O Dobre Cúmulo de Perseo é un impresionante par de cúmulos de estrelas, que se atopa na parte norte da constelación de Perseo, bastante preto da constelación de Casiopea.
Trátase de dous cúmulos estelares abertos que se atopan a uns 7.500 anos luz de distancia, cunha magnitude aparente de 3,7, e que están separados entre eles por uns poucos centos de anos luz. Cada un contén de 300 a 400 estrelas, soles superxigantes, na súa maioría azuis e brancas, moi novas, quentes e miles de veces máis luminosos que o noso Sol. Ocupa unha área de 60 minutos de arco de ceo aparente, o que corresponde ao dobre do tamaño dunha Lúa chea.
Individualmente cada cúmulo ten entre 2.800 e 3.700 masas solares, pero como cada cúmulo está rodeado por un halo estendido de estrelas e gases, a masa total do Dobre Cúmulo é de polo menos 20.000 masas solares. Achégase a nós a unha velocidade de aproximadamente 80.000 quilómetros por hora.
O Dobre Cúmulo coñécese desde o ano 130 a. C., cando o astrónomo grego Hiparco o menciona nos seus escritos como unha ” nebulosa”. Ptolomeo no Almagesto considérao unha das sete “nebulosidades”. Charles Messier non incluíu o cúmulo no seu catálogo, pero está incluído no catálogo de Caldwell de obxectos de ceo profundo. Tamén é coñecido como Caldwell 14, ou cos nomes de cada un dos seus cúmulos: NGC 869 e NGC 884 ou h Persei e χ Persei.
Como atopalo
A forma máis fácil de localizalo é unindo cunha liña imaxinaria a estrela Navi de Cassiopea, coa estrela Mirfak na constelación de Perseo, xusto no medio atoparemos o Dobre Cúmulo, que na nosa latitude é circumpolar visible, o que nos permite tela sobre o horizonte todas as noites do ano a calquera hora. Pode verse a simple ollada como unha mancha de néboa, pero cuns prismáticos ou un telescopio pequeno pareceranos fascinante. De momento convidámosvos a velo na fantástica foto do noso amigo e colaborador da SGHN, Leoncio Peiro.