O pasado sábado 19 de febreiro tivo lugar o primeiro acto do ciclo 2022 no auditorio do Museo de Historia Natural, organizado en colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a conferencia do Dr. Esteban Álvarez Fernández “No solo marisqueo: evidencias arqueológicas del aprovechamiento de los recursos marinos en la Prehistoria”. O profesor Álvarez, do Departamento de Prehistoria, Historia Antigua y Arqueología da Universidade de Salamanca, fixo unha documentada exposición sobre o coñecemento científico actual do uso de recursos mariños por parte dos habitantes do Paleolítico e o Neolítico á luz dos descubrimentos co uso das tecnoloxías actuais para o estudo de restos biolóxicos en xacementos arqueolóxicos. A aparición de restos mariños en covas afastadas da costa, ou a representación abondosa de animais escasos na rexión, coma o bisonte, suscita novas preguntas sobre o entendemento dos costumes dos devanceiros e evidencia a importancia da existencia de coleccións de organismos mariños coma a conservada no MHN de Ferrol.
A conferencia pódese seguir completa no portal de YouTube da SGHN no enlace https://youtu.be/gUNHnSyEiQs