Conmemoración do día das aves migratorias

08/10/2022

Dende 2018 o Día Mundial das Aves Migratorias celébrase dúas veces ó ano, en primavera e outono, coincidindo coas dúas grandes migacións anuais pre- e post- nupcial das aves, tentando crear conciencia da necesidade de conservar o seu benestar e os seus hábitats. 

Nestes últimos anos os cambios dos patróns climatolóxicos están poñendo en risco ás aves migratorias posto que, con áreas cada vez máis secas e quentes, xa non hai os mesmos recursos que fai uns anos. Xa no día das aves migratorias de maio falabamos da seca anómala deste ano (máis…) cunha situación máis propia de mediados ou finais de xuño que de maio. Agora a seca é manifesta e as temperaturas son máis propias de finais de agosto que de outubro.

Por elo, é cada vez máis necesario coñecer ás especies e traballar na procura deses espacios axeitados onde as aves migratorias poidan alimentarse, descansar e refuxiarse durante as súas viaxes. Así, unha vez máis, achegámonos á comarca limiá para observar e aprender algo maís sobre as aves e, como non, sobre as súas necesidades e as relacións con outros elementos da contorna e como poder axudalas.

Polos pasteiros e sebes a carón do Bidueiro

Iníciase a xornada paseando polo que aínda queda das paisaxes agrarias tradicionais preto da Sainza ao carón do río Bidueiro, na Reserva da Biosfera de Allariz e na ZEPA de A Limia.

Os camiños pasan ao longo dos campos bordeados polos carballos centenarios onde os predios abandonados foron colonizados polos biduieiros e os retazos das veigas estanse a facer máis “terrestres”, pechándose co incremento da vexetación arbustiva tanto pola desaparición do pastoreo extensivo tradicional como da falta de auga que ano tras ano semella ser máis escasa.

A observación de aves nestes entornos forestais frondosos resulta bastante difícil xa que as aves agóchanse con facilidade entre as follas e, como ben saben os afeccionados, soe ser máis doado escoitar que ver. Mesmo houbo dificulatades para ver aos paporroibos que andaban moi activos entre reclamos e cantos. Os paporroibos estaban acompañados por especies propias dos arboredos de frondosas, moitas delas invisibles ou apenas un bulto negro nas partes altas das árbores: ferreiriños rabilongos, ferreiriño real, ferreiriño azul, gabeador común, gabeador azul xunto con algún merlo común, carriza, pombos, miñato común e os sempre presentes corvos pequenos. Ao final, houbo poucas aves pero non pasaron desapercibidas as bolboretas, algunha libeliña ou as barbantesas e mesmo as arañas.

Na Carballa da Rocha

Despois do xantar foi inevitable achegarse ata a carballa da Sainza para disfrutar da súa impoñente presenza e do seu entorno. A carballa é un exemplar de carballo (Quercus robur) de grandes dimensións do que popularmente fálase en feminino como diferencia có resto de carballos máis novos e pequenos. Ademais de estar protexida como Monumento Natural, a carballa da Rocha está incluída no catálogo galego de árbores senllerias de Galicia onde se recollen os seus datos morfolóxicos:

“O tronco amosa grandes contrafortes na base e ten un perímetro normal de 5,94 m, permanece indiviso ata 5,90 m de altura, onde aparece a primeira póla, pero a verdadeira cruz non se forma ata os 7 m, formándose dúas gallas de incrible fermosura e grandes dimensións. Acada unha altura total de 31,60 m, e a copa é moi regular e equilibrada, esvelta, case cilíndrica, moi fermosa, cun diámetro de cerca de 26 m, aínda que medra rodeada doutros carballos centenarios dando sombra o conxunto aos romeiros que acoden o 24 de setembro á popular romaría de Nosa Señora da Saínza. A súa idade estimada é de entre 250-500 anos”.

Nas areeiras de Vilar de Santos e Sandiás

Seguindo o guión xa só quedaba visitar os traballos de recuperación de hábitats que SGHN está a desenvolver na zona das areeiras, entre os concellos de Sandiás e Vilar de Santos. Os traballos son financiados ao abeiro das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais na Rede Natura 2000 de Galicia.

Nesta ocasión plantéxase a remodelación dun conxunto de predios xestionados pola SGHN: un alugado ao banco de terras e outros tres sobre os que hai asinado un acordo de custodia do terriotorio cun empresario.

As explotacións areeiras, unha vez finalizada a extracción das areas, son moi fondas e as súas beiras son moi pendentes. Poden servir como zona de refuxio para as anátidas, pero a súa utilidade como zona de alimentación e de cría está moi limitada ou é case imposible para as limícolas. Mesmo é case imposible a colonización por especies vexetais características das beiras das zonas lacustres. Por eso, o obxectivo dos traballos é incrementar a superficie e dispoñibilidade de augas pouco fondas, con cotas heteroxéneas e pequenas zonas de terra firme intercaladas que faciliten a colonización por especies de flora e fauna características do ecotono entre o medio terrestre e o acuático.

Ao enorme traballo da maquinaria pesada engadíronse outras tarefas puntuais de mellora como retirada de especies exóticas invasoras, control da vexetación espontánea, retirada de lixo ou adecuación da superficie do terreo.

E así disfrutando e cun traballiño lixeiro rematou a xornada de celebración do día das aves migratorias, moitas grazas aos participantes pola vosa colaboración e … xa repetiremos.