M52 é un cúmulo aberto que se atopa na constelación de Cassiopeia. É un dos mellores cúmulos abertos na parte norte da Vía Láctea.
Contén case 200 estrelas repartidas en 9 minutos de arco. Ten unha magnitude aparente de 5,0, sendo a súa estrela máis brillante HIP 115542 de magnitude 8. Atópase a unha distancia aproximada de 5.000 anos luz, aínda que as estimacións están xeralmente no rango de 3.000 a 7.000 anos luz. Tamén é coñecido como NGC 7654, Collinder 455, OCl 260, C 2322 + 613, MWSC 3725 e Messier 52. Crese que a súa idade é de 35 millóns de anos.
Foi descuberto por Charles Messier na noite do 7 de setembro de 1774, cando estaba a observar un cometa que pasou preto do cúmulo. Descríbeo como un cúmulo de estrelas moi pequenas, mesturadas con nebulosidade. Con todo William Herschel, que o observou o 29 de agosto de 1783 descríbeo como “innumerables estrelas pequenas sen ningunha sospeita de nebulosidade”.
Para localizalo trazaremos unha liña que una as estrelas máis brillantes de Casiopea. Desde Schedar pasando por Caph, e aproximadamente á mesma distancia que separa as estrelas atoparémonos con M52, que está a só un grao ao sur da estrela 4 Cassiopeiae de magnitude 5.
É visible con prismáticos, cun telescopio pequeno podemos obter unha mellor resolución. O outono é a mellor época do ano para observalo. Na foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e a SGHN, podemos ver a súa beleza. Nas proximidades atópase a Nebulosa da Burbulla.