Na procura do Abellaruco. 10ª edición, por terras de Viana e A Gudiña

Alguén o dubidaba?

Pois sí, con todas as circunstancias deste ano, fomos quen de celebrar de novo esta “Festa do verán” da Sección Antela de SGHN. Houbo que darlle un novo formato, eliminamos o xantar de confraternización e as visitas a distintas explotacións agrogandeiras, museos, etc. A cambio FIXEMOS DÚAS XORNADAS, adaptadas a grupos diferentes facilitando a adopción das medidas de distanciamiento social derivadas do covid-19, tratando de evitar núcleos habitados e aglomeracións innecesarias. Neste ano tan especial, escollemos as terras de A Gudiña e Viana do Bolo para ambas xornadas. Os itinerarios foron parcialmente coincidentes, pero con puntos de atención diferentes en relación aos obxectivos de cada saída.

Primeira xornada

Avifauna das paisaxes agrarias tradicionais

Deseñada e plantexada para os participantes no curso de iniciación á ornitoloxía celebrado entre outubro e decembro do pasado 2019 e para os participantes nos concursos de identificación de aves realizados durante e despois do confinamento. O obxectivo principal foi profundizar na identificación de campo e no coñecemento xeral das aves.

O día 11/07/2020 comenzou a xornada nas inmediacións da Gudiña. Alí practicamos a determinación das 5 especies presentes de apodiformes e hirundínidos: Apus apus, Hirundo rustica, Cecropis daurica, Delichon urbica e Ptyonoprogne rupestris.

As paisaxes agrarias tradicionas, con prados separados por sebes, bordes de pistas con arbustos variados, bosquetes aillados e pequenos cursos de auga e estanques que se atopan no entorno inmediato da localidade son lugares extraordinarios para observar un bó número de especies como Saxicola rubicola, Motacilla alba, Motacilla flava, Carduelis cannabina, Carduelis carduelis, Ciconia ciconia, Lanius meridionalis, incluso Passer domesticus moi bien aclimatado a estas zonas agrícolas.

O itinerario avanza a través de pobos con distintas paisaxes agrícolas e gandeiras típicas da zona destacando os soutos centenarios xunto coas novas plantacións de castiñeiros que evidencian o interese da especie para as economías locais. Coa diversidade de hábitats, as observacións de novas especies van en aumento: Pyrrhula pyrrhula, Phylloscopus bonelli, Regulus ignicapilla, Periparus ater, Oriolus oriolus. Tamén rapaces como Falco subbuteo, Milvus migrans, Buteo buteo ou Hieraaetus pennatus.

Na procura do abellaruco

Insistentemente escudríñase o ceo e afínase o ouvido buscando a estrela da xornada: O ABELLARUCO. Mentres o grupo vaise achegando aos lugares con maior probabilidade de presencia do Merops apiaster… Ata que nuns cables de Solveira aparecen os primeiros exemplares. Algo lonxe e difíciles de observar “tapados” polas copas das árbores. Pero queda aínda o punto central de observación no cal atopamos unha colonia de cría chegando a contabilizarse como mínimo 15 individuos cazando, pousados alimentándose, pousados descansando, voando, … todo un espectáculo.

Pola tarde, despois dun xantar de campo á sombra duns fermosos castiñeiros no santuario do Pai Eterno en Quintela de Umoso, decatámonos de cómo cambia a actividade das aves, reducíndose nas horas centrais do día e máis coa calor. Pero aínda queda tempo para buscar algunhas especies máis difíciles de observar, en especial Phoenicurus phoenicurus e Emberiza hortulana.

Tras disfrutar dunhas vistas aéreas das borreas de Caldesiños, a xornada remata ao bordo do encoro do Bao cós voos acrobáticos de cirrios, e anduriñas. O reconto ao final do día deu un total de 50 especies de aves observadas polo grupo.

Segunda xornada

Proxectada para público en xeral intercalando a observación ornitolóxica e a procura do abellaruco con outros contidos ambientais, xeolóxicos, etnográficos e patrimoniais. Arrancou o día 18/07/2020 coa observación das aves insectívoras urbanas que sobrevoaban o punto de encontro na Gudiña. Os asistentes aprenderon as chaves para identificar as tres especies máis comúns: cirrio común, anduriña común e anduriña de cú branco. Informouselles ao mesmo tempo do impacto destas especies no control de insectos, e, consecuentemente, da problemática asociada ao uso de insecticidas.

Xa fóra do núcleo urbano máis nas súas inmediacións, a observación de aves intercálase con información diversa sobre algunhas das actividades que realiza SGHN como os censos de Cegoña branca ou falando da importancia da conservación da biodiversidade e a natura en relación cós actuais e futuros problemas sanitarios, así como a introducción de especies exóticas e as súas consecuencias ás veces devastadoras. Aproveitando algunha parada tamén se realiza unha pequena aproximación ao mundo das bolboretas.

Os abellarucos resístense

Ao mesmo tempo observamos o ceo e aguzamos o ouvido na busca da nosa estrela deste día: o abellaruco. Nesta ocasión non aparece nalgúns dos lugares de presencia habitual. Pero como ben din os organizadores, pouco a pouco “ímonos achegando” aos puntos con maiores posibilidades.

Efectivamente, nun lugar moi axeitado para a observación, na sombra dun castiñeiro ao borde da estrada e con lugar suficiente para aparcar e non molestar, aparecen os primeiros exemplares pousados nas puntas secas das árbores e nos cables. Moitas veces con presas no peteiro, frecuentemente bolboretas e libeliñas, aínda que tamén algún himenóptero. Unha vez máis lembramos que, si ben parte da alimentación da especie fai referencia ao seu nome vulgar (abellaruco) e científico (apiaster), referímonos, como non, ás abellas, en realidade a sua dieta é variada. A data de hoxe, nalgúns lugares mesmo pode ser un aliado na loita contra o avance de Vespa velutina. Como curiosidade, o noso compañeiro José Ramón lévanos ao seu terreo: a xeoloxía relacionando de xeito maxistral as características da xea do terreo coa ubicación dos niños dos abellarucos.

Arquitectura relixiosa e civil

E xa vai sendo tempo de descanso e refrixerio. O santuario do Pai Eterno e a sombra dos seus castiñeiros acóllenos unha vez máis ofrecéndonos unha zona tranquila e fresca para xantar, descansar e charlar nun día certamente caluroso. No santuario ábrese o “eterno” debate sobre a súa ubicación, poder económico, arquitectura e arte, imbricada na historia. Desde ahí desprazámonos polas estradas estreitas do concello de Viana do Bolo con algunha que outra parada para observación, ata chegar á capela de San Ciríaco na estrada de Fradelo a Bembibre.

Desde as inmediacións da capela vemos a ubicación do foxo de lobos de Entrecabezas recentemente restaurado. Sobre a súa importancia, significado, estrutura e funcionamiento fálanos con moito detalle o noso amigo Juan, precisamente quen o descubrira e comunicara a Patrimonio da Xunta de Galicia.

Minería histórica e contemporánea

Igual que o sábado anterior naquela primeira xornada, paramos no noso “mirador” sobre o encoro do Bao. Dende alí ollamos os restos da minería romana nas borreas de Caldesiños e a mina reactivada de Penouta na que despois de terse extraído wolframio e estaño durante décadas, hoxe reaproveitanse as súas escombreiras para procurar tantalita.

Sendo a minería un dos puntos de interese de Viana do Bolo nada mellor que achegarnos ao río Camba nas proximidades de Pradocabalos. Alí atopamos moitos elementos de interese que poucas ou moi poucas persoas coñecen, por exemplo, rochas con cristais de andalucita que veñen a indicar a existencia dn metamorfismo de baixa presión e alta temperatura.

A topografía do lugar, cun pronunciado meandro, fixo que o río favorecera a deposición de materiais que nalgún momento da historia foron parcialmente explotados para a extracción de ouro como nos explican detalladamente os nosos expertos José Ramón e Juan.

Rematando a xornada

E vai finalizando a xornada cun paseo pola beira do río observando todo o que se pode. En especial os muíños de auga tradicionais e as súas estruturas auxiliares, así como a flora e fauna do lugar.

Ata aquí o resumo da experiencia deste ano na procura do abellaruco, distinta e adaptada a esta nova normalidade. Pero, coma sempre,  realizada coa intención de dar a coñecer o moito e bó que temos na nosa provincia.

Unha vez máis, pensamos que foron todo un éxito, moi gratificantes e con moito saber e coñecemento transmitido. Como sempre dar as grazas a todos os participantes pola súa colaboración e o exquisito e solidario comportamento e seguemento das normas sanitarias. Tamén agradecer aos expertos en fauna, flora, xeoloxía, arqueoloxía, etnografía e patrimonio, que fixeron posible que

UNHA VEZ MÁIS QUEDAMOS COAS GANAS DE REPETIR