Central hidroeléctrica reversible “Xistral”

O Anteproxecto de central hidroeléctrica reversible Xistral, promovido pola empresa Desarrollos del Malache S.L.U. (Zaragoza), carece do rigor necesario para efectuar unha avaliación ambiental das actividades construtivas proxectadas sobre os compoñentes do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, nunha área que posúe unha gran singularidade ambiental.

O tratamento de alternativas e a selección das mesmas realízase á marxe dos criterios ambientais, minusvalorando a opción cero e formalizando propostas que resultan completamente incongruentes co réxime de protección do territorio. Iso leva a que finalmente soamente se expón unha única opción. Non hai pois unha análise real de alternativas.

A descrición do territorio adoece de información detallada sobre os compoñentes do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, así como unha valoración obxectiva e detallada das repercusións que as distintas propostas construtivas poden ter sobre o seu estado de conservación e sobre a integridade dos diferentes espazos protexidos.

Resulta rechamante a ausencia dun apartado de flora, máis aínda cando na área de actuación atópanse varias especies de flora protexidas. Tamén resulta rechamante o tratamento incorrecto que se realiza sobre a presenza de hábitats de interese comunitario e os efectos das distintas actuacións proxectadas sobre o seu estado de conservación,

A localización dos encoros artificiais, a planta de bombeo e as conducións subterráneas que unen ambos os encoros, así como a liña de evacuación de enerxía terían impactos críticos sobre o estado de conservación de hábitats prioritarios, así como sobre o estado de conservación de especies protexidas de flora e fauna. Nas alternativas 2 e 3, a construción do encoro superior sitúase parcialmente dentro da ZEC Serra do Xistral, incumpríndose así o Artigo 23 do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Os impactos derivados do proxecto construtivo vulneran os obxectivos de conservación asumidos para a Zona Núcleo (Rede Natura 2000) da Reserva de Biosfera e para a súa Zona Tampón. Ademais de supoñer un claro incumprimento dos obxectivos de conservación fixados pola propia Rede Natura 2000 e plasmados no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Por todo o devandito e dado o efecto negativo que tería o proxecto sobre os compoñentes do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, así como da integridade das diferentes áreas protexidas, SGHN considera que a única opción viable é a “OPCION CERO”, é dicir, desbotar totalmente o proxecto, e así ven de transmitilo ao MITERD nas súas alegacións.