracións de chumbo centos de veces superiores á de solos non contaminados (LAG 2015), o cal nalgunhas circunstancias pode ser un risco para as plantas e de aí ao resto da pirámide trófica ou alimentaria.

Avaliación dos custos do chumbo

Pain e colaboradores (2019), estimaron os custos económicos dos impactos da munición de chumbo sobre a sociedade, a biodiversidade e o ambiente. A cifra mínima para a UE sitúase entre 383 e 960 millóns de euros, unha cantidade que supera en 7-10 veces o que lles custaría aos cazadores substituír a munición de chumbo (perdigóns e balas). En base a esas cifras mínimas, tendo en conta a poboación e o número de cazadores, os custos en Galicia serían entre 2,3 e 5,8 millóns de euros anuais.

Ligazón ao artigo orixinal

Custos asociados aos impactos sobre a vida silvestre

Moitas aves, tanto acuáticas (patos, gansos, cisnes, grúas, flamingos) como doutras especies (perdices, faisáns, pombos e rulas), inxiren perdigóns de chumbo involuntariamente mesturados co alimento ou confundidos coas pedriñas que precisan para triturar na comida no seu sistema dixestivo. Indirectamente tamén o inxiren depredadores ou carroñeiros ao consumir presas que conteñen munición de chumbo. A información desde epígrafe e o seguinte están extraídos de Pain e colaboradores (2019)

  • A intoxicación aguda por chumbo mata anualmente na UE unhas 700.000 aves das 16 especies de acuáticas para as que hai datos (que terían un coste de reposición duns 105 millóns €). Non hai datos sobre os efectos da intoxicación sub-letal sobre a súa supervivencia, nin para as outras 100 especies de aves acuáticas con estado de conservación desfavorable.
  • No Reino Unido estímanse en máis de 232.000 faisáns e perdices mortas por envelenamento con chumbo das municións, que supoñen unhas perdas anuais de 4 millóns €.
  • Na UE alomenos 16 especies aves de presa e carroñeiras son susceptibles ao envelenamento por chumbo das municións. Os custos de reposición tan só para 4 delas estímanse en 25 a 457 millóns de euros anuais.
  • Perda de servizos ambientais. En base aos datos durante a crise das vacas tolas en 2012, estímase que a eliminación de cadáveres de gando polos voitres supón tan só en España un aforro anual de 44 millóns € en gastos de recollida e tratamento, evitándose ademais as emisións de 77-344 toneladas equivalentes de CO2. Non hai datos para os restantes servizos ambientais como pezas chave dos ecosistemas.
  • Perda de ingresos por turismo ornitolóxico. Os membros de asociación europeas incluídas en BirdLife International gastan anualmente 126 millóns de euros na súa afección.

Custos asociados aos impactos na sociedade

As partes comestibles das pezas de caza conteñen fragmentos de chumbo da munición, polo que son una fonte significativa de exposición alimentaria a chumbo biodisponible entre as persoas que consumen con frecuencia carne de caza, incrementando os riscos de neurotoxicidade e redución do coeficiente intelectual entre os menores (o seu cerebro aínda está a desenvolverse) e de hipertensión e nefrotoxicidade en adultos. No caso dos menores expostos ao consumo de carne de caza contaminada con chumbo, o coeficiente intelectual redúcese nun punto ou máis, cuns custos para a sociedade estimados entre 40 e 104 millóns € anuais considerando só os 83.000 menores de 8 anos actualmente afectados na UE, de acordo con cálculos que probablemente subestiman a cifra real. Os custos sanitarios por hipertensión e problemas renais en adultos non están avaliados.

Malia que infrecuentes, en diversos países europeos téñense documentado incidentes de seguridade alimentaria ocasionados polo consumo de alimentos (ovos, carne, sal) contaminados por chumbo procedente de perdigóns. O emprego de munición de chumbo obriga ademais a desperdiciar unha proporción non pequena da carne de caza (unhas 200 toneladas/ano en Noruega), pois os fragmentos de chumbo poden dispersarse ata 20-30 cm de distancia da traxectoria da munición no corpo da peza de caza.

Contaminación por munición de chumbo no sal dunha salina do oeste de Francia (máis…)

A intoxicación sub-letal con chumbo ocasiona desorientación e problemas físicos que incrementan os riscos de colisión de aves con tendidos eléctricos, automóbiles e avións, cuns custos non avaliados pero potencialmente elevados no caso de especies de gran talla (cisnes, gansos, aguias,…).

Situación en Galicia

Como no resto de España e de acordo coa Ley 42/2007, o emprego de munición de chumbo está prohibida en todolos humidais de importancia internacional e os incluidos en espazos naturais protexidos (Rede Natura 2000, Parques Naturais, Parque Nacional). Pero, sen ter competencias para facelo, a Xunta de Galicia promulgou a Resolución do 10-10-2008 excluindo da prohibición as postas e balas e unha parte dos humidais protexidos de Galicia. A queixa de SGHN contra dita Resolución contraria a dereito recibiu o respaldo absoluto do Defensor del Pueblo que, ademais, coincide ao 100% cunha sentencia posterior do Tribunal Constitucional contra un recurso da Junta de Comunidades de Castilla y León (máis…).

Con total desprezo polas recomendacións do Defensor del Pueblo, e das resolucións do Tribunal Constituncional, a Xunta de Galicia nunca derrogou a Resolución do 10-10-2008, pero a partires do 15-02-2023 está en vigor o Regulamento (UE) 2021/57 que prohibe empregar munición de chumbo nos humidais e nunha zona tampón de 100 m desde o seu borde exterior.

Bibliografía citada