Veiga de Gomareite: xornadas de voluntariado de SGHN

Unha Limia limpa é posible

I Xornada de limpeza na Veiga de Gomareite (4-10-2014)

Si en 2013 a Sección Antela de SGHN celebraba o día das aves dun xeito diferente, traballando na parcela de SGHN en Vilaseca para recuperación de hábitat para conícora, neste 2014 seguimos con outra celebración singular, procurando a recuperación dunha parte da Veiga de Gomareite, visitada asiduamente polos observadores de aves que coñecen a presenza frecuente dalgunhas interesantes especies: conícoras, píllaras, biluricos, cegoñelas, garzotas, pilros, cullereiros, …

A xornada comenzou amosando aos participantes a situación da veiga de Gomareite sobre un mapa no que se remarcaba a antiga lagoa de Antela, da que formaba parte. Esta veiga é un lugar interesante para a fauna e flora e, despois de varios intentos, SGHN-Sección Antela conseguiu a sinatura dun acordo de custodia do territorio compartida cun gandeiro da zona. Por desgraza este lugar empregouse durante anos como vertedoiro incontrolado de todo tipo de residuos. Pouco a pouco o lixo foi restando superficie útil de terreo para o uso gandeiro e a biodiversidade. Para mellorar esta situación actúase en dúas vertentes: recollida do lixo actual e control de novas verteduras.

Máns á obra

Con estas consideración de seguida os voluntarios puxeron máns a obra, tendo en conta que os residuos tiñan que ser separados segundo a súa tipoloxía: escombros, forxados, vidro, pneumáticos, plásticos, madeiras e outros para a súa posterior xestión.

Cada grupo centrouse nunha zona; o traballo foi arduo pois, si ben os entullos máis recentes estaban ven a vista, os máis vellos estaban moi espallados e ocultos baixo a vexetación unhas veces silveiros e outras veces matas de herbas moi arraigadas entre o lixo, esto fixo preciso a utilización de ferramenta para despezar os distintos montóns.

Así pouco a pouco achegouse a hora de recoller, facendo reconto do traballo realizado: conseguimos encher o contedor de 4 m3 de residuos industriais non peligrosos, é decir, forxados, entullos mixturados, plásticos, cables, persianas, colchóns, moquetas, e similares. Ademais, xuntáronse 3 m3 de plásticos nun par de grandes sacos para a súa posterior xestión e uns 4 m3 de entullos mezclados (pedras, terras, restos de obras) no contedor grande (10 m3) que quedou case mediado. En resumen, un moi bó traballo. Coa satisfacción de ter recuperados uns cuantos metros cadrados de terreo fomos xantar a Xinzo no restaurante Europa, onde coma sempre comemos estupendamente sendo moi ben atendidos.

Non todo foi limpar

A medida que se avanzaba desfacendo coidadosamente as moreas para separar os residuos, atopamos varias sorpresas. Algunhas cobras, limpafontes e lagartixas serviron para facer algún alto no traballo mentras se identificaban e fotografaban.

II Xornada de limpeza na Veiga de Gomareite (11-10-2014)

Despois de avaliar os resultados da primeira xornada de limpeza da Veiga de Gomareite decidiuse celabrar unha segunda xornada para aproveitar o contedor que quedara a medio encher. O obxectivo principal do traballo era retirar uns grandes plásticos dos empregados nos silos e retirar algúns restos variados de todo tipo que ocupaban a entrada á parcela, tamén se tentaría retirar parte do grande número de botellas de vidro amoreadas para levar a reciclar. Todo iso durante a maña procurando deixar algún tempo para dar un paseo que permitira aos participantes (tan entusiastas como o primeiro día) ir coñecendo a parcela, ao tempo que se aproveitaba para recoller refugallos dispersos e percatarse de que o lixo está concentrado nas zonas de fácil acceso dende as pistas inmediatas.

Traballouse arreo e conseguíronse todos os obxectivos plantexados, así que entre as dúas xornadas finalmente fomos quen de retirar manualmente uns 14 m3 de entullos, plásticos, sacos, louza, persianas, faros de vehículos, moquetas, colchons, roupa e calzado, cable eléctrico, tellas, pedras, sacos de rede para patacas, sacos de arxila procedentes dalgún laboratorio. Ademais, recolléronse case 2 m2 de cristal e xuntáronse os pneumáticos dispersos para xestionalos como corresponde máis adiante, e un bó montón de madeiras procedentes de derribos.

III Xornada de limpeza na Veiga de Gomareite (3-10-2015)

Unha vez máis celebramos o día das aves dun xeito diferente: recuperando hábitats de interese ornitolóxico na Veiga de Gomareite. Nas dúas xornadas de 2014 retiráronse uns 16 m3 de residuos de todo tipo. Nesta ocasión pretendemos retirar duns 40 pneumáticos, 2 m3 de madeiras, 0,5 m3 de vidro e, o prato forte da xornada, outros 10 m3 de entullos, plásticos e todo tipo de restos depositados na veiga. Ademáis, xestionarase puntualmente a vexetación para facilitar o acceso e retirada destes materiais e recuperar a paisaxe característica das veigas.

Hai que sinalar que durante a semana un grupo de voluntarios xa retirara os case 40 pneumáticos e boa parte da madeira acumulada en 2014 e tiñan cortadas as salgueiras que máis molestaban para a extracción do lixo amoreado. Todo isto foi posible grazas á colaboración de Neumáticos Bertólez, empresa que nos facilitou a entrega gratuita destes residuos para a súa posterior xestión nun dos seus centros de traballo e de Braña SCL, empresa que aportou medios materiais e humanos para a retirada e traslado dos neumáticos e da madeira e para o corte das salgueiras.

Organizando o traballo

Cós obxectivos claros e tras reparto de labores, a xornada comezou con gran entusiasmo por parte dos participantes despexando as zonas de traballo e iniciando a recolleita dos materiais principalmente en tres zonas:

  • Zona 1 primeiro acúmulo de restos variados nas proximidades da entrada.
  • Zona 2 segundo acúmulo con gran cantidade de arame e escombros.
  • Zona 3 zona de queima de neumáticos.

ademáis realizáronse traballos de xestión da vexetación arbustiva para rexeneración de especies propias da veiga.

Que non falte o bo humor!

Con gran paciencia e esforzo o traballo foi avanzando ao longo da mañá como se pode apreciar nas fotos. Mentres o bon humor foi tónica xeral con cada “achádego”:

  • “estou empezando coa louza: 2 vasos, prato pequeno, prato grande, garfo …”,
  • “case podemos empezar a equiparnos para a choiva: botas de auga verdes e outras negras”,
  • “ao fondo un colchón para tomar un descanso”,
  • “se alguén o precisa xa temos orinal, mellor orinais”,
  • “botella de Sanson, botella de cervexa, botella de viño, …..”,
  • “isto era dunha cama”,
  • “plástico branco, verde, negro, azul, ….”,
  • “xa temos para poñer a moqueta no salón” .

Temos que sinalar que, a diferenza do ano pasado, atopouse moi pouca fauna agochada entre o lixo: unha musaraña (Crocidura sp.) e un escáncer (Chalcides striatus) cuestión que asociamos á extrema seca do ano e a busca de refuxios máis fondos e húmidos. O que si había era unha gran cantidade de moscas que, co noso disgusto, se apuntaron ao noso xantar. E na sobremesa nada mellor que unha boa converas entre amigos, facendo plans e propostas para vindeiras actividades.

Estas primeiras xornadas de voluntariado na Veiga de Gomareite, sufragadas con fondos de SGHN-Sección Antela, están a ter continuidade con outras para as que se contou alomenos con parte de financiación allea:

Anímate a axudar!

Queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medre este pequeno humidal? Podes contribuir cunha doazón na conta corrente: ES63 2080 0200 4830 4012 7702 
ou na conta de Paypal: sghn@sghn.org (neste caso especifica “Sección Antela”)

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR(nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela