Planta de puríns de Sarreaus: parte da solución ou parte do problema?

Nos últimos meses estase vólvese a falar insistentemente da reapertura do “Centro Tecnolóxico Medioambiental” (CTM) para tratamento de puríns de porco en Sarreaus, presentándoo como unha peza chave para resolver o problema da contaminación da auga na Limia xenerada polos residuos da gandería industrial.

Parte da solución…?

Construido pola “Sociedad Gallega de Residuos Ganaderos, SA” (de COREN e Caixa Galicia) cun investimento de 22 millóns de euros, o CTM de Sareaus inaugurouse en 2007. Alimentado cun ramal de 25 km de gasoducto dende o polígono de San Cibrao, o CTM queimaba gas natural para tratar 110.000 m3/ano de puríns de porco. Evaporando a fracción líquida, o CTM atrapaba o amoníaco dos puríns para producir un fertilizante mineral (sulfato amónico) e obter un residuo bastante seco coa fracción sólida, máis fácil de almacenar e transportar para o seu emprego como esterco.

Cartel do “Centro Tecnolóxico Medioambiental” de COREN na Pedra Alta.

Presentado como un exemplo modélico para o tratamento dos puríns, o CTM de Sarreaus pechou en 2014, revelando que o seu plantexamento non era tan modélico, pois incumpría o principio básico de “quen contamina paga”. E aquí quen pagaban non eran COREN e as granxas industriais dos seus asociados, senon os contribuintes, a traverso dunha xenerosa prima pola enerxía eléctrica que co-xeneraba o CTM.

Anulada polo goberno central a prima eléctrica, COREN pechou a planta por “falta de rendibilidade”, esquecendo a súa obriga de tratar os seus puríns para non contaminar a auga de todos na Limia. Gañada a primeiros de ano no Tribunal Supremo a liorta legal contra o Estado, agora todos pagaremos de novo unha boa parte da factura do tratamento dos puríns de COREN coa prima eléctrica. Quen contamina paga… ás veces e non todo.

…ou parte do problema?

Mesmo funcionando en óptimas condicións, o CTM de Sarreaus non era, nin será, a “variña máxica” para resolver o problema da contaminación das augas da Limia orixinada pola sobre-saturación de granxas industriais na comarca.

Cun contido medio de 3 kilos/m3 de nitróxeno en forma de amoníaco, os 110.000 m3 de puríns tratados anualmente no CTM contiñan unhas 330 toneladas de nitróxeno como amoníaco disolto. Ao evaporar a fase líquida dos puríns, o CTM era capaz de atrapar un 95% dese amoníaco en forma de sulfato amónico. O resto, é dicir unhas 16,5 toneladas anuais de amoníaco, saían directamente polas chemineas do complexo (máis todos os óxidos de nitróxeno procedentes da combustión do gas natural). A deposición seca ou húmida (arrastre por néboas e chuvia) sobre os terreos colindantes desas 16,5 toneladas anuais de amoníaco, unha vez transformadas en nitratos serían de abondo para convertir en non potable nada menos que 330 millóns de litros de auga pura.

Qué nos amosa a realidade?

A realidade é que, xusto despois da apertura do CTM de Sarreaus, comezaron a morrer os piñeiros da sebe cortaventos entre o CTM e a canle de drenaxe adxacente.

Árbores moribundas detrás do cartel do “Centro Tecnolóxico Medioambiental” de COREN. Casualidade?

A realidade é que a secuencia de imaxes aéreas oficiais do PNOA do Instituto Geográfico Nacional amosa con claridade que as árbores morreron só augas abaixo do CTM e non augas arriba (imaxe en alta resolución).

Centro Tecnolóxico Medioambiental de COREN na Pedra Alta (Sarreaus, Ourense). Imaxes oficiais do Programa Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA, Instituto Geográfico Nacional).

A realidade é que no estudo feito en 2012-13 (antes do peche do CTM) polo CSIC para a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, as máximas concentracións de nitratos en augas superficiais atoparonse no punto de mostraxe CSIC-6, apenas 1 km augas abaixo do CTM e o macro-complexo gandeiro de COREN na Pedra Alta (que produce anualmente 1.650.000 polos e 15.000 porcos) (ver máis…).

gandeiro de COREN na Pedra Alta (chaira de Antela)
CTM e macro-complexo gandeiro de COREN na Pedra Alta (imaxe PNOA, Instituto Geográfico Nacional).

A realidade é que nas imaxes do PNOA do Instituto Geográfico Nacional pódense apreciar perfectamente as enormes montoneiras da fracción seca dos puríns tratados, amoreadas directamente sobre a terra e á intemperie. Compre lembrar que a fracción seca contén todo o fósforo (principal responsable da eutrofización do encoro das Conchas) e todos os metais pesados dos puríns (nomeadamente cobre nos de porco), ademais de todo o nitróxeno orgánico. Tamén as hormonas e antibióticos resistentes ao tratamento térmico do proceso.

  • Divulga ti tamén!