SGHN, diante das declaracións do CEO de ENCE, é dicir, o xefe executivo da empresa, sobre o perigo ambiental da fábrica situada en Pontevedra e os posteriores acontecementos (peches de tráfico, declaracións sobre a permanencia, etc.) lembra que:
- Os terreos nós que se asenta a empresa teñen sido cedidos gratuitamente sobre unha concesión en terreos públicos marítimo terrestres dende 1958, o que representa un agravio comparativo en relación con outros emprendedores, industrias ou empresas que non contan con este beneficio.
- A concesión que tiña a empresa remataba en 2018 e este prazo prolongouse artificialmente coa modificación da Lei de Costas de 2013.
- Aplicando a actual Lei de Costas, ENCE ten ata 2033 para reorganizar esta unidade de negocio, buscar alternativas e planificar a construción doutra fábrica.
- Con estas vantaxes, non é de recibo chantaxear á sociedade galega presionando có argumento da perda de postos de traballo dos seus traballadores, especialmente sen ter buscado alternativas á localización presente e externalizando os seus costes sociais ó resto da cidadanía sen asumir a súe responsabilidade empresarial.
- A maiores, ENCE é co-responsable da caótica situación do monte galego, cun predominio do monocultivo do eucalipto e as súas consecuencias: perda de biodiversidade, perda da paisaxe, erosión, etc.
Por todo elo, instamos a que:
- Os responsables desta empresa e subsidiariamente á administración competente cumpra coa normativa e requisitos legais de aplicación.
- As leis sexan xustas e igualitarias, evitando casos como a modificación da lei de costas para prolongar artificialmente a concesión que tiña esta empresa e remataba en 2018.
- Se asegure o cumprimento da normativa de seguridade ambiental, das persoas e dos dereitos de toda a cidadanía, empregados de ENCE, mariscadores e o resto de cidadáns.
- Se elabore un plan alternativo á actual localización, así como o desmantelamento, liberación e restitución dos terreos á súa condición previa marítima, a cargo de quen os alterou, ENCE.