Contaminación lumínica: nin no ceo está a salvo a “biodiversidade”

Definida como a emisión de fluxo luminoso de fontes artificiais nocturnas en intensidades, direccións, rangos espectrais ou horarios innecesarios para a realización das actividades previstas na zona na que se instalan as luces, a contaminación lumínica altera os patróns naturais de luz e escuridade nos ecosistemas, cun forte impacto sobre a biodiversidade na Terra, pero tamén sobre a “biodiversidade” no Ceo. Esta entrada, orixinalmente publicada o 13-01-2014, volve a estar de actualidade polo plan de iluminación navideña en Vigo (Abel ten poucas luces).

Na actualidade a Vía Láctea, que antano orientaba aos pelengrins ao seu destino, é invisible dende Compostela por mor da contaminación lumínica que, ademais, provocou que a Osa Menor estea “En perigo de extinción”, ou extinguida, nos ceos das principais cidades galegas. Mesmo a Osa Maior está ameazada e pódese catalogar como unha especie “Vulnerable” nos ceos urbáns.

Constelación de Orión sen e con contaminación lumínica
Constelación de Orión dende unha zona con ceos limpos e outra con forte contaminación lumínica que nos rouba as estrelas

Urxe un plan de recuperación da Osa Menor e de conservación da Osa Maior

Como o seu “conxénere terrestre”, o Oso Pardo, Osa Menor e Osa Maior son “especies ameazadas” pola contaminación lumínica. Por iso, SGHN urxe a poñer en marcha para elas un Plan de recuperación e un Plan de conservación, respectivamente.

Na liña máis avanzada de xestión para conservar a biodiversidade na Terra, os propostos por SGHN serían dous eficacísimos “plans paraugas”, pois axudarían a protexer ao resto da biodiversidade no Ceo. Entre os beneficiados poderíamos nomear a Águia, o Cisne, a Serpe, Pegaso, Piscis, o Touro, o León, a Lebre, o Escorpion, o Can de Davis, o Gato de Cheshire, as Leónidas, o Cogumelo velenoso e o Touro de Poniatowski. Ademais, voltaríamos a ver a sempre sorprendente Lúa en todo o seu esplendor.

Osa Maior coas súas principais estrelas
Osa maior

Recuperar a “biodiversidade” do ceo é doado

A boa nova é que os plans de recuperación e conservación propostos por SGHN serán fáciles de levar a cabo. Por suposto, non haberá que voltar á escuridade da idade das cavernas, como seguro afirmarían os demagogos habituais.  Por se recuperar as estrelas roubadas fose pouco premio, aforraríamos moitísimos cartos prescindindo do alumeado innecesario ou inaxeitado. De paso, reduciríamos a emisión de gases de efecto invernadoiro e axudando a parar algunha central nuclear. Bastaría con:

  1. Evitar a sobreiluminación: máis luz non é necesariamente mellor.
  2. Apagar as luces innecesarias (sensores de presencia, temporizadores).
  3. Seleccionar a cor da luz: mellor amarela que branca (máis atractiva para a fauna).
  4. Substituir as farolas inaxeitadas.
  5. Alumear o chan, por onde camiñan as persoas, e non o ceo.
  6. Alumear onde é necesario. Se todolos automóbiles teñen faros e as persoas non, por qué nas vilas as farolas alumean as rúas e non as beirarrúas e os pasos de peóns?
Farolas que causan contaminación lumínica e nos rouban as estrelas

Modelos de farolas inaxeitadas por causar contaminación lumínica.

Combate a contaminación lumínica para recuperar as estrelas!

Estes exemplos demóstrannos que a enerxía máis limpa é a enerxía innecesaria que non se consume. Por ECOnomía e ECOloxía, non consumas nin demandes o que non precisas. Lembra tamén que podes aforrar moita enerxía se alumeas a túa casa eficientemente e sen excesos. E aínda máis se cumples o RD 1826/2009 que establece as temperaturas nos recintos habitables, enches o lavalouzas e a lavadora, procuras utilizar as escaleiras, camiñar, …

Como podes ver, máis aló de pedir que non nos suban a luz cos sucesivos “tarifazos” eléctricos (que tamén) ou de organizar apagóns colectivos como medida de protesta fronte ás grandes empresas eléctricas (que tamén), todos temos nas nosas máns unha poderosa ferramenta para cambiar a Terra e o Ceo. Axustemos o consumo eléctrico ás nosas necesidades, desmarcándonos do modelo actual que despilfarra de forma brutal e absurda a enerxía. Así, axudaremos a reducir o consumo combustibles fósiles, o cambio climático, os parques eólicos nos nosos montes, os encoros hidroeléctricoss que sobreexplotan os nosos ríos, as centrais nucleares? cos seus múltiples efectos colaterais.

O ceo como patrimonio da humanidade

“O ceo, a nosa herdanza común e universal, é unha parte integral do ambiente percibido pola humanidade. A Humanidade observou sempre o ceo para interpretalo ou para entender as leis físicas que gobernan o universo. Este interese en astronomía ha ter implicaciones profundas para a ciencia, a filosofía, a relixión, a cultura e o noso concepto xeral do mundo”. 

Proclamación de 2009 como Año Internacional de la Astronomía. Conferencia General de la UNESCO, París 2005.