Plan Eólico Estratéxico de Galicia (PEEG)
En 1996 someteuse a consulta do Consello Galego de Medio Ambiente (entón COGAMA, hoxe COGAMADES) o “Proxecto de Ordenamento Eólico da Comunidade Autónoma de Galicia”, tamén denominado “Plan Eólico Estratéxico de Galicia”. O representante de SGHN no COGAMA formou parte da Comisión de Traballo non permanente que se creou ao efecto para avaliar o PEEG e propoñer un dictame ao Pleno do COGAMA.
Incomprensiblemente (ou non), aos membros da Comisión de Traballo só se lles deu acceso a un dos once volumes do PEEG: o de conclusións. O representante de SGHN solicitou que todos os membros da Comisión de Traballo tiveran acceso aos once volumes. A resposta foi que non era posible facilitar copia dado o gran número de volumes e páxinas do PEEG.
Volume de conclusións do PEEG
Á vista do único volume do PEEG que se puido consultar, acolléndose ao dereito de acceso á información ambiental, o 11-07-1996 SGHN solicitou á Consellería de Industria e Comercio información sobre:
- Os criterios para asignar a elaboración do PEEG a empresa privada APASA-GAMESA, no canto de facelo por medios propios e/ou con asistencia externa das Universidades e centros de investigación de Galicia.
- As medidas adoptadas para salvagardar o interese público galego e evitar que APASA-GAMESA fose xuíz e parte no PEEG pois tiña concedida nada menos que 600 Mw, o 22% de toda a potencia aprobada ata entón.
- Os criterios obxectivos de calidade para aceptar o documento presentado por APASA-GAMESA, pois o seu descomunal volume (11 tomos) non se correspondía en absoluto có parco, mediocre e defraudante contido do volume de conclusións (único ao que se tivo acceso): 9% das páxinas en branco, 14% son páxinas de títulos, 65% cun promedio de 87 verbas/páxina (equivalentes a 7-8 liñas de texto) e 13% con táboas, das cales case a metade contiña información repetida e redundante.
- O custe económico do contrato con APASA-GAMESA para a elaboración do PEEG.
Amparo do Valedor do Pobo
Ao non obter resposta da Consellería, SGHN solicitou e obtivo o amparo do Valedor do Pobo que, despois de sucesivos intentos, conseguiu que en maio de 1998 (case 2 anos despois!) a Consellería respostase a SGHN… rexeitando a petición de información ao entender que non tiña relación co medio ambiente.
SGHN dirixiuse entón a todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia para que reclamasen a información solicitada sobre o PEEG. Ningún respostou.
Un vendaval de eólicos
Co cambio de século o acceso á información ambiental mellorou, e dende hai 14 anos SGHN está entre as entidades ás que a Consellería de Medio Ambiente (ás veces tamén outras Consellerías) solicita informe dos previsibles efectos ambientais dos proxectos durante o trámite de consultas previas á información pública. No que respecta a enerxía eólica hai que decir que a proliferación dos parques eólicos non é un problema de 2021, senón un fenómeno que se ven manifestando nos últimos 20 anos. Así, por exemplo, en 2011 xa houbo un auténtico “vendaval” de proxectos eólicos (107 parques, 2 novos por semana), cunha morea na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que levou a SGHN a dirixirse ao Comité Español das Reservas da Biosfera (máis…). As cifras tamén foron altas en 2020 (45 parques) e para o que vai de 2021 (25 parques, con ata 3 parques novos por semana!).
En conxunto, dende 2011 SGHN leva presentados 274 informes/alegacións a 196 parques eólicos novos ou ampliacións/repotenciacións dos existentes. Para calquer entidade ambiental como SGHN, que desenvolve o seu labor en base ao voluntariado, participar nestes trámites é un auténtico reto máxime cando os proxectos se amorean e coinciden no tempo como sucedeu e está a suceder neste intre cós eólicos. Máis alá deste traballo na sombra e a dedicación de moitas horas para analizar cada un dos proxectos, dende SGHN plantexamos un documento de mínimos a esixir para a instalación de parques eólicos.
Renovable si, pero sustentable e desexable?
Ollando a imaxe de arriba, un superpetroleiro diante dun parque eólico, seguramente moi poucos terían dúbidas acerca de cal fonte enerxética preferirían. Petróleo = enerxía fósil non renovable, gases de efecto invernadoiro, mareas negras, contaminación. Eólicos = enerxía renovable e moito máis limpa; pero, de verdade, é sempre ecolóxicamente aceptable? A resposta depende de onde se instalen os aeroxeneradores. O parque eólico da foto está probablemente nun dos piores sitios do mundo: Tarifa, no estreito de Gibraltar, por onde se ven obrigados a pasar dúas veces ao ano millóns de aves durante as súas migracións entre Europa e África, incluindo centos de miles de aves planeadoras (cegoñas, aguias, miñatos,…) que teñen máis dificultades para esquivar as aspas dos aeroxeneradores.
En Galicia, algúns parques eólicos xa impactaron gravemente en espazos naturais sobranceiros, como as turbeiras da ZEC Serra do Xistral, e provocan unha mortandade de aves e morcegos da que non hai (ou non queren dar á SGHN) estatísticas oficiais.
Resposta ao dilema de “Celtas sen filtro”
En 1983, Méndez Ferrín e Artello Teatro estrearon “Celtas sen filtro”, na que as autoridades civís, militares e relixiosas debatían sobre a explotación ou non dun xacemento de petróleo recén descuberto baixo o compostelá Pórtico da Gloria. Case 40 anos despois, non se descubriu “ouro negro” en Santiago nin no resto de Galicia, pero moitos andan á procura do “ouro aéreo”. Que pensarían as autoridades de “Celtas sen filtro” se houbese un plan para instalar en cadansúa torre da catedral un macro-aeroxenerador?
Para SGHN a resposta é moi sinxela: ningún proxecto enerxético que destrúa ou poña en risco a catedral de Santiago ou o resto do noso patrimonio cultural sería aceptable. Pero igual de inaceptable resulta todo proxecto que ameace calquera das “catedrais” do noso patrimonio natural. Por iso, SGHN manifesta o seu apoio a todas as persoas e organizacións que a día de hoxe están amosando unha postura crítica fronte este vendaval que se aveciña. SGHN lembra a necesidade de racionalizar o consumo e priorizar o aforro e a eficiencia enerxética en todos os ámbitos e aposta polas enerxías limpas, pero ASÍ NON!