“El ensayo de ecotoxicidad concluye que la muestra no es ecotóxica”
Así de contundente é a afirmación da empresa sobre a “caracterización de colas de flotación” na súa resposta ao informe de SGHN presentado no trámite de consultas do proxecto de mina de Touro. Pero esa rotunda afirmación baséase:
- Nunha única mostra (APT20171218).
- Nun suposto “estudio ecotoxicolóxico” no que só se fixo un ensaio de crecimento dun único organismo sobre o lixiviado obtido desa única mostra.
Para rematar a absoluta falta de representatividade e credibilidade dese presunto “estudio ecotoxicolóxico”, o microorganismo elexido é … MARIÑO: Photobacterium phosphoreum. Onde están as análises de ecotoxicidade sobre os organismos dos solos (comunidades microbianas, micro e mesofauna, …), a flora e fauna terrestre e fluvial da zona de afectación da mina?
Metais pesados
En contraste cos datos da devandita mostra APT20171218, as análises de 1.026 mostras das rochas de Touro feitas pola empresa indican que:
- Os promedios están dentro dos niveis xenéricos de referencia para Galicia (NGR-Galicia).
- Nun número non especificado de mostras das zonas mineralizadas (que orixinarían os estériles de flotación) algúns elementos exceden os NGR-Galicia:
- Arsénico: ata 139 mg/kg (NGR-Galicia= 50 mg/kg).
- Níquel: ata 654 mg/kg (NGR-Galicia= 200 mg/kg).
- Cadmio: ata 55,8 mg/kg (NGR-Galicia= 20 mg/kg).
Xa que logo, cabería esperar que unha parte dos estériles de flotación conteñan concentracións de arsénico, níquel e cadmio entre dúas e tres veces superiores aos límites establecidos polos NGR-Galicia. En conclusión, ademais de NON INERTES, alomenos unha parte dos estériles de flotación deberían clasificarse como PERIGOSOS.
Impacto paisaxístico
A empresa asegura ter feito “un análisis riguroso de la incidencia visual del Proyecto sobre todos los puntos de observación incluidos en un umbral de nitidez de 3500 metros”. Pero, ao contrario que noutros proxectos, nos 229 planos do “Estudio de Impacto de Integración Paisajística (EIIP) del Proyecto Touro” NON hai nin unha soa simulación do impacto paisaxístico do proxecto visto dende a superficie do terreo.
Quizais compre lembrarlle á empresa que precisamente a rás de solo é onde están situados os núcleos de poboación e onde vive a xente, alomenos a que ten os pes sobre a terra. Polo tanto, SGHN reitera que o EIIP elaborado pola empresa NON amosa o enorme impacto visual e paisaxístico que terían os depósitos de estériles para os veciños de Arinteiro.
Risco de falla das balsas
A empresa aporta o documento “7_Evaluación de la seguridad de la presa de esteriles del proyecto Touro” como “un estudio … para evaluar la seguridad de las presas de estériles del proyecto”. Pero dito documento NON é realmente un estudio NIN avalía en base a novos cálculos ou modelos a seguridade das presas, senon que se limita a unha revisión da documentación inicial da empresa.
Do mesmo xeito, no arquivo “9_Análisis de riesgos medioambientales”, aportado pola empresa na súa resposta, indícase textualmente que “No es objeto del presente ARM dar respuesta a los requerimientos de la Ley 26/2007 y de su desarrollo normativo: determinar el escenario de referencia y cálculo de la garantía financiera de la actividad… Por ello, este ARM se realiza sin determinar el índice de daño ambiental (IDM)1 de los escenarios accidentales, y sin utilizar el Modelo de Oferta de Responsabilidad Ambiental (MORA) para monetizar el escenario de referencia”.
Polo tanto, SGHN reitera que o EIA non avalía os costes humáns, sanitarios, económicos e ecolóxicos do peor accidente posible: a rotura das balsas mineiras con verquido ata o sistema fluvial Ulla-Deza. Ademais, no devandito arquivo “9_Análisis de riesgos medioambientales” as probabilidades de ocurrencia de infiltracións da balsa, rotura da balsa e fallos no sistema de drenaxe están tomados dunha tese doctoral sobre vertedoiros controlados de residuos urbáns e asimilables, sen que se xustifique a súa idoneidade para unha balsa de residuos mineiros.
Patrimonio natural: hábitat prioritario 4020
Na súa resposta a empresa pretende demostrar que no ámbito do proxecto non existe o hábitat prioritario 4020, malia a presencia da súa especie definitoria Erica ciliaris, argumentando que o solo non está enchoupado. Pero tanto esta afirmación como o suposto apoio oficial á mesma NON SON CORRECTAS. Na ficha oficial do hábitat indícase reiteradamente que son formacións arbustivas higrófilas desarrolladas sobre solos oligotróficos HÚMIDOS OU ENCHARCADOS. Polo tanto, oficialmente establécese a existencia do hábitat 4020 pola presencia de Erica ciliaris tanto en solos húmidos e aeróbicos, como enchoupados e anaeróbicos.
Compre lembrar que, de acordo coa Directiva 92/43/CEE a destrución dun hábitat prioritario só poderá ser admisible en caso de proxectos de interese público de primeiro orden, o cal non é o caso deste proxecto mineiro.
Patrimonio natural: especies ameazadas
Afortunadamente, como sinala a empresa, Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaica non foron eliminados do sistema Ulla-Deza polas actuacións mineiras pasadas. Pero iso NON implica que o tamaño e viabilidade das súas poboacións non foran afectados pola actividade mineira. Ao respecto convén salientar que están documentados os efectos negativos persistentes da antiga mina de Touro sobre o crecemento dos salmóns e a densidade das súas poboacións no Ulla (Morán et al. 2018).
Patrimonio cultural: Castro da Copa
A resposta da empresa NON aclara en absoluto as circunstancias en que foi total ou parcialmente destruido o Castro da Copa nunha data comprendida entre o peche da antiga mina e a presentación do novo proxecto mineiro. Fose casual ou deliberada para evitar atrancos ao novo proxecto mineiro (que pretende xustamente a instalación dunha mega-escombreira nesa zona), a destrución do Castro da Copa é un posible delito contra o patrimonio cultural que debería clarexarse para depurar as responsabilidades legais.
Impacto socioeconómico
Pouco mellorou a análise socioeconómica do proxecto feita pola empresa entre o documento inicial e o contido na súa resposta ao informe de SGHN. Ao respecto, SGHN reitera que:
- A perda de poboación na comarca e nos concellos no período 1970-91 no que estivo en funcionamento a mina foi máis forte (-29,8% na comarca, -22,8% no Pino e -24,5% en Touro), que no período 1991-2011 coa mina parada (-14,6% na comarca, -10,2% no Pino e -18,8% en Touro). Xa que logo, non cabe agardar que a reapertura da mina de cobre teña un efecto positivo na demografía.
- Os últimos datos de paro rexistrado amosan mínimos históricos no Concello de Touro (132 persoas) e na comarca de Arzúa (664 persoas), mentres que para Galicia, A Coruña e concello de O Pino os valores están moi próximos aos de 2008.
- A conclusión de que non existe incompatibilidade entre industrias extractivas e o sector primario dentro dunha mesma comarca carece de toda validez pois a análise en si mesma carece de sentido e está mal feita. Os datos reais amosan que nas comarcas con moito peso das industrias extractivas o peso do sector primario é menor que o promedio galego (1,31% fronte a 2,48%). É dicir: ou se potencia o solo ou o subsolo, o sector primario ou as industrias extractivas.
- As estimacións de riqueza dispoñible e postos de traballo que se crearían volven a estar mal calculados no novo informe da empresa.
O que SGHN solicita
Por todo o devandito, SGHN ven de solicitar á DX de Calidade Ambiental e Cambio Climático que teña en consideración o informe adicional de SGHN na formulación da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de “Actualización del proyecto de explotación, plan de restauración y estudio de impacto ambiental de la concesión de explotación San Rafael nº 2946, A Coruña”.