Premio “Pedra Alta 2022” para a Sección Antela!

O Premio Pedra Alta, instituido en 2017 polo Museo da Limia (Vilar de Santos, Ourense), concédese cada ano a persoas ou entidades “cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio”. O Padroado do Museo da Limia ven de conceder por unanimidade o Premio Pedra Alta 2022 á Sección Antela de SGHN.

Constituida en 2011 coincidindo co 40º aniversario da Convención de Ramsar, a Sección Antela de SGHN leva dende entón traballando a prol do medio natural e a calidade de vida das persoas na Limia con dous obxectivos básicos:

  • Coñecer, divulgar e salvagardar os valores naturais e tradicionais da comarca de A Limia, así como buscar a oportunidade de potencialos.
  • Compatibilizar a recuperación de humidais e zonas marxinais de A Limia coa explotación agro-gandeira sostible, sen afeccións negativas aos sectores económicos produtivos.

O comunicado do Padroado do Museo da Limia salienta os motivos do recoñecemento outorgado á Sección Antela: “Esta Terra que coñece tan ben as agresións, as feridas e as cicatrices que deixan diferentes actuacións históricas e actuais sobre as persoas e o medio natural, debe recoñecer o valor do traballo, tanto de persoas como grupos que están aí, defendendo o territorio, poñéndoo en valor, dando alternativas, subliñando que a mellor defensa da vida das persoas é manter en bo estado o medio no que se vive.

A Sección Antela de SGHN considera unha enorme honra que o primeiro premio que recibe veña nada menos que do Museo da Limia. Como non podería ser doutro xeito, a Sección Antela brinda este premio a todos os voluntarios, “BEóNFEITORES” e simpatizantes que co seu apoio e traballo incansable están a demostrar que outra Limia é posible.

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela.

Traballos no predio de SGHN na Veiga de Vilaseca: o “Humidal Antonio Villarino