PORN Parque Natural Baixa Limia e Serra do Xurés

Antaxia hungarica (Buprestidae, Coleoptera)
Iris boissieri (Iriaceae, Asparagales

Cando se perden oportunidades

SGHN presentou diante da Consellería de M.A. e Infraestruturas varias alegacións ó PORN proposto por esta Consellería. Simplificando a opinión da SGHN deste PORN, o mesmo é unha nova oportunidade perdida de progresar, moi farragoso, reiterativo e nada, nada ambicioso. Unha grande abondosidade de verbos condicionais e pouca profundidada para mellorar a conservación do Parque ou a vida dos seus habitantes, sexan ou non humanos.

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE O PROXECTO DE DECRETO

Malia enunciarse no texto que entre o 2011 e o 2020 arderon 13.238,52 ha do parque natural (45,11% da súa superficie total), dentro dos obxectivos de xestión  e mellora non se recolle un orzamento específico. Así no cronograma recóllese no punto “Deseño e desenvolvemento dun Plan de infraestruturas e accións preventivas fronte aos incendios forestais” que abrangue a década 2022-2031,pero no programa financeiro este punto carece de dotación orzamentaria.

Sen que existe unha solución a curto prazo, abordar este problema esixe a concienciación e educación de todos e cada un dos habitantes dos concellos implicados, como se indica nos estudos realizados sobre actividade incendiaria en Galicia, na súa meirande parte son provocados polos propios veciños das zonas afectadas. Paralelamente debe incrementarse a escasa labor de investigación dos incendios que se produzan no Parque Natural, incrementando os equipos de investigación da propia Xunta como a colaboración cos de outras administracións públicas.

Con independencia disto, recoñecendo que é un dos puntos de agresión ambiental máis graves do Parque Natural, se non o que máis, o estudo da casuística dos incendios forestais e a súa erradicación do Parque Natural debe ser prioritaria. Este tema volve ser nomeado no apartado 4.4.2.2.3 g)ix. onde se indica que estarán suxeitas a autorización do organismo competente en patrimonio natural a realización de queimas controladas de superficie non maior de 50 ha, con carácter preventivo. Non se pode asumir que unha queima controlada sexa beneficiosa, certamente feita en épocas con maior humidade edáfica, o dano é menor, pero prodúcese un dano na biota edáfica e favorece os procesos erosivos coas choivas e o vento.

Zona queimada na Serra de Santa Eufemia e moi afectada pola erosión causada pola perda de vexetación e a maquinaria para extraer a madeira

ALEGACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE O PROXECTO DE DECRETO

Obxectivos operativos e de xestión (sección 2)

No apartado c) sobre augas continentais non se aborda como se vai controlar e solucionar a grave contaminación por cianobacterias na bacía do Limia, con acumulación crónica de toxinas no encoro das Conchas e incipiente nos de Lindoso e Salas, polo tanto augas abaixo e dentro do Parque Natural.

Eutrofización Encoro das Conchas

Zonificación (sección 3)

Segundo o mapa de zonificación, quedan excluídas zonas de alto interese ambiental como os hábitats prioritarios ou de interese comunitario como 4020 Queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix e 7110 Turbeiras altas activas.

Nas zonas de reserva integral definidas exclúense as formacións, pequenas, pero que en conxunto conforman unha entidade importante de brañas húmidas que son percorridas pola rota das Chivanas, con presencia nestas de Arnica montana (Asteraceae, Asterales), unha das especies que se citan a empregar como indicadores para a flora en 8.2.2., ou especies localizadas recentemente no Parque Natural (pendente de publicación) como Phengaris arion (Lepidoptera, Lycaenidae) en Bande con limitadísimas citas en Galicia e neste caso vinculada a unha zona de Queirogais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix.

Medidas de uso e xestión (sección 4)

Atmósfera (apartado 4.3.1)

Directrices

–    “b) promover as medidas necesarias para minimizar a contaminación lumínica.nas novas instalacións ou infraestruturas evitarase a emisión de luz directa cara ao ceo, as luces brancas e excesos nos niveis de iluminación”. Débese ser máis ambicioso e proactivo, extendendo ó resto de administracións públicas e particulares onde se poida o emprego de medidas máis eficientes de aforro enerxético, produción local e redución da contaminación lumínica.

Actividades forestais (apartado 4.4.2.2)

Directrices

–    “e) Procurarase garantir a procedencia xenética das sementes e plántulas empregadas na reforestación con especies autóctonas”. Para evitar contaminación xenética, todas as sementes e plántulas deberán ter unha orixe certificada.

-“h) Os aproveitamentos forestais das formacións boscosas naturais realizaranse mediante cortas selectivas e garantindo a persistencia da masa”. Este punto considérase aceptable para os feitos por particulares, pero en caso de explotación por parte de empresas, comunidades de montes, etc., considérase imprescindible contar con datos técnicos de producción neta anual de biomasa para que as cortas non superen este volume.

–    “k) Fomentarase a consolidación das masas forestais formadas por Quercus pyrenaica mediante medidas silvícolas favorecedoras do rexenerado natural que será complementado en caso necesario coa plantación de novos individuos de esta especie”. Estas medidas deben facerse extensivas a Quercus robur.

Normativa

“d) Considérase prohibido dentro do ámbito do parque natural… (xii) Primeiras repoboacións forestais de más de 50 ha”. Este concepto debe matizarse, considerando repoboacións aquelas nas que se empregan especies autóctonas do Parque Natural (para o cal non debera haber límites), e non para outras especies como Pinus spp., Eucalyptus spp., etc. das cales unicamente deberá ser autorizable Pinus sylvestris.

Actividades cinexéticas e piscícolas (apartado 4.4.3)

Normativa

Resulta de todo punto incomprensible que se gastaran cartos públicos para reintroducir no parque natural a cabra montesa [recurrindo a espécimes doutra subespecie (Capra pyrenaica victoriae) logo da extinción a comezos do século XX da subespecie propia (C.p. lusitanica) pola excesiva presión cinexética] e se permita un aproveitamento privado como a caza da mesma. A caza desta especie debera estar totalmente prohibida e o seu control restrinxido a situación moi concretas, como a aparición de epizootias ou impactos negativos sobre hábitat ou flora ameazados, e realizado pola gardería do Parque Natural.

Actividades de investigación científica e seguimento (apartado 4.4.5)

“b) toda actividade científica ou de investigación deberá ser autorizada previamente polo organismo autonómico competente en materia de patrimonio natural e adaptarase ás normas e condicionantes establecidos na devandita autorización”. Este punto precisa unha nova redacción. Coas dificultades xa inherentes ó labor de investigación non se poden por máis inconvenientes nos casos nos que non exista unha afectación aos valores ambientais do Parque Natural. Valga o exemplo dun investigador sentado cos seus prismáticos no bordo dunha vía pública (estrada, pista ou camiño) para avaliar o paso dunha determinada especie de ave (ou calquera outro grupo animal), por que necesita unha autorización?

Urbanismo e ordenación territorial (apartado 4.4.6)

Normativa xeral

“c) A construción de novas edificacións está permitida exclusivamente nos núcleos rurais consolidados e urbanos e dentro da zona de uso xeral. As condicións mínimas para a edificación nesta parte serán as dispostas pola normativa urbanística que afecte aos concellos”. Este punto é moi positivo, pero débese acoutar para que os cambios de catalogación do solo posteriores á aprobación do PORN non teñan efecto cando se amplíen as áreas urbanizables.

Normativa zonal (apartado 4.5)

A redacción do texto para a “Zona II de uso limitado” establece que as actividades audiovisuais de carácter divulgativo quedan suxeitas á autorización previa (punto 4.5.2.3.2.h). Esta redacción semella unha acción de censura. É imprescindible separar as actividades de carácter lucrativo das nos lucrativas, debendo estas últimas ser libres, sen prexuicio da obriga de respectar en todo momento a fauna e flora e non modificar ningún elemento do Parque Natural. Resulta extremadamente lesivo e un gran agravio comparativo esixir autorización para gravar imaxes e logo permitir, aínda que sexa con autorización, esnaquizar a estrutura do solo, como por exemplo coa construción de camiños para a retirada de madeira na zona de Portela do Home-Serra de Santa Eufemia nos anos 2019 e 2020 que ocasionaron graves problemas de erosión.

QUE SOLICITA SGHN

  •    Que se estableza a prohibición absoluta das queimas prescritas e de uso do lume para a xestión dos residuos agrícolas. Esta medida debera complementarse con xornadas formativas – dirixidas ás directivas das comunidades de montes pero abertas ó resto de habitantes do Parque Natural – sobre os efectos nocivos do lume no solo, a fauna e flora, así como de medidas alternativas ao lume para a eliminación de residuos forestais e agrícolas.
  •    Que se implemente medidas preventivas (vía formación e información) e coercitivas (incremento da investigación coordinada coas forzas de seguridade do estado e denuncia dos culpables diante das autoridades xudiciais) para erradicar a lacra dos incendios.
  •    Que se estableza un monitoreo, cando menos mensual, sobre a presenza, concentracións e toxicidade de cianobacterias na auga dos ríos Límia e Salas ó seu paso polo Parque Natural. Como mínimo das especies e toxinas detectadas no encoro das Conchas.
  •    Que se inclúan na Zona I de protección integral as cuadrículas con presencia de hábitats e especies prioritarias.
  •    Que no caso de explotación forestal por parte de empresas, comunidades de montes, etc, se requira a avaliación técnica da produción netal antual de biomasa para que as cortas non superen este volume.
  • Que nas repoboacións forestais no Parque Natural:
    •   Con especies autóctonas se esixa unha orixe certificada para as sementes ou plántulas e non se limiten espacialmente as superficies a repoboar.
    •   Con especies alóctonas se limiten a Pinus sylvestris e se adique unha porcentaxe da superficie a especies autóctonas e sempre nas zonas de maior profundidade do solo, para garantir que nas cortas estas zonas non queden expostas á erosión e actúen de freo á mesma.
  • Que se fomente a consolidación das masas forestais formadas por Quercus robur, tendo en conta que é especie climácica en parte do Parque Natural, especialmente o oeste da Serra do Xurés e parte da Serra de Santa Eufemia.
  • Que se promova activamente a redución da contaminación lumínica e do consumo enerxía fósil:
    •   Modificar as instalacións que dependan das administracións públicas  (autonómica, local, provincial ou calquera outra) para cumprir os máis rigorosos criterios de eficiencia enerxética e eliminación da contaminación lumínica.
    •   Incentivar entre os veciños os cambios sinalados no punto anterior, exonerando das taxas municipais as obras particulares para este fin.
    •   Promover activamente, onde sexa compatible coa arquitectura tradicional, o uso de placas fotovoltaicas para reducir nestes concellos a dependencia doutras fontes enerxéticas externas.
  • Que se fomenten as actividades científicas ou divulgativas, eliminando as trabas administrativas cando non exista lucro nin alteración do medio natural.
  • Que se exclúa á cabra montesa (Capra pyrenaica victoriae) do listado de especies cazable, restrinxindo o seu control letal (por personal do Parque Natural) a situacións de epizootia ou impacto sobre hábitats o especies ameazadas.
  • Que se prohiba a caza sembrada. En caso de redución da densidade de especies cinexéticas debera prohibirse temporalmente a súa caza ata a recuperación dos seus efectivos.
  • Que non se permita a construción de novas vivendas fora dos núcleos actuais catalogados como urbanizables, con independencia dos cambios normativos dos concellos a posteriori da aprobación deste decreto.
  • Que se mellore e complete o detalle dos grupos taxonómicos de invertebrados, concretando os Phylum ata o nivel taxonómico de Orde como mínimo e, preferiblemente, de Familia.