Drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro

Comunicado de prensa de 39 asociacións

O 25/11/2019 a Xefatura Territorial da Consellería de economía, emprego e industria (CEEI) require á mercantil Explotacións Gallegas S.L. (EXGA) un proxecto integral de drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro. O 02/03/2021 reitera o requerimento sen que se executara o proxecto temporal autorizado previamente (2018). Así, nestes 3 anos, esas augas contaminadas continuaron alcanzando o DPH (como  viñan facendo nos 30 anos anteriores). As actuacións que cita a empresa como realizadas nos últimos 3 anos son actuacións sobre o papel, que nunca se levaron a cabo na realidade, non tendo,  por tanto, ninguna consecuencia  sobre o medio ambiente.

O requerimento é: “Modificar o sistema de xestión das augas (incorporar os efluentes de Angumil, Portapego e Felisa ao oco de Vieiro) e garantir a supresión das saídas de auga desde a zona de Arinteiro.”

Ningún do obxectivos do proxecto de drenaxe integral, formulados por EXGA, coincide co requerimento realizado. O proxecto presentado por EXGA excede con moito o ámbito do procedemento de Autorización en DPH baixo o que se pretende tramitar. Pero tamén excede o procedemento de Autorización de vertidos,  xa que Augas de Galicia non pode asumir as funcións propias do órgano sustantivo mineiro (CEEI).

Como se trata dunha mina que aparece co nº 35 do “Inventario de instalaciones de resíduos de industrias extractivas cerradas y abandonadas en España” (MITECO), os proxectos deberían estar encadrados dentro dun Plan de Restauración, conforme ao R.D. 975/2009. .  No marco desa restauración  tamén  ten que presentar un PLANO DE XESTIÓN DE RESÍDUOS.

Este “proxecto integral” deixa outra volta sen tratar as augas que rebordan desde a denominada balsa de Bama, agás dunha simples decantación na antedita balsa e o mantemento do humidal reactivo que traballa con tecnosolos. EXGA estima dabondo estas medidas, mais a administración denegou no seu momento o permiso de vertedura das augas da balsa polas altas cantidades de metais pesados que presentan e por non considerar suficientes as “solucións” que agora a empresa volta a propoñer. Na DIA emitida en xaneiro de 2020 denegando o proxecto mineiro de Touro, a Área de vertidos de Augas de Galicia non consideraba suficientemente acreditada a capacidade dos tecnosolos para acadar os níveis de comtaminantes requeridos por este servizo para autorizar as verteduras ao DPH.

É inadmisíbel que a planta de tratamento que se presenta sexa a diseñada para dar servizo á hipotética futura mina e non para tratar as augas que na actualidade drenan da corta de Vieiro ao Pucheiras.

O actual proxecto de drenaxe integral debe estar incorporado a un verdadeiro PLANO DE RESTAURACIÓN  e ter como obxectivo único asumir os pasivos mineiros e resolver o problema de contaminación existente actualmente derivado da anterior explotación e  desligarse de calquera futuro proxecto que se poida presentar para a explotación mineira porque a restauración é previa a calquera novo proxecto de explotación, conforme á directiva europea. Plano de Restauración ao que está obrigada a mercantil que asume no mesmo acto, en que se fai propietaria da concesión, tanto dos activos como dos pasivos mineiros. De feito, o Director Xeral de Enerxía e Minas autorizou o 09/03/2017 a transmisión da concesión de explotación San Rafael, nº 2946 da provincia da Coruña de Explotaciones Gallegas SL., a Cobre San Rafael  SL., condicionando expresamente a devandita transmisión “á presentación no prazo dun mes dunha actualización dos proxectos de explotación e restauración, asi como da garantía financieira suficiente para cubrir os custos de restauración dos terreos afectados pola explotación mineira.”

Na Illa de Arousa, a 13 de novembro de 2021.

Asinan:

  • ACOUGA
  • ADEGA
  • AMEGROVE
  • AMEVILA
  • A.P.D.R. DE PONTEVEDRA
  • A.P.M. A POBRA
  •  A.P.M. RUA MAR DA ILLA DE AROUSA
  • A.P.M. SAN AMARO
  • A.P.M. SAN SATURNINO DE CAMBADOS
  • A.P.M. VIRXEN DO CARMEN DE ABANQUEIRO
  • ASOCIACIÓN AMBIENTAL AMABUL DE VEDRA
  • ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS ILLA DE AROUSA
  • ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS XIDOIROS
  • ASOCIACIÓN TRALAPENA
  • ASPROMERI
  • C.I.G.
  • COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS (C.E.S.)
  • CONFRARÍA “A PASTORIZA” DE VILANOVA DE AROUSA
  • CONFRARÍA DA ILLA DE AROUSA
  • CONFRARÍA DA POBRA DO CARAMIÑAL
  • CONFRARÍA DE CABO DE CRUZ
  • CONFRARÍA DE RIANXO
  • CONFRARÍA “SAN ANTONIO” DE CAMBADOS
  • CONFRARÍA “SAN MARTIÑO”DO GROVE
  • CONFRARÍA DE VILAXOÁN
  • CONSELLO REGULADOR DO MEXILLÓN DE GALICIA
  • CORNADO MINA NON
  • ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
  • FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA
  • FUNDACIÓN MONTESCOLA
  • FRUGA
  • OPMEGA
  • OPMEGAL
  • P.D.R. DE VIGO
  • PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
  • PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO-O PINO NON
  • S.G.H.N.
  • SINDICATO LABREGO GALEGO
  • SOS SUÍDO SEIXO
  • VERDEGAIA