A relación entre os efectos ecolóxicos dos eucaliptos e alelopatía lévase estudando en España e Portugal dende hai 30 anos. Alelopatía é a influenza directa (positiva ou negativa) dun composto químico liberado por un organismo sobre a xerminación, crecemento, supervivencia ou reprodución doutro (FAO, Wikipedia).
Efectos nos ecosistemas
Xa en 1991 se comprobou que os compostos alelopáticos tóxicos liberados por Eucalyptus globulus poden influenciar a composición e estrutura do sotobosque da plantación (Molina et al., 1991). Segundo estes autores, o efecto é atribuible sobre todo a produtos liberados durante a descomposición das follas, que se poden neutralizar ou diluir nas capas sub-superficiais do solo.
Reigosa et al. (2000) consideran a Eucalyptus globulus como a árbore máis alelopática das usadas en plantacións forestais, pois os seus lixiviados conteñen un amplo número de aleloquímicos. Aínda que non hai estudos na península ibérica, os efectos alelopáticos dos eucaliptos son máis fortes fóra da súa área natural de distribución. Comparado con áreas abertas sen eucaliptos, a riqueza de especies vexetais diminúe un 51% en áreas nas que o eucalipto é exótico (Chile, India, USA) e un 8% onde é nativo (Australia) (Becerra et al., 2018). Estes autores atoparon que o crecemento radicular en 15 das 21 especies das zonas non nativas é fortemente suprimido polos lixiviados de follas de eucaliptos que, pola contra, teñen efectos variables (dende facilitación ata supresión) en 6 especies do seu rango nativo.
Os efectos alelopáticos de Eucalyptus globulus non se limitan aos ecosistemas terrestres pois os seus aceites conteñen compostos que limitan o crecemento de fungos acuáticos, o cal axudaría a explicar a persistencia das follas nos ríos (Canhoto et al., 2002).
Emprego como herbicidas
Algúns compostos biolóxicamente activos responsables das propiedades alelopáticas e fitotóxicas do E. globulus son tan potentes que se está a investigar o seu posible uso como herbicidas. Os resultados indican que os extractos acuosos das súas follas son prometedores como bio-herbicidas en pre-emergencia (Puig et al., 2018).
Máis sobre eucaliptos e ecosistemas
Este artigo forma parte da colección desta web sobre eucaliptos e ecosistemas, que está baseada nunha revisión bibliográfica de publicacións científicas incluidas no “Journal Citation Reports” da “Web of Science/Web of Knowledge”. As palabras chave empregadas na búsqueda foron “eucalyptus” e “eucalypte(s)”. Nalgúns temas con pouca información dispoñible, incluíronse ademais algunhas publicacions de Galicia e Portugal non recollidas no JCR. Seleccionáronse só estudos feitos na península ibérica e, moi excepcionalmente, noutras zonas de clima semellante (que de ser o caso indícanse no texto). Outros artigos xa dispoñibles nesta web con información sobre os efectos dos eucaliptos nos ecosistemas:
Bibliografía citada
- Becerra, P.I., Catford, J.A., Inderjit, Luce McLeod, M., Andonian, K., Aschehoug, E.T., Montesinos, D., Callaway, R.M. 2018. Inhibitory effects of Eucalyptus globulus on understorey plant growth and species richness are greater in non-native regions. Global Ecology and Biogeography 27, 68-76.
- Canhoto, C., Barlocher, F., Graca, M.A.S. 2002. The effects of Eucalyptus globulus oils on fungal enzymatic activity. Archiv Für Hydrobiologie 154, 121-132.
- Molina, A., Reigosa, M.J., Carballeira, A. 1991. Release of allelochemical agents from litter, throughfall, and topsoil in plantations of Eucalyptus globulus Labill in Spain. Journal of Chemical Ecology 17, 147-160.
- Puig, C.G., Reigosa, M.J., Valentão, P., Andrade, P.B., Pedrol, N. 2018. Unravelling the bioherbicide potential of Eucalyptus globulus Labill: Biochemistry and effects of its aqueous extract. PLoS ONE 13.
- Reigosa, M.S., Gonzalezy, L., Souto, X.C., Pastoriza, J.E. 2000. Allelopathy in forest ecosystems, In: Narwal, S.S., Hoagland, R.E., Dilday, R.H., Reigosa, M.J. (Eds.), Allelopathy in Ecological Agriculture and Forestry, pp. 183-193.