M33 é unha famosa galaxia espiral que se atopa na pequena constelación do Triángulo do norte, de aí o seu nome (Galaxia do Triángulo). É a terceira galaxia máis grande do Grupo Local, despois da Galaxia de Andrómeda e a Vía Láctea, e tamén a segunda galaxia espiral máis próxima á Vía Láctea.
Atópase a 3,07 millóns de anos luz e a súa magnitude aparente é de 5,7. O seu diámetro é a metade do da Vía Lactea, uns 55.000 anos luz, e estímase que ten entre 30.000 e 40.000 millóns de estrelas. Ocupa unha área de 71 por 42 minutos de arco de tamaño, o que equivale a 2,5 Lúas cheas. Ten unha galaxia satélite LGS 3.
En M33 atópase NGC 604, unha vasta rexión de nacemento de estrelas extremadamente quentes, ao redor de 40.000 ºC, onde as máis grandes teñen ata 120 veces a masa do Sol. NGC 604 ten 1.500 anos luz de diámetro. O futuro de M33 está ligado ao da Galaxia de Andrómeda, coa que chocará dentro de 2.500 millóns de anos, e ambas chocarán coa Vía Lactea 3.500 millóns de anos despois.
Foi descuberta polo astrónomo italiano Giovanni Battista Hodierna en 1654, posteriormente faríao Charles Messier, que a introduciría no seu catálogo en 1764. Tamén é coñecida como Messier 33, NGC 598, Muíño do Triángulo, LEDA 5818, 2E 409, PGC 005818, UGC 1117, entre outros.
Para localizala uniremos a Galaxia de Andrómeda coa estrela Mirach e se prolongamos a mesma distancia que as separa apareceranos M33. En noites claras e sen ningunha contaminación lumínica poderiamos vela a primeira ollada, con todo verémola mellor con prismáticos moi grandes ou con telescopios de afeccionados. De momento convidámosvos a vela nesta foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.