Nitratos, agricultura e gandería
En promedio, na Unión Europea a agricultura é responsable dun 77% das emisións de nitróxeno ao medio ambiente (Unión Europea, 2021), pero en Galicia esta cifra sube ata o 91% do total (Dirección General del Agua, 2020). Desas emisións agrícolas, un 81% das que chegan aos ecosistemas acuáticos e un 87% do amoníaco emitido á atmósfera son producidas pola gandería. No conxunto da Unión Europea o balance de nitróxeno nas terras agrícolas reflicte un exceso de 32,5 kg/ha/ano (Unión Europea, 2021). En Galicia o exceso de nitróxeno é un 29% maior (41,9 kg/ha/ano; Dirección General del Agua, 2020) que no conxunto da UE, pero hai cinco anos na comarca de A Limia e en partes das comarcas do Deza e Chantada o excedente de nitróxeno (máis de 170 kg/ha/ano) xa quintuplicabla o promedio da UE (Dirección General del Agua, 2017).
“Analizando os excedentes netos por hectárea, destacan por encima da media os valores excedentarios da Comunitat Valenciana e a Región de Murcia, xa que fan un maior uso de fertilizantes ao posuír unha agricultura máis intensiva en termos relativos, e Galicia e Cataluña polo maior peso da gandería nestas comunidades” (Dirección General del Agua, 2020). Os mapas incluidos nos dous últimos informes cuatrienais da Dirección General del Agua (2017, 2020) amosan claramente que Galicia é a terceira comunidade autonóma con maior excedente de nitróxeno por hectárea e cales son as comarcas galegas nas que este problema ambiental e sanitario é máis grave.
Non é de estrañar, pois, que en Galicia abonden os puntos de mostraxe que amosan un incremento forte (máis de 5 mg/litro) da concentración de nitratos nas augas superficiais entre o periodo 2012-2015 e 2016-2019 (triángulos vermellos no seguinte mapa).
A táctica do avestruz da Xunta de Galicia…
Xunto con Asturias e Cantabria, Galicia é das poucas Comunidades Autónomas que “declarou formalmente a non designación de zonas vulnerables no seu territorio” (Dirección General del Agua, 2020). Pero no procedemento sancionador nº 2018/2250 a Comisión Europea puxo de manifesto a presenza de niveis significativos de eutrofia en varios puntos localizados nas concas internas de Galicia e a obriga, por tanto, de declaración de Zonas Vulnerables (Dirección General del Agua, 2020).
… fai que empeore a contaminación por nitratos na Limia
Os datos oficiais facilitados á SGHN pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil revelan que a contaminación por nitratos nas augas subterráneas de A Limia está a empeorar de xeito sostido. A concentración media de nitratos no trienio 2020-22 (19,4 mg/litro) foi xa un 49,2% maior que a rexistrada no trienio 2014-16 (13,0 mg/litro). Apenas a metade das estacións de mostraxe (só 11 de 25) nunca rexistraron concentracións de nitratos superiores aos 30 mg/litro, indicativa dunha calidade da auga preocupante. No trienio 2020-22 a frecuencia de mostras analizadas a piques de ser legalmente “NON potables” (un 15,0%) triplicou a dos periodos anteriores (4,5 e 5,0%)(véxase táboa abaixo). Aínda máis preocupante, as mostras que superaron o límite legal de 50 mg/litro (é dicir, “NON potables”) no trienio 2020-22 foron xa un 6,3% do total, duplicando ou triplicando as porcentaxes observadas nos trienios anteriores (3,6 e 2,1%).
Nitratos e eleccións
Os datos oficiais amosan que a contaminación das augas na Limia por nitratos constitúe un problema ambiental e un perigo para saúde humana. Con retraso, o pasado mes de maio, o Ministerio para a Transición Ecolóxica actualizou o mapa de augas afectadas pola contaminación por nitratos e fosfatos de orixe agro-gandeira, incluindo varias masas de auga superficiais e subterráneas da chaira limiá. O seguinte paso legal é que a Xunta de Galicia declare A Limia como zona vulnerable, o cal implicaría unha restricción na cantidade máxima de xurros e estercos que se poden aplicar. Pero estas medidas imprescindibles para resolver o problema serían impopulares entre os causantes do mesmo polo que “A Xunta apurará os prazos para a declaración de zonas vulnerables por contaminación en A Limia” polo “posible custe electoral”.
Consecuencias da irresponsable dilación en tomar medidas
Adiar as medidas necesarias para resolver un problema nunca é unha boa estratexia, pero no caso da contaminación dos acuíferos por nitratos é a pior de todas. A enorme dificultade de reverter a contaminación por nitratos nas augas subterráneas, un feito ben coñecido entre científicos e especialistas, reflíctese con toda a súa crueza no prognóstico de recuperación dos acuíferos oficialmente declarados como contaminados (Dirección General del Agua, 2020). Como amosa o mapa extraído do último informe anual de seguemento da Dirección General del Agua, a meirande parte dos acuíferos contaminados en 2019 non se recuperarán antes de 2039 como moi cedo (puntos violetas e vermellos no mapa) mesmo reducindo nun 25% a presión actual nas zonas vulnerables.
Á vista de toda a información oficial, a deixadez interesada da Xunta de Galicia no caso da contaminación por nitratos na Limia (e noutras comarcas con mala evolución do problema) é un crime contra o medio ambiente e a saúde das persoas. Inexplicablemente, ou non, o medio cento de escritos de SGHN á Xunta de Galicia dende 2008 reclamando unha moratoria á instalación de novas granxas industriais ou ampliación das existentes na cabeceira do Limia foron ignoradas. O mesmo aconteceu coas denuncias contra os responsables da Xunta de Galicia presentadas por SGHN diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense. Seica os limiaos non teñen dereito ao acceso a auga limpa. Seica o medio ambiente da bacía do Limia, con media ducia de figuras legais de protección, non lle interesa nada ás nosas “autoridades INcompetentes”.
Bibliografía citada
- Dirección General del Agua (2017). Informe de seguimiento de la Directiva 91/676/CEE Contaminación del agua por nitratos utilizados en la agricultura. Cuatrienio 2012-2015. España. Secretaría de Estado de Medio Ambiente. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
- Dirección General del Agua (2020). Informe de seguimiento de la Directiva 91/676/CEE Contaminación del agua por nitratos utilizados en la agricultura. Cuatrienio 2016-2019. España. Secretaría de Estado de Medio Ambiente. Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
- Unión Europea (2021). Informe de la Comisión al Consejo y al Parlamento Europeo sobre la aplicación de la Directiva 91/676/CEE del Consejo, relativa a la protección de las aguas contra la contaminación producida por nitratos utilizados en la agricultura, basado en los informes de los Estados miembros para el período 2016-2019.