Empezamos o venres 06/06/2019 coa celebración do primeiro Día Mundial do cirrio (Apus apus), organizado pola nosa compañeira Laura Iglesias e por Bárbara Rodríguez, un acto de divulgación para achegarse ó coñecemento desta increíble especie totalmente adaptada á vida aérea ata o punto de que toda a súa vida desenvólvese en vó, agás a niñificación (podes ver a reseña neste enlace: https://sghn.org/dia-mundial-do-cirrio/)
E de seguido, o sábado 07/06/2019 foi o día grande cunha xornada completa e cun programa bastante cargado de contidos. Convocados en Leiro ás 09:30 da mañá, e despois dos saúdos e reencontros de compañeiros e de novos participantes nas actividades de SGHN, Ateneo e Asociación de Estudios de Sta. Mariña iniciamos a xeira en dirección a Pazos de Arenteiro por unha paisaxe de viñedos, arboredas e cultivos resultado do traballo realizado no entorno polo ser humano ao longo dos anos. Un entorno, polo tanto, colonizado, modificado e adaptado para cultivo da vide introducida polos monxes, as hortas para o consumo diario, as árbores para uso na construcción, mobles, retablos … e a pedra para as casas, pazos, igrexas, valados, camiños, pontes …. Elementos que combinados neste entorno dan constancia do poderío que tivo o pobo de Pazos de Arenteiro.

Ponte da Cruz sobre o río Avia
Na ponte da Cruz, que cruza o rìo Avía, o noso compañeiro Juan explica a súa orixe “moderna”, como mellora do camiño primitivo, destacando a importancia das vías de comunicación para trasladar as mercadorías e os cambios nos trazados das mesmas ao longo da historia.
Ponte da Cruz Río Avia na Ponte da Cruz Primeiras explicacions
A ponte hoxe conserva un só arco onde antes houbo catro, e foi o escenario da batalla entre uns 300 galegos encabezados por Bernardo González del Valle (capitán Cachamuíña) contra 1.000 soldados do exército de Napoleón durante a Guerra da Independencia, acontecemento que hoxe recrease na vila de Pazos.
Pazos de Arenteiro
Pola súa parte Paco destacou a importancia da Encomenda de Pazos de Arenteiro con posesións ata o Porto de Cambados dende onde o viño do Ribeiro exportábase a Inglaterra ata que apareceron as desavenencias entre as monarquías de ámbolos dous países e “mudaron” os gustos.
Chegando a Pazos de Arenteiro Entrada en Pazos de Arenteiro
Portazgo especial na ponte do Santo Sepulcro
A ponte máis próxima a Pazos é a Ponte do Santo Sepulcro, situada no camiño que comunicaba con Pontevedra. O cruce das pontes levaba parello o pago do Portazgo, un imposto que, en teoría, debía adicarse ó mantemento da ponte pero que a maior parte das veces non se destinaba a esta finalidade e xeraba boas rendas aos comendadores.
Neste día os organizadores tamén se apuntaron a cobrar o Portazgo deixando desconcertados aos asistentes, …. o pago consistía en retirar do camiño as cintas plásticas utilizadas nos viñedos para tutorar as cepas. As cintas son de plástico de cór verde e algo difíciles de localizar entre a vexetación e debaixo da capa de folla dos carballos pero son arrastradas pola choiva cara ó río e está nas nosas máns evitalo así que entre todos fomos recollendo canto vimos, incluíndo os restos dalgún protector plástico; deixando o camiño mellor do que o atopamos. Un xesto sinxelo pero significativo que axuda a concienciar do problema dos residuos.
O portazgo e a recolla de plásticos Baixada á ponte do Santo Sepulcro
Ponte do Santo Sepulcro O río Arenteiro dende a ponte
A ponte presenta un bó estado de conservación e nela destacan sobre a clave da arcada maior a cruz do Santo Sepulcro e o relevo dun Santo. Nesta ponte gravouse unha secuencia da película “A esmorga” de Ignacio Vilar, baseada na obra de Eduardo Blanco Amor. Dende a ponte disfrútase dunha preciosa imaxe do río cós seus amieiros e unha boa cantidade de fento real (Osmunda regalis). Xentes do pobo contan, e ratifica algún dos participantes na xornada, que neste lugar pódese ver lontra, merlo rieiro e martiño peixeiro. Na contorna localízanse algunhas plantas exóticas invasoras, hainas de Australia: mimosa (Acacia dealbata) empregada para estaca das vides, ou de America: Fitolaca (Phytolacca americana), usada para dar maior cor ao viño, unha planta fácilmente dispersable polas aves que aliméntanse dos seus froitos.
O problema da Vespa velutina
De volta a Pazos, despois de aboar o pago esixido – encheuse unha bolsa cós residuos plásticos recollidos – tivemos ocasión de profundizar no coñecemento de outra especie exótica invasora: a Vespa velutina cando observamos as trampas colgadas en varios puntos do pobo. Aproveita Isabel a ocasión para facer un resumo xeral da problemática desta especie e do seu ciclo biológico, así como informando da existencia de normativa específica recentemente aprobada en Castela-León en relación a loita contra a especie mediante trampeo non selectivo que pode afectar a outras especies protexidas.
Algúns datos sobre Vespa velutina A Vespa velutina
Entre as trampas localizadas, unha especialmente chamou a nosa atención ao estar colgada da balconada dunha casa señorial e moi próxima a un oco na parede no cal pululan as abellas melífras, explicounos o Sr. Torres, cicerone do pobo, que as abellas teñen o panal no interior da casa, e que no pasado ano recolléronse uns 4 litros de mel.
Trampa para Vespa velutina Explicacións do Sr. Torres
Igrexa de San Salvador
Grazas tamén ao Sr. Torres puidemos visitar a igrexa de San Salvador, e, desde ela, acceder ao pazo da encomenda da Orde militar de San Xoán de Malta. Na parte histórico-artística o noso consocio Paco fixo un relatorio dos diferentes elementos e as singularidades da construcción e ornamentación. Agradecimos ao Sr. Torres a súa amabilidade e tamén as historias sobre a vida dalgúns persoeiros da vila, e coa mesma, seguimos cara ao seguinte destino.
Igexa de San Salvador Detalles da igrexa de San Salvador
Retablo da igrexa de San Salvador Explicacións no interior
Igrexa de Santo Tomé de Serantes
Por unha estrada estreita, moita curva, e paisaxes espectaculares, chegamos a igrexa de Santo Tomé de Serantes, outra xoia do románico no medio do campo e só acompañada pola casa parroquial, xa en ruina. No exterior varios elementos destacan: un gran rosetón, a portada ornamentada con motivos animais, os diversos canecillos, .. e no interior as pilas bautismais, o baldaquino, algúns capiteis e … “os panos de Semana Santa” que amosou orgulloso D. Roxelio, a quen temos que agradecer a súa amabilidade para recibirnos e abrir as portas do templo.
Panel explicativo Vista xeral de Sto. Tomé de Serantes Fachada de Sto. Tomé de Serantes Detalles construtivos de Sto. Tomé de Serantes Atendendo ás explicacións
Pena Corneira
Qué ben nos pasa o tempo!!!, e aínda sin xantar, saímos de Serantes para a área recreativa de Pena Corneira, e chegados ali, o primeiro foi aposentarse e matar a fame. A sobremesa transformouse no escenario para falar de todo un pouco: dos cazatesouros do Carballiño e das súas andanzas, do castelo de Pena Corneira e algunha das súas historias e persoeiros, de xeoloxía e de edafoloxía da man dos nosos compañeiros Juan, José Ramón, Paco e Eugenio. Tamén queda tempo para dar uns paseiños pola área recreativa, ata o miradoiro ou polo bosque salpicado de enormes bolos ao gusto e posibilidades de cadaquén. Salientamos o achádego de restos de tégulas romanas, do que se informou xá ao Museo Arqueolóxico de Ourense. Rematamos completando una volta polo adro da igrexa de Sta Mª de Lamas.
Aínda queda moito que contar Algo de xeoloxía Paneis explicativos Algo de edafoloxía Outros achádegos Igrexa de Lamas
Inevitable a parada na estrada que de aquí leva a Beade para disfrutar da “Pena Corneira” profundizando na orixe destes enormes bloques graníticos que están clasificados como Monumento Natural desde 2007.
Panel de Pena Corneira Paisaxe de bolos Pena Corneira
Incendios e eucaliptos invasores
Recordamos aos participantes que en outubro de 2017 a zona foi parcialmente afectada polo gran incendio de Carballeda de Avia. As consecuencias aínda son ben visibles e hannos servir para dar o punto final á xornada, poñendo o acento na temática relacionada coa invasividade do eucalipto ben patente nas inmediacións do pobo de Orega onde Serafín compartiu unha morea de datos sobre esta temática e expuxo a postura de SGHN en relación con esta especie e tamén cós incendios forestais, participando no diálogo e discusión varios dos participantes na saída.
Invasividade do eucalipto en zonas queimadas Explicacións finais da xornada
E demos por rematada a excursión con ganas de realizar outra xeira de descubrimento da nosa provincia e de ampliación dos nosos coñecementos.
Moitas grazas aos compañeiros que seleccionaron o camiño, as actividades a tratar e aos informadores dos temas históricos, artísticos e de natureza que nos acompañaron. E tamén moitas grazas a todos os participantes pola súa compañía, interese e comprensión ao longo da xornada.
E xa … agrádannos novas actividades tan interesantes e atractivas como a relatada. Ata pronto.